‘O inocente’: O paradigma do modelo Netflix para series

É unha mágoa, pero hai bastante que Netflix non estrea unha serie destacable. Obviamente hai que entender os condicionantes pandémicos e a produción non pode ser tan abundante e tan variada como antes. Pero nos últimos tempos, as series orixinais da plataforma parece que se impuxeron nun modelo de consumo baseado en comer unha manchea sen degustar. A miña intención non é botarlle merda a ninguén, dun xeito regular Netflix segue publicando películas destacables, pero o tema das series xa non parece casual, senón unha decisión editorial lícita pero criticable.

E mira que O inocente tiña boa pinta. Non só porque o thriller sexa un xénero no que se moven outras producións da plataforma, senón polos nomes que hai detrás. Oriol Paulo dirixe e escribe e parecía un nome no que confiar, experto no xénero e cunha traxectoria interesante, como Os ollos de Julia e Contratempo. Ademais, o elenco de actores tamén prometía con nomes como José Coronado ou Mario Casas.

E nos primeiros capítulos, realmente a serie mantén o tipo. Presenta un misterio sen resolver do que se vai abrindo diferentes subtramas marcadas pola culpa que senten os personaxes. Hai constantes xiros (quizais demasiados), pero dende logo era un bo produto de entretemento que mantén a tensión en todo o seu metraxe. Pero a medida que vai avanzando a obra, todo isto se cae nun foso bastante profundo.

Nesta serie, o motivo para seguir é o crebacabezas formado polos seus misterios. A base está ben formada, as cuestións provocan curiosidade e unha razón para seguir vendo o seguinte episodio. O problema é que estas cuestións son resoltas moi rápido e moitas veces dun xeito anticlimático. Por exemplo, nun comezo de episodio nun dos monólogos cos que comeza cada capítulo. Dun xeito que só funcionará se estás vendo a serie modo maratón.

Porque parece ser precisamente este o obxectivo. E non só por este motivo, senón por como avanza a trama. Moitos xiros son tan inverosímiles que só se poden aceptar se o único que necesitas ver é como acaba. Se intentas velo con ollo crítico e dun xeito pausado, a serie simplemente cae. O único que a salva certamente son unhas interpretacións bastante boas e un apartado técnico que aínda funcional, é precisamente o que serie pide.

O inocente é o paradigma do modelo que quere Netflix para as súas series. Consumo rápido, dun xeito maratoniano e sen pensar moito. Esta decisión é respectable e obviamente haberá moitas persoas que desfruten da serie, e ben que me alegro. Pero dende logo, parece que a compañía hai tempo que elixiu un camiño concreto e non se arrepinte.

Creador: Oriol Paulo
Guión: Jordi Vallejo, Oriol Paulo, Guillem Clua. Novela: Harlan Coben
Fotografía: Bernat Bosch
Música: Fernando Velázquez
Ano: 2021
País: España
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.