Oscars 2020 | Cales son as grandes favoritas?

A gala dos premios Oscar xa está á volta da esquina. Durante a noite deste domingo nove películas buscarán facerse coa estatuíña máis codiciada de Hollywood. A pesar de que sempre pode haber sorpresas, a ceremonia dos Oscar marca en boa medida o final dunha longa tempada de premios, onde cada ano pouco a pouco vanse definindo as principais favoritas.

Este ano, o filme que chega con máis forza a esta gala é 1917, a gran triunfadora tanto nos Globos de Ouro como nos premios BAFTA, que semella capaz de impoñerse aos últimos filmes de xigantes como Martin Scorsese ou Quentin Tarantino. Sam Mendes, autor de 1917 tamén conta con moitas papeletas para facerse coa estatuíña á mellor dirección.

Se ben todavía está por ver se Mendes conseguirá impoñerse a algúns dos pesos pesados de Hollywood, un dos premios máis claros desta edición dos Oscar é o de mellor actor protagonista, que xa todo o mundo da por sentado que irá a parar as mans de Joaquin Phoenix polo seu traballo en Joker. Por outra banda, a estatuíña á mellor actuación protagonista feminina estará máis disputada entre Renée Zellweger, Saoirse Ronan e Scarlett Johansson.

Se ben todos os anos hai grandes películas entre as nomeacións dos Oscar, pero este ano coincidiron algunhas das obras máis destacables da última década. Estes son os nove filmes que se disputarán o galardón á mellor película:

1917

Sam Mendes

1917 é un filme que destaca pola súa capacidade inmersiva. A súa historia non vai revolucionar o cine bélico, pero a maneira na que está filmada fan dela unha película memorable, na que o uso do plano secuencia traballa a favor do filme.

Crítica completa

Érase unha vez en Hollywood

Quentin Tarantino

Quentin Tarantino elabora con Once Upon a Time in Hollywood unha fábula preciosa cunha gran sensibilidade -todo o que pode facer o carácter mordaz do director- na que amosa un gran amor polo medio no que traballa.

Crítica completa

Historia dun matrimonio

Noah Baumbach

Historia dun Matrimonio é a consagración de Noah Baumbach como un dos mellores directores da súa xeración, se aínda facía falta, claro. O que fai anos era un autor prometedor, remata de culminar a súa parábola ata o cumio da súa carreira.

Crítica completa

Jojo Rabbit

Taika Waititi

Aínda que se atope moi lonxe das grandes sátiras do nazismo, Jojo Rabit é unha película de visión agradable. E o seu valor último, ante todo, é a súa intelixente capacidade de evadir as críticas sen ser explicitamente intolerante co nazismo.

Crítica completa

Joker

Todd Phillips

En Joker, a meirande parte do peso do filme recae en Joaquin Phoenix, a quen xa se lle está a asociar continuamente coa estatuílla de mellor actor. Phoenix é o encargado de que a trama avance en todo momento, e cada baile, risa e verba que sae pola súa boca é un acerto.

Crítica completa

Le Mans ’66

James Mangold

Sen mollarse demasiado e buscando contentar a todos os públicos, ‘Le Mans ’66’ ofrece un entretido espectáculo automobilístico, coroado pola entrañable relación entre os seus dous protagonistas, interpretados por Christian Bale e Matt Damon.

Crítica completa

Mulleriñas

Greta Gerwig

Mulleriñas demostra o que ten que ser unha adaptación cinematográfica, é dicir, o que queira que sexa o director. Greta Gerwig amosa unha vez máis personalidade e un gran talento.

Crítica completa

O irlandés

Martin Scorsese

Parece incrible escribilo, pero O Irlandes é un filme de tres horas e media ao que non lle sobra nin un minuto de metraxe. Conta todo o que quere contar e necesita ese tempo para facelo do xeito que quixo o director.

Crítica completa

Parásitos

Bong Joon-ho

Parasitos é unha película feita para triunfar no bo sentido da palabra. Bong Joon-ho conságrase, se é que non o estaba suficientemente, como un dos directores da actualidade máis interesantes. Unha mirada diferente nun mundo cada vez máis uniformado.

Crítica completa
Pódeche interesar...
‘Unorthodox’ e a importancia do contexto