O 2019 no audiovisual galego, o ano no que a nosa lingua se escoitou por todo o mundo

2019 remata e o audiovisual galego viviu un ano cheo de éxitos. Un ano onde se fixo historia tanto nas salas de cinema e festivais como no streaming. Tanto nas longamentraxes como nas series. E sen obviar a gran calidade dos produtos, onde unha vez máis o talento destaca por encima de todas as cousas, o máis destacado non é o que aconteceu aquí. O que pasou nas rúas, bosques e casas galegos, senón fóra. Porque o audiovisual galego en 2019 chegou máis aló de Valdeorras -que se di na miña casa- como nunca. E iso si que é algo que celebrar.

E se falamos de repercusión, o gran protagonista é O que arde, o filme de Óliver Laxe. Ademais de ser unha das grandes películas do ano e ser premiada no Festival de Cannes (sendo a primeira película en galego en ter presencia no mesmo), bateu o histórico rexistro de Sempre Xonxa en número de espectadores. Á hora de escribir estas liñas supera as 65.000. Sen dubida, un momento que se lembrará sempre no audiovisual galego.

O máximo responsable de que isto rematara así foi Numax Distribución, encargado de idear as bases para mover o filme. Ademais, cabe destacar os principios que fundamentaron a este proceso. A pesar dunha estrea estatal, non se presentou fóra de Galicia unha versión dobrada, polo que todos os espectadores que viron O que arde, escoitárona en galego. Do mesmo xeito, a preestrea do filme foi no festival Curtocircuíto, en Santiago de Compostela e non en Madrid ou Barcelona. Con este tipo de decisións tamén se fai país.

Numax tamén distribuíu Longa noite, a terceira longametraxe de Eloy Enciso e a que máis nivel mostrou ata hoxe. Nun estudo sobre os mecanismos sobre as que se sustentou a sociedade franquista na súa primeira etapa, o meirego firma un filme que explora o tempo sen renunciar a ter unha estética moi coidada e ao propio estilo do director. Unha obra que lle valeu para gañar, entre outros, o premio á mellor dirección no prestixioso festival de Locarno.

NETFLIX TAMÉN FALOU GALEGO

Pero se houbo unha obra que fixo escoitar a lingua galega fora das nosas fronteiras, esa é O sabor das margaridas. Producida por CTV e emitida en primeiro termo pola Televisión de Galicia, chegou a Netflix e conseguiu acadar importancia a nivel internacional.

É complicado cuantificar o éxito da serie por mor do hermetismo das compañías de streaming á hora de facilitar datos de audiencia, mais polo que se sabe, foi top ten de series non inglesas no Reino Unido e un grande éxito tanto no Estado español como en América Latina. Nestes momentos está a rematar de gravar a súa segunda tempada.

Non foi a única serie galega en triunfar este ano, aínda que esta se xunta cun aire canario. Hierro é a serie dirixida por Jorge Coira e creada polo seu irmán Pepe. A obra contou tamén cunha ampla parte do seu equipo técnico do país. Foi un dos grandes éxito do ano para Movistar+ e colleitou o Premio Ondas que a distingue como mellor serie.

MÁIS CINEMA

O propio Jorge Coira, xunto a Xesús Ron, dirixiu un dos filmes máis destacados deste final de ano: Eroski Paraíso, a adaptación da obra da histórica compañía Chévere. O filme retrata dende a historia local da discoteca Paraíso en Muros transformada hoxe en día nun Eroski moitos temas de actualidade galega cun enfoque diferente e facendo fincapé en construír e seguir cara adiante sen esquecer o pasado.

Outra persoa que traballou en Hierro, esta vez como montadora, é Diana Toucedo. No súa primeira aventura na longametraxe como directora, foise ata Os Ancares en Trinta Lumes. O filme conta un relato onde a fantasía remata comendo co costumismo nunha película moi rica no visual no atmosférico e con moitas capas a nivel narrativo. Tamén convén destacar Arima, o filme rodado en Mondoñedo por Jaoine Carmborda que aínda non viu a luz, máis participou na sección oficial do Cineuropa.

ENTRE PROPOSTAS E PLATAFORMAS

Non todo é Netflix e grandes plataformas. Nesta efervescencia do Streaming hai unha grande cantidade de plataformas máis aló das máis mediáticas, como Playz, que estreou en marzo Antes de perder, unha serie de sete capítulos dirixida e producida por Sonia Méndez. Unha road-movie cun enfoque feminista fotografada por Lucía C. Pan.

Tamén cómpre destacar Quen a ferro mata, o filme producido por Vaca Films, que se coloca como un das longametraxes máis interesantes do ano no Estado español. A obra, interpretada magnificamente por un Luís Tosar que fai un gran traballo de contención, está dirixida por Paco Plaza.

Tamén é importante lembrarse curtametraxes que están en pleno percorrido de festivais como Limbo, de Dani Viqueira, ou Homomaquia, de David Fidalgo Omil, recentemente nomeado para os premios Goya ou 16 de decembro, a curta de Álvaro Gago, director de Matria.

En definitiva, un 2019 que remata no bo camiño. Un ano no que no audiovisual galego, cos problemas estruturais dos que son conscientes todos os que traballan nel, estase a traballar por ter un modelo de distribución acorde co talento implícito nas producións. Despois de tomar as uvas ten razón de ser brindar por un 2020 no que o audiovisual galego teña aínda máis incidencia. Un novo ano no que, ao final, todos os que o seguimos continuemos desfrutando de como fornece.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.