Quen son os Parasitos da nosa sociedade? Unha loita no lodo

Boon Jong-ho dirixe unha película que se coloca como as mellores do ano

O Festival de Cannes é probablemente o certame cinematográfico máis importante do mundo. Non soamente porque se expoñan as mellores películas nin sexa un dos maiores mercados de audiovisual do mundo, que tamén. Cannes é Cannes porque, aínda que como todo teña eivas, mantén un estándar de calidade máis aló dos intereses partidistas e xeopolíticos. O seu premio máis relevante é a Palma de Ouro, que se confire á mellor película. Entre ano o gran galardón foi conferido a Parasitos, o filme do director coreano Bong Joon-ho.

O cinema coreano nos últimos anos é un dos máis relevantes do panorama internacional, con directores como Hong San-soo ou Kim Ki-duk facendo películas que conseguen un gran recoñecemento internacional.

Parasitos conta a historia dunha familia cunhas condicións económicas paupérrimas. Persoas situadas no máis baixo da sociedade no económico. Xente marxinada que practicamente non teñen capacidade para subsistir e situadas ao marxe. A súa única aspiración é saír do soto húmido e pequeno no que viven. Ascender socialmente a calquera prezo.

UNHA FAMILIA EN ASCENSO

E aquí é de onde parte a película cando grazas a un favor persoal, un dos fillos da familia entra a traballar na mansión dunha das familias máis ricas do país. El impartiralle clase de inglés a un dos máis pequenos da mesma. Grazas á inventiva e astucia que da estar desesperado logra ir metendo aos seus a traballar alí. Como chofer, como asistenta… Non importa o que.

Neste punto entra un dos elementos cos que xoga o filme: Quen son os parasitos? Se ben, no sentido individual son os protagonistas os que se aproveitan dos cartos e da limitada intelixencia dos seus xefes. Son eles quen non dubidan en pisar a outros na súa mesma situación con tal de prosperar, pero realmente a película pon en primeiro plano que os ricos son unhas persoas funestas. Seres humanos depreciables que viven na súa burbulla e que a pesar dunha fachada fermosa, son caprichosos e están acostumados a ter todo. Tampouco dubidan en desprezar aos que consideran aos seus inferiores.

BONG JOON-HO A UN NIVEL ESPECTACULAR

A película está espectacularmente dirixida, cunha composición tremenda e unha fotografía espectacular. Especialmente destacable é como se trata os interiores, especialmente a estrutura da casa que permite xogar coa súa estrutura para crear capas de acción xa sexa pola súa propia fisionomía, como polo que esconden as sombras.

O ritmo é frenético. Están pasando cousas todo o tempo e en raras ocasións se deixa espazo para respirar. Isto non é alto negativo nin moito menos, senón que para o que se está a contar resulta perfecto. É unha forma de pegar ao espectador da pantalla que non actúa en contra do contido. Isto ten como consecuencia unha mestura de xéneros moi interesante. Comedia, drama e incluso elementos de terror están presentes na obra.

UNHA CRÍTICA SOCIAL MELLORABLE

Aínda que sexa totalmente benvida a crítica social -e máis nunha película que resulte accesible ao gran público- non funciona todo o ben que debería. O filme iría adelante dun xeito semellante sen ela e é unha decisión loable do director incorporala, pero o problema é que peca de simplismo e carece profundidade.

Un exemplo moi próximo de un mellor tratamento témolo en Un asunto de familia de Kore-eda. Se ben son filmes moi diferentes, ambas tratan as problemáticas do mesmo grupo social con diferencias moi palpables. Ao igual que a nivel narrativo e visual a obra está coidada ata o máximo, non costaba nada darlle un par de arestas máis a ese tema. Remataría por todo do alto unha das grandes obras do ano.

Parasitos é unha película feita para triunfar no bo sentido da palabra. Ten uns estándares moi altos en practicamente calquera dos seus apartados. Bong Joon-ho conságrase, se é que non o estaba suficientemente, como un dos directores da actualidade máis interesantes. Unha mirada diferente nun mundo cada vez máis uniformado.

Dirección: Bon Joon-ho
Guión: Kim Dae-hwan, Bong Joon-ho, Jin Won Han
Fotografía: Kyung-Pyo Hong
Música: Jaeil Jung
Ano: 2019
País: Corea do Sur
4
Pódeche interesar...
FKA twigs – MAGDALENE