‘Os Mitchell contra as máquinas’: Pixar destronado

Os Mitchell contra as máquinas é unha pasada. Honestamente, xa non tes que ler máis se non viches o filme. E se xa tiveches a sorte, por velo unha segunda vez non pasa nada. Pero claro, tendo en conta que se entraches aquí buscarás algo de análise terei que escribir algo máis antes de irme a Netflix a volver vela eu. Este filme dos produtores de Spiderman: Un novo universo e do director e guionista de Gravity Falls é, como mínimo, altamente recomendable.

A historia en si é bastante simple. Un desastre de familia debe salvar á humanidade por mor dunha invasión por parte duns teléfonos móbiles. Certo magnate ocorréuselle que era boa idea dotalos de sentimentos. Primeira lección, non necesitamos máquinas que sintan, que logo pasan cousas raras. E digo desastre de familia porque sobre o papel son o contrario a uns heroes.

Un fillo ao que lle gustan os dinosauros, un pai amante do analóxico e que non entende á tecnoloxía, unha filla cineasta que desborda creatividade e unha nai que bastante ten con aguantalos a todos sen mandalos a rañar. Precisamente esta ruptura pai-filla será un dos temas máis importantes da película, porque se algo fala Os Mitchell contra as máquinas é da familia. Neste caso, entendida como un grupo que debe manterse unido malia a adversidade. E non necesariamente polo sangue.

É tamén un filme familiar no maior espectro posible. Porque é unha película perfectamente medida para que todos os membros da familia saian satisfeitos. Os seus personaxes son arquetípicos no punto no que polo menos teñen conductas que a todos nos soan, en primeira ou terceira persoa, é unha película que está feita para gustar a todos, pero executada dun xeito singular.

Porque é extremadamente valente. Non ten medo de mesturar imaxe real coa animación, usar memes, linguaxe propia case de Tik Tok, unha acción incriblemente manexada e cincocentas ideas por minuto. É un tipo de película que se podería perder polo camiño, ser demasiado complexa pola incrible cantidade de información que manexa, pero está dosificada á perfección grazas a un guión perfectamente escrito.

A montaxe rápida e frenética sabe cando parar. Cando darlle tempo ás súas personaxes para desenvolverse e para crear momentos realmente emotivos dun xeito que en animación occidental soamente podía competir Pixar… ata agora. Utiliza partes das claves do estudo pero emancipándose totalmente, construíndo formas novas e sen ter medo ao risco.

Outra cousa que axuda a que cree sentimentos no público son as referencias que hai. Os Furby, Xogo de Tronos, unha banda sonora que é a nostalxia toda sen ser típica… Realmente esta película é ao que calquera creador de animación para toda a familia debería aspirar. Creatividade a cada minuto pero sabendo como descodificala. Un apartado técnico impresionante e a sensación de querer vela unha e outra vez. Se tiveches a deferencia de quedarte, agora si que debes ir a ver a película. De nada pola recomendación.

Dirección: Michael Rianda, Jeff Rowe
Guión: Michael Rianda, Jeff Rowe
Fotografía: Animación
Música: Mark Mothersbaugh
Ano: 2021
País: Estados Unidos
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.