‘Ozark’ T3: Afiando os coitelos

Ozark é unha serie que ocupa un lugar estraño dentro do catálogo de Netflix, ao igual que outras producións do xigante do streaming como Mindhunter, que foxen de ser series de consumo rápido, apostando por potenciar o desenvolvemento dos personaxes e unha coidada realización por enriba de todo.

Sen facer moito ruído, a serie foi gañando pouco a pouco un oco dende o seu comezo. Superando as comparacións con Breaking Bad, quedou claro que esta nova produción tiña unha identidade propia marcada tanto polo espazo no que ten lugar, eses inquietantes e interminables lagos dos Ozarks de Missouri, como polos personaxes que os habitan.

Boa parte do éxito de Ozark recae na parella de personaxes protagonistas, interpretados por Jason Bateman e Laura Linney como Marty e Wendy Byrde. A premisa da serie, unha familia que ten que vivir unha vida aparentemente normal mentres lavan diñeiro para un dos maiores cárteles da droga de México, segue sendo a mesma dende a primeira tempada, son as relacións que manteñen os personaxes o que fai avanzar a serie.

Nesta terceira tempada están presentes todos os elementos que caracterizan a esta serie, pero os guionistas afiaron os coitelos e agora a tensión é maior ca nunca. As relacións entre Marty e Wendy, a confianza dos seus fillos e a lealdade de Ruth Langmore están a piques de voar polos aires en todo momento. Desta vez tamén gaña moito peso na trama a personaxe de Hellen, a avogada do cártel, que é ao mesmo tempo unha inimiga e unha aliada.

Desta vez tamén atoparemos varios personaxes novos nesta historia entre os que destaca especialmente Ben, o irmán de Wendy, que introduce un enorme dramatismo ao tramo final da tempada ademais de ofrecer unha dura e realista visión das enfermidades mentais. Nesta terceira tanda de episodios tamén fai aparición Navarro, o señor da droga para o que traballa a familia Byrde, unha personaxe que aporta a imaxe da crueldade e da dureza da guerra do narcotráfico en México, pero que por momentos semella algo caricaturesco e esaxerado.

Resulta ata certo punto fascinante observar como todos e cada un destes personaxes evolucionan ao longo desta tempada tanto ou máis que ao longo dos vinte episodios anteriores a través dun guión coidado ao detalle. Se hai algo que non está á altura do visto anteriormente podería ser a ambientación. Os planos aéreos do lago dos Ozarks e a súa fascinante contorna en forma de dragón que tan abraiantes resultaban, desta vez case non fan acto de presencia.

Porén, todos os acertos destes novos episodios superan aos seus problemas. Ozark non só se mantén como unha das producións máis destacables entre o catálogo orixinal de Netflix, senón que consegue a súa mellor tempada ata a data, cun sorprendente final que deixa abertas moitas posibilidades de cara ao futuro da serie.

Creadores: Bill Dubuque, Mark Williams
Guión: Bill Dubuque, Mark Williams, Paul Kolsby, Chris Mundy, Ryan Farley, David Manson, Martin Zimmerman, Ning Zhou, Alyson Feltes, Whit Anderson, Miki Johnson, John Shiban, Laura Deeley
Fotografía: Ben Kutchins, Pepe Avila del Pino, Armando Salas, Michael Grady
Música: Danny Bensi, Saunder Jurriaans
Ano: 2020
País: EEUU
4
Pódeche interesar...
Publican en aberto o documental ‘Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín’