'Quen che cantará': O difícil que é ser unha mesma

Carlos Vermut reafirmouse como un dos cineastas máis interesantes do Estado español co seu anterior filme, ​Magical Girl ​(2014), acadando premios coma a Concha de Ouro, propoñendo unha firma innovadora e rompedora no panorama, ao mesmo tempo que se achegaba un pouco ao comercial. Porén, aquel filme tiña certas carencias, sobre todo con respecto a historia e o guión, impoñendo a impresión e a estética de forma excesiva, pero con ​Quen che cantará ​parece que o director madrileño está a aprender dos seus erros.
Desta volta, Vermut propón unha idea clara dende o principio, explicitando os temas que quere tratar, non necesariamente a través do diálogo, que segue a ser un dos puntos máis frouxos, senón a través de imaxes que gardan un pouso narrativo desta vez cohesionado.
Mediante as potentes actuacións de Najwa Nimri e Eva Llorach entrelázanse dúas historias cruzadas que nos falan da busca da identidade persoal a través da interacción de ámbalas dúas protagonistas en cadansúa realidade persoal. Enfróntanse á construción dunha identidade propia: a protagonista, Lila Cassen, intentando volver a ser a artista que era (ou que cría ser) tras perder a memoria; a coprotagonista, Violeta, proponse atopar a súa, que se divide entre o que é, a nai solteira, camareira dun karaoke, representada na súa salvaxe filla; e o que quere ser, unha estrela, coma a súa idolatrada Lila, á que imita ao milímetro de maneira enfermiza.
Esta proposta impresiona menos que ​Magical Girl, ​pero continúa a impactar, e dende logo con máis coherencia, cunha mellor construción, sen tanto oco que encher polo espectador (cousa que non está mal, pero que o seu sobreuso pode convertir un filme en artificial e vago). A dirección segue sendo fina e delicada, ao mesmo tempo que a fotografía remarca a historia dende a frialdade e cun uso da cor destacado, aínda que non traballa sempre a favor da trama.
De novo, Vermut gústase nos momentos clave da historia, levándoos cun uso moi interesante da música, tanto dende a agresividade “machacona” da música electrónica, aportando tensión; como dende a suavidade, incentivando o drama, sobre todo con ese poderoso ​Procuro Olvidarte na voz de Eva Amaral e Najwa Nimri.
Quizais certa explicación importante da trama está levada regular, cunha sobreexplotación do diálogo que expón pouca resolución por parte do director, xa que se sae do seu estilo e do da película. O personaxe da filla é a parte máis frouxa do filme, e en xeral a relación maternofilial é a parte que máis recorda á forma de narrar de ​Magical Girl, ​aínda que iso si, esta trama acaba co que pode ser o mellor momento da película, cunha construción dubidosa pero un remate tenso ata o extremo.
Quen che cantará p​arece ser un paso adiante, non necesariamente na carreira mediática de Carlos Vermut, mais si na madurez do seu estilo, estética e dirección, que son respaldados, desta volta, cunha historia ben construida. A través da indefinición consciente dos seus personaxes, Vermut esculpe a súa propia identidade cinematográfica, impactante, orixinal, creando unha posible resposta en canto a quen filmará os próximos grandes filmes estatais.
Quen che cantará
Director: Carlos Vermut
Música: Alberto Iglesias
Guión: Carlos Vermut
Fotografía: Eduard Grau
Ano: 2018
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
‘Jojo Rabbit’: Satirizando sen medo ao tabú