‘O escuadrón suicida’: Facendo das tripas corazón

Escuadrón Suicida (David Ayer, 2016) foi unha película malísima. Nada que non se saiba a estas alturas. É demencial. É espantosa. É… demasiado. Por iso parecía un auténtico acto suicida, nunca mellor dito, que alguén quixera volver intentar algo con ese grupo de personaxes. Pero apareceu James Gunn, como flamante incorporación ao DCEU logo do seu affaire -xa solucionado- con Disney. O resultado desta vez é tan sorprendente coma satisfactorio.

O director e guionista das dúas cintas d’os Gardiáns da Galaxia, que dirixe e escribe esta secuela/reboot/o que sexa, inscribe esta nova aventura do grupo suicida no formato superheroico de autores como Mark Millar (Kick Ass, Kingsman) ou Garth Ennis (The Boys). É dicir, que o ton irreverente, a violencia gore e o humor negro ou escatolóxico son partes fundamentais do discurso.

Vai máis alá, incluso: O Escuadrón Suicida é abertamente estúpida. No bo dos sentidos. Non ten medos nin complexos; sabe o que é, e goza da súa condición como entretemento. Os protagonistas son un bo exemplo disto: non só é que se comporten coma parvos, é que os seus propios poderes ou características o son. Está o que lle tira motas á xente, a que controla as ratas, o que é capaz de separar os brazos do corpo pero non ten superforza nin nada… Un caos. Pero aí está a maxia da cinta: remata conseguindo ouro con eses personaxes.

A trama é outra parvada maiúscula, que apenas serve como pretexto para liberar todos os chistes e esceas de acción. Nese sentido, pode ser unha das películas máis “comiqueiras” da historia, tanto por ese ton desenfadado como pola propia composición das escenas. Por exemplo, con como introduce ou cambia de “capítulos” con planos subxetivos, aproveitando os obxetos do escenario.

Un pouco de todo, todo o tempo

Porén esa incontinencia creativa tamén lle xoga malas pasadas. A película abarca demasiado, e vese que faltou algo de man dura á hora de escoller e seleccionar. Por exemplo, ten problemas severos de ritmo na dirección e o guión: hai demasiadas idas e venidas no tempo, que cortan a continuidade da narración e fragmentan moito a cadencia de escenas.

Tamén a música, un dos elementos máis icónicos do cine de Gunn, vese afectada por ese problema. É xenial, claro, pero abruma ás veces porque case todas as escenas teñen algunha canción, o que provoca certo cansazo no espectador. En calquera caso, tanto os temas escollidos por James Gunn, que xa sabemos todas o bo gusto musical que ten, como especialmente a propia música orixinal da película, a cargo de John Murphy, están moi ben. Velaquí a proba.

E tamén ocorre o mesmo co guión. Nesta ocasión, a James Gunn non lle quedou tan redondo e notable como nos ten afeitos. Non chega a crear personaxes tan carismáticos coma os Gardiáns da Galaxia, nin é tan bo e divertido -o humor funciona ben a maioría das veces, pero hai ocasións en que non-, mais a película é moi entretida, sobre todo a partir da segunda metade. Porén, o seu maior acerto, na miña opinión, é que máis aló de ser divertida tamén é moi emocionante. Emotiva, incluso. O final, tanto a pelexa como todo o que ten que ver cos heroes -sobre todo Ratcatcher 2, alma da cinta-, é xenial nese sentido, e moi inesperado.

Das tripas, ao corazón

O desenlace, por entendernos, aseméllase ao de Gardiáns da Galaxia Vol.1 -hai incluso certas esceas que parecen homenaxear esa cinta e a primeira d’Os Vingadores-: é a consagración e redención duns inadaptados, cos seus problemas e traumas, como heroes que nos importan. E quizais iso era o que lle faltaba a DC, algo que esta película ten a fartar: corazón.

E non o digo polo gore e as vísceras, aínda que abunden. Dígoo porque, máis alá do espectáculo e o sangue, hai sentimentos bonitos e sinceiros na película. E probablemente segue sen ser o peliculón definitivo que confirme a DC como competidor digno do UCM, pero é un exercicio interesante de cara a ver como continúa este universo. Dio alguén, coma min, que apenas desfrutou nada coas historias anteriores.

En definitiva, O Escuadrón Suicida é unha boa película, aínda que excesiva en moitos momentos, e chea de decisións cuestionables e pequenos erros. Con algo máis de contención, e xestionando mellor o ritmo e o guión da primeira metade da cinta, falariamos doutra cousa. Pero é innegable que, pese á súa imperfección, está feita con moito agarimo. Polo menos a min, co seu gran clímax, conquistoume. Xa sabedes: facede de tripas corazón, e ide vela se vos gusta o xénero. Paga a pena.

Dirección: James Gunn
Guión:James Gunn
Fotografía: Henry Graham
Música: John Murphy
Ano: 2021
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.