‘Os dous papas’, un paseo polo xardín con Francisco e Benedicto

O filme enfronta dúas visións na igrexa católica sen caer en maniqueísmo

Os dous papas é un filme baseado en feitos reais que conta a historia de como se forxou a transición entre os papas Benedicto XVI e Francisco. Dous conceptos da igrexa católica en principio antagónicos que finalizan nunha profunda amizade case por sorpresa. O filme está dirixido por Fernando Meirelles, responsable de películas tan importantes como Cidade de Deus e protagonizado por Anthony Hopkins e Jonathan Pryce.

Non hai que mentir, para a meirande parte da poboación este a priori drama eclesiástico non é moi atractivo pola súa temática, mais remata sendo moi dinámica fundamentalmente grazas as interpretacións dos dous actores principais que teñen unha química como poucas. Ademais, xa non é o gran parecido físico que se conseguiu e que as expresións, e que os xestos e a forma de falar semellan parecerse aos personaxes reais incluso por momentos máis que as propias persoas de carne e óso.

ENFOQUE DIFERENTE

Lonxe de ser unha película cerimoniosa e seria remata tendo toques cómicos moi divertidos e que aportan valor ao filme. Como viven os cardinais ás costas das cámaras? É unha boa premisa e é tratada dun xeito intelixente cunha construción dos dous personaxes principais lonxe do común neste tipo de longametraxes.

Sen deixar de ser un retrato que pretende ser realista, a primeira influencia que se ven á cabeza é a serie The Young Pope de Sorrentino. Non polas intrigas nin a visión escura da igrexa e do papado, xa que este filme a trata dun xeito menos afectado e probablemente máis acorde coa realidade, mais hai planos que poñen ao espectador nunha lembranza da mesma e incluso no uso da banda sonora coinciden. A decisión de incluír Dancing Queen rima perfectamente co uso na serie do italiano de temas como Sexy and I Know It.

O deseño de produción é tremendo. No filme móstranse moi de cerca lugares tan simbólicos para o catolicismo como a Capela Sixtina de Miguel Anxo. Un lugar sagrado onde é imposible a concesión de permiso para gravar. Por iso, construíuse unha réplica da mesma que pasa perfectamente polo orixinal. Un traballo titánico que loce xenial.

FOXE DO MANIQUEÍSMO

Un dos grandes medos durante o primeira parte do filme é o retrato histórico que se ía parecer das personaxes, era realmente moi sinxelo pecar de maniqueísmo á hora de mostrar aos dous papas. Mais segundo avanza o filme, a través dunha estrutura baseada en flashbacks, móstrase dun xeito frontal a relación do futuro Papa Francisco co réxime fascista de Videla e as consecuencias diso tanto no seu entorno como nel mesmo. A longametraxe parece que absolve a Francisco dos seus pecados e lle confire lexitimidade para ser papa, aínda que non todo o mundo compartirá a visión do director.

Os dous papas ten, en definitiva, un enfoque realmente moi moderno cando podería ser un filme de corte moi clásico polo que conta. Sen ser a oitava marabilla do mundo, Meirelle logra concibir un filme interesante con aspectos moi destacados e con dous monstros da interpretación que aportan moitos anos de carreira e unha presenza en pantalla como poucas no mundo. Unha gran película dun gran 2019 para o cinema que xa nos deixou.

Director: Fernando Meirelles
Guión: Anthony McCarten
Fotografía: César Charlone
Música: Bryce Dessner
Ano: 2019
País: Reino Unido
4
Pódeche interesar...
Grimes pon banda sonora á fin do mundo con ‘Miss Anthropocene’