O certame Curtas Armadiña está de volta

A quinta edición do certame audiovisual Curtas Armadiña, celebrado en Poio, está de volta cunha ampla programación chea de proxeccións audiovisuais e actividades paralelas que comezarán este luns 11 de novembro e continuarán ata o domingo 17.

Este ano, Curtas Armadiña recoñecerá coa súa áncora máis especial a Sonia Méndez. A directora e actriz, que naceu en Vigo e transitou distintas xeografías vitais, pasou parte da súa infancia e adolescencia en Poio. Con este galardón, o festival pretende recoñecer e salientar o labor dunha profesional do audiovisual galego contemporáneo, neste caso mesmo ligada ao concello sede do certame.

As proxeccións oficiais celebraranse entre o venres e o sábado a partires das 19:00 horas no Fogar Armadiña, onde se poderán ver máis de vinte curtametraxes diferentes entre as que se atopan obras como Limbo de Daniel Viqueira. O Curtas Armadiña tamén contará con proxeccións de cinema local e de videoclips que se poderán ver entre estas dúas xornadas. O programa completo pódese consultar na web do festival.

O certame audiovisual tamén ofrece tres obradoiros de balde. O luns 11 de novembro terá lugar o primeiro obradoiro para persoas adultas a partir das 19:00 horas, titulado ‘Quero producir! Aspectos básicos da produción, rodaxe e distribución dun filme’. Estará dirixido por Laura Doval, social media manager, socia cofundadora da produtora Gaitafilmes e produtora executiva e xefa de comunicación do filme Dhogs. Falarase de produción executiva, produción de campo, desenvolvemento de proxectos, equipos técnicos e artísticos, e tamén se ofrecerán unhas pinceladas de márketing e distribución.

O martes 12 de novembro, tamén a partir das 18:00, será a quenda do son cunha ‘Introdución ao audio para ficción’ impartida por Pablo Viña, técnico de bandas e captación/postprodución. As persoas asistentes serán capaces de establecer a grandes trazos o deseño de captación e postprodución dun guión de ficción.

O mércores 13 de novembro, o actor Xosé Manuel Esperante, cunha ampla experiencia tanto no audiovisual como no teatro, dirixirá a partir das 18:00 ‘Que non te pillen actuando!’, no que converxerán reflexións e prácticas desde a cinefilia e a experiencia profesional arredor do traballo actoral no cinema. Cómpre traer roupa cómoda.

As inscricións para estes tres obradoiros realizaranse a través do correo curtas.armadinha@gmail.com indicando nome do obradoiro, nome completo, data de nacemento e número de teléfono. As inscricións aceptaranse por orde de chegada e establécese un máximo de 15 prazas por obradoiro.

Pódeche interesar...
Élite, o morbo como bandeira