‘O foxo’: Unha metáfora sen fondo

Nestes días de obrigada reclusión, que son perfectos para o consumo audiovisual nas plataformas de streaming, Netflix estreou esta produción española, sensación do pasado festival de Sitges, e con premio tamén en Toronto, que deu cun hype importante entre aqueles afeccionados ao cine de terror.

Esta ópera prima de Galder Gaztelu-Urrutia viña reseñada coma unha herdeira do cine gore claustrofóbico que podemos atopar en filmes de culto como son “The Cube” (Vicenzo Natali, 1997) ou “Saw” (James Wan, 2005), pero que unha vez vista se aproxima máis a un thriller psicolóxico á maneira do que era “Circle” (Aaron Hahn, 2015).

Plantexanos unha idea moi interesante, onde varias persoas parecen estar encerradas en parellas nunha longuísima torre con numerosísimos pisos, polos que diariamente pasa unha mesa repleta de comida, pero da que cada piso pode comer todo o que queira durante un tempo, deixándolle aos de abaixo as sobras, coas implicacións que iso implica. Evidentemente, a comida non chega e nas zonas máis baixas a situación vólvese violenta e especialmente cruel. Cada mes, cada parella cambia de piso.

O filme quere deixarnos moi clara a metáfora de que se os de arriba repartiran a súa “riqueza”, todos poderíamos comer. Dalgunha maneira recorda á idea do tren de “Snowpiercer” (Bong Joon-Ho, gañador do Oscar deste ano, 2013), pero pasando dun eixo horizontal a outro vertical. A narración estrutúrase a partir do personaxe de Iván Massagué, unha especie de mesías consciente do terrible que é o “Foxo”, ubicado no medio de salvaxes que só se manexan baixo o lema “de comer ou ser comido”. O seu primeiro veciño replícalle ante a súa resistencia inicial “Non serán ti un comunista, non?”.

Este orixinal plantexamento quedase niso, e a historia de fondo non chega a avanzar cara lugares interesantes onde se nos explique polo menos un chisco do que demos está a pasar neste mundo retorcido. A acción pasa pola relación e conflitos entre o protagonista e os seus sucesivos compañeiros de cela, que van en declive de interese, pola potentísima actuación do primeiro socio, Zorion Eguileor, que se converte nun tétrico Anthony Hopkins español, que bebe tinto coma se fose “un bo Chianti”.

Detrás dun fondo inexistente, e de varias decisións de guión que levan a historia cara lugares cada vez menos crible, atópase un manexo da cámara arriscado pero efectivo, cheo de escorzos e primeirísimos planos que van acompañados dun uso da fotografía tamén atrevido, ambos complementando a acción para facer un envoltorio realmente entretido, transmitindo esa desesperación e illamento, facéndonos manter a atención polo final ata  que a acción morre de forma decepcionante nun acto no que parece que o director se lava as mans ante todo o que foi construído.

Entrar nestas habitacións retorcidas e cheas de tolos encerrados querendo só comer ou saír de alí pode ser unha boa oportunidade para afastarse da nosa realidade que é… semellante?

Dirección: Galder Gaztelu-Urrutia
Guión: David Desola, Pedro Rivero
Fotografía: Jon D. Domínguez
Música: Aránzazu Calleja
Ano: 2019
País: España
2
Pódeche interesar...
O Melona Fest trasládase a outono