Cineuropa 33 | Mr. Jones, medo e asco en Ucraína

Un dos filmes dos que puidemos desfrutar durante o último Cineuropa en Compostela foi o biopic de Gareth Jones, xornalista galés que logrou entrevistar a Hitler e ao que se lle atribúe o descubrimento do Holodomor, a fame negra que matou a milleiros de ucraínos durante o réxime da Unión Soviética, durante os anos 1932 e 1933.

A película ven baixo a firma de Agnieszka Holland, directora polaca que ten unha dilatada carreira dentro do cinema polaco dos 80 e dos 90, que lle deu a posibilidade posterior de dirixir episodios dalgunhas das ficcións americanas máis destacadas do Século XXI coma The Wire, House of Cards, The Affair ou Treme.

A película céntrase na vida e relacións de Gareth Jones, fantasticamente interpretado por James Norton, que comeza sendo unha especie de xornalista correcto e inxenuo, pero que a medida que avanza a cinta vai collendo carácter, dirixíndose cara o prototipo de xornalista investigador aventureiro, coma se fose case un espía inglés en territorio soviético. O personaxe vaise comendo a trama da película, que pasa a un segundo plano, detrás da figura do Mr. Jones que marca o título. Ata certo punto, este punto de vista é interesante, pero a historia que hai detrás é tan descoñecida e interesante que dalgunha maneira da un chisco de pena que non se entre máis nela e que o filme se mova cara a biografía haxiográfica.

Esta historia é a do Holodomor, unha fame negra mortífera (barállanse entre 1’5 e 5 millóns de mortos, aínda que as cifras bailan moito) na rexión de Ucraína, agochada a ollos do mundo por parte do goberno soviético, convencendo incluso a xornalistas occidentais próximos ao réxime de Stalin. A intención do filme é máis descritiva (sempre a partir da figura de Jones) que critica, xa que non se mete nas causas da fame negra, senón que a crítica cara o goberno soviético é sobre a intención de encubrir o feito. A día de hoxe é un evento bastante descoñecido, discutíndose sobre se é un xenocidio (ou sexa, provocado) ou non, e negado por xente afín ao réxime soviético.

A maior forza do filme recae na parte na que Jones descobre os feitos de primeira man, dentro das nevadas aldeas ucraínas, cun silencio emotivo e unhas escenas e feitos potentísimos, que xeran uns picos de emoción moi altos nunha película que nese senso é bastante plana na súa primeira metade, que se dilúe entre as relacións diplomáticas e persoais de Jones, que aínda que aportan, quédanse moi lonxe da impresión do tramo ucraíno, que desemboca nun final que trata de achegar un ton épico sobre a figura do xornalista.

A dirección destaca curiosamente cando máis se afasta das conversacións, das relacións entre personaxes, cando incide na psicoloxía do protagonista ou en numerosas transicións entre escenas, onde se atreve cunha serie de artificios manieristas que rompen un chisco o ton xeral do filme, pero que axudan ao espectador para mantelos dentro da historia, que a veces faise demasiado pesada. Aínda así paga moito a pena, xa que é un biopic de alguén descoñecido para o público xeral, que conta unha historia tamén descoñecida, nun envoltorio, a película, o suficientemente bo para desfrutar a estancia no cine.

Dirección: Agnieszka Holland
Guión: Andrea Serdaru Barbu
Fotografía: Tomasz Naumiuk
Música: Antoni Lazarkiewicz
Ano: 2019
País: Polonia
3
Pódeche interesar...
Cineuropa 33, parte 1: Luces e sombras dun festival emotivo