‘1917’: Camiño á destrución

O irlandés de Martin Scorsese, Érase unha vez e Hollywood de Quentin Tarantino ou mesmo Joker de Todd Phillips eran ata fai pouco tempo as grandes favoritas nas quinielas para as numerosas galas de premios por celebrar neste primeiro tramo do ano 2020. Pero unha vez chegaron os Globos de Ouro, 1917 de Sam Mendes entrou como un elefante nunha cacharrería, levando os premios a mellor película e mellor director para o británico Sam Mendes.

Antes da súa estrea, 1917 era presentada como un gran logro técnico. Unha película bélica ambientada na I Guerra Mundial filmada mediante un impresionante plano secuencia (con cortes ocultos, iso si) de dúas horas. Todo apuntaba a que estariamos ante un filme visualmente impoñente pero a falta de comentarios respecto a historia e o contido da película transmitíanme un certo temor de que seu admirable envoltorio formal escondese un interior pouco interesante.

Por sorte isto non é así. O máis chamativo de 1917 é que non é exactamente unha película de guerra. Si, se houbera que identificala cun xénero cinematográfico tería que ser o bélico, pero neste filme apenas hai combates, non conta unha historia de enfrentamentos, de épica ou de patriotismos. 1917 é unha película que trata sobre as consecuencias da guerra, sobre a tremenda destrución que somos capaces de provocar, sobre a morte e sobre a vida.

Máis que en narrar, Sam Mendes semella máis preocupado por amosar. A maior parte das dúas horas de duración de 1917 consisten en camiñar pola terra de ninguén, eses grandes espazos que quedaban entre os frentes que disputaban os combates. Terreos que sufrían a destrución da guerra ata converterse en páramos absolutamente vacíos de vida de ningún tipo, cheos de lama e grandes cráteres causados polas bombas.

Neste senso, a decisión de filmar o filme mediante un plano contínuo está xustificada. Sam Mendes converte aos espectadores en acompañantes dos cabos Schofield (George MacKay) e Blake (Dean-Charles Chapman) ao longo do seu traxecto por territorio inimigo para evitar unh ataque da división na que loita o propio irmán de Blake, xa que están a piques de caer nunha trampa do exército alemán.

En Birdman (Alejandro González Iñárritu, 2014), o exemplo recente máis destacado do uso do plano secuencia ao longo de toda unha película, empregábase este recurso para fuxir da montaxe, un elemento fundamental da linguaxe cinematográfica, e así recrear o realismo sen cortes das actuacións no teatro, precisamente o tema que trataba o filme. Porén, a cámara flotante, en constante movemento e con travellings imposibles desta película non lograba de todo este obxectivo xa que no posicionaba ao espectador como unha persoa máis no espazo, senón que o facía precisamente como unha cámara de cine.

En 1917 polo contrario, o plano secuencia emprégase como unha ferramenta completamente inmersiva. O espectador ao ver esta película, filmada sen cortes aparentes, sitúase xunto aos personaxes protagonistas na súa viaxe por terreos inimigos, como un soldado máis recorrendo o mesmo espazo. 

A fotografía de Roger Deakins é impecable ao longo de toda a película, máis sobria nas escenas diurnas e máis expresiva nas nocturnas. Resulta fascinante ver como mesmo cunha cámara en constante movemento Deakins é capaz de compoñer planos coidados ao detalle, impactantes no visual, que quedan gravados nas nosas retinas. O traballo de George MacKay na actuación tamén sorprende ao cargar á súa espalda boa parte do peso dramático da cinta e lograr dotar de humanidade á película.

En definitiva, 1917 é un filme que destaca pola súa capacidade inmersiva. A súa historia non resulta fascinante e non vai revolucionar o cine bélico, pero a maneira na que está contada e filmada fan de 1917 unha película memorable, na que o uso do plano secuencia traballa a favor do filme, dotándoo dunha personalidade propia que dará moito que falar.

Director: Sam Mendes
Guión: Sam Mendes, Krysty Wilson-Cairns
Fotografía: Roger Deakins
Música: Thomas Newman
Ano: 2019
País: Reino Unido
4
Pódeche interesar...
Nace un crowdfunding para difundir música galega “fóra dos intereses capitalistas”