‘O Sabor das Margaridas’ (T2): O inferno dantesco

Din que o bo, se breve, dúas veces bo. Semella que os guionistas do Sabor das Margaridas souberon captar á perfección a esencia deste coñecido dito. O pasado 22 de marzo deu comezo na TVG a segunda tempada do thriller, composta por 6 capítulos de pouco máis dunha hora de duración. O Sabor das Margaridas é a primeira e única serie rodada no noso idioma que conseguiu chegar ao olimpo de Netflix. Un éxito sen precedentes no noso audiovisual que demostra que aquí se pode falar de máis cousas que de narcos.

O thriller estreado no 2018 parecía, nun principio, que non inventaba nada. Un punto de partida clásico: unha pequena e tranquila vila onde aparentemente nunca ocorre nada, unha desaparición e a súa consecuente investigación. Nesta nova quenda de episodios, tras resolver o caso da morte da súa irmá e destapar un trama de prostitución en Murias, Eva Mayo (María Mera) regresa do cárcere para continuar unha intensa investigación polo mundo da prostitución nunha trama perversa e corrupta. O inspector Raúl Salgado (Santi Prego) será o encargado de facer fronte aos dantescos crimes do “asasino das margaridas”.

O inferno, a penitencia e o paraíso xunto cos cantos da divina comedia de Dante, guiarán os pasos dunha sublime e espectacular actuación de María Mera, aínda máis complexa que na anterior tempada e que levará aos espectadores a situacións complicadas que nalgúns casos poden chegar a ferir a súa vista e sensibilidade: a dark web, o tráfico de menores, o escrorts de luxo, etc. Non se quedan atrás as actuacións de Santi Prego e dunha das incorporacións da tempada, Noelia Castaño, que será clave. Se ben, nos atopamos cunha descafeinada actuación por parte da youtuber viguesa Rebeca Stones.

Unha segunda tempada moito máis escura e violenta. O seu punto forte é un guión intelixente que busca un feedback nos espectadores e non da nada por feito. Unhas voltas de torca inesperadas, unha estética coidada e un alto nivel de intriga que conseguen manter en vilo ao espectador.

Cun final que está tan aberto como pechado, haberá que ver se hai unha terceira tempada que continúe tendo a prostitución de menores como centro, poñendo o foco no importante: o negocio e os clientes. Sen clientes non hai trata.

Creador: Ghaleb Jaber Martínez
Guión: Ghaleb Jaber Martínez
Fotografía: Suso Bello
Ano: 2020
País: Galicia
4
Pódeche interesar...
Teatro na casa: ‘Despois das ondas’, de Butacazero