‘O pai’: Unha película para non ver o 19 de marzo

O primeiro de todo, debo de ser honesto con quen se atope este texto pola rede. Non estou ben. A culpa tena esta película. O debut na dirección de Florian Zeller adaptando a súa propia obra teatral non podería ser máis demoledora. E chama a atención iso, que o autor da obra dirixira a película. É un feito nada habitual. Ninguén mellor que o autor para coñecer o seu material, aínda que tamén se corre o risco de querer ser tan respectuoso co mesmo, que xamais faga unha boa película. Que lle pregunten a Stephen King.

O pai narra a historia dun ancián chamado Anthony. E esta personaxe é tan grande que merecía o nome de alguén tan grande como quen o interpreta, Anthony Hopkins. É un papel para lucirse e ganar todos os premios posibles. Toda a película xira a través da súa persoa, dos seus xestos, da súa incomprensión, das súas frustracións e das súas lembranzas. Ou da súa ausencia. Porque Anthony ten Alzheimer.

Dicía Mario Benedetti que o esquecemento do poeta é un esquecemento cheo de memoria. E o do protagonista tamén, e dun xeito moi doloroso. Lonxe de presentar unha película sobre a importancia do núcleo familiar cun ton melodramático, presenta po unto de vista doafectado. E para iso, usa códigos de thriller. Existen cousas contraditorias, hai personaxes que aparecen e desaparecen e se establece un xogo de complicidade entre o espectador e a perda de memoria nun exercicio de honestidade tan duro e tan brutal que o resultado é destrutivo. Coa axuda de Hopkins, por suposto, cuxa interpretación merecería un texto aparte.

O acerto do filme é non ter medo de mostrar a dureza, pero mostrala dun xeito realista e crible, o que o fai mil veces máis complicada de asimiliar. O pai é lacrimóxeno pero de verdade. As persoas que teñan no seu entorno xente con certa idade (aínda que estean nunha situación moi diferente a do protagonista) recoñecerán certos comportamentos, certos tics… e mete medo. Mete moito medo polo plausible e o realista do presentado.

Tamén presenta dun xeito frontal o debate sobre a responsabilidade dos fillos cos seus maiores encarnado na personaxe interpretado por unha Olivia Colman moi destacable. Ata que punto se debe chegar para coidar ás persoas maiores? Nisto afectan os erros do pasado? Non hai resposta no filme ni pretende habela, pero si que se mostra un proceso como mínimo complicado.

E pouco máis. O pai é un filme moi bo e intelixente, que lle pode valer a Hopkins o Oscar a mellor actor protagonista. Iso si, dende logo o recomendable é non vela o 19 de marzo. O Día do Pai non se merece o mal trago. Eu pola miña parte despídome, que o único que quero facer agora mesmo é ver o meu avó.

Directora: Florian Zeller
Guión: Florian Zeller, Christopher Hampton
Fotografía: Ben Smithard
Música: Ludovico Einaudi
Ano: 2020
País: Reino Unido
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.