Alicia Seoane

Ramiro Ledo: “A tendencia en Europa é a reabrir salas de proximidade”

Cando Juan, o dono e responsable do último cine que quedaba en Ferrol, lle fixo unha proposta, el non puido deixala pasar. A sala Dúplex levaba anos xerando perdas e non lograba competir cos multicines da veciña naronesa.

Ramiro Ledo (Lugo, 1985), quen foi socio fundador da Númax de Compostela, atopouse entón cun caso similar ao que acontecera na capital santiaguesa. Nos últimos anos, foron moitas as cidades galegas que quedaron desprovistas de salas de proximidade, presumiblemente polo efecto chamada dos multicines, que en España adoitan vincularse aos centros comerciais. Apunta Ledo que a reapertura de salas nos centros urbanos é unha tendencia frecuente nos últimos anos por toda Europa e conforman unha parte moi importante da vida social, cultural e económica das cidades. Algo así conseguiu coa Númax e coa mesma pretensión reabriu o Dúplex hai xa dous anos.

Programo a reunión para as cinco da tarde dun luns. A climatoloxía deste mes de xaneiro en Ferrol non convida a saír da casa, pero tampouco ten moita importancia: a entrevista nestes tempos de pandemia deixou de ser un punto de encontro físico e materialízase agora en pantallas dixitais, voces descompasadas e distintos servizos para realizar videoconferencias. Cando quedan dous minutos para as cinco, reviso o guión e temo resultar coactiva con certas preguntas, pois coñezo a economía deprimida da comarca e teño as miñas sospeitas sobre o lugar no que deixa isto a cultura.

Ramiro Ledo responde a miña chamada de Zoom en poucos minutos. Detrás del, unha parede branca sobre a que pendura un cartel de Cuentosdelalunapálida, de Mizoguchi. Escúsase cun sorriso e pasamos a falar sobre diversos asuntos. Desprovisto de prexuízos con respecto a Ferrol, ten esa modestia da xente talentosa que non perde o tempo en observarse demasiado, ve oportunidades onde outros atoparían desvantaxes e escolle termos como “cooperación” en lugar de “competición”. Ademais, non dubida en depositar toda a súa confianza nas xeracións novas.

Por iso, ante a pregunta ineludible sobre as multisalas, Ledo opta pola convivencia e afirma que ambos os modelos son necesarios: a chave é a coexistencia de todas as ofertas, comerciais e independentes: “No momento no que se produce un desaxuste é cando o ecosistema se ve alterado, porque xa non responde á demanda do público”.

2020 foi un ano difícil para todos, o sector cultural sufriu especialmente as consecuencias das restricións e do confinamento. Como foi a experiencia para o Dúplex?

Abrimos en outubro de 2019, os primeiros meses foi difícil consolidar o proxecto e en marzo comezabamos a ter continuidade e a implantar as liñas de programación. Xa estabamos triplicando a asistencia con respecto á anterior etapa do cine, aínda que non daban as cifras para facelo economicamente viable, pero estabamos contentos. E de súpeto chegou a pandemia, pechamos e a incerteza foi absoluta. A partir de aquí, o Ministerio de Cultura convocou por vez primeira na Historia o apoio á exhibición, que foi moi útil, e tamén recibimos axudas de AGADIC e do Concello de Ferrol, aínda que máis modestas.

Sentístesvos máis abandonados ca outros sectores?

Custa compararse con outros sectores, máis aló das particularidades do noso caso, pero é certo que o cinema está moi afectado porque depende do estado anímico das persoas, de que estean en disposición de desfrutar dun tipo de ocio coma o cine. Para nós é importante que estea aberto Narón para que a xente poida manter as dinámicas de asistencia, nós somos un proxecto totalmente distinto e non concorrente.

Non sinto especiais dificultades, senón a particularidade de cada lugar; trátase de aproveitalas para construír proxectos o máis felices posibles.

Ramiro Ledo

Cando reabristes, a intención era crear un espazo cultural máis aló da sala de cine, a pandemia obrigou a mudar ese proxecto inicial?

Si, sen dúbida. Por exemplo, ao comezo retransmitiamos ópera para un tipo de público que así o demandaba, téñenme dito que antes tiñan que coller autobuses ata Coruña para poder asistir a un concerto. Pero tamén é certo que o tipo de público a quen estaba dirixida esta programación foi o máis reticente coa Covid a saír da casa, unha actitude que entendo e me parece comprensible. Finalmente, tivemos que deixar de lado polo momento esta programación porque non compensaba o esforzo, apenas puidemos facer tres ou catro sesións cunha asistencia do máis reducida.

O 2020 tamén trouxo cousas boas, como o Premio ao Empresario do Ano da Rede Europa Cinemas. O teu proxecto foi seleccionado entre máis de mil salas europeas, as outras dúas galardoadas contaban con programación especial para a mocidade no caso dunha, e no caso da outra, está situada nunha área de efervescencia cultural. Téñome que remitir á situación de Ferrol, conta o Dúplex con desvantaxe por mor da demografía ou por outros condicionantes?

Non, a min pareceume ilusionante crear un proxecto así en Ferrol, que sirva ademais para o lugar onde está. Ferrol ten características distintas a esas outras cidades, pero agradecín que se recoñecese un proxecto posto en marcha aquí, é unha forma de situalo no mapa de exhibición europeo. Non sinto especiais dificultades, senón a particularidade de cada lugar; trátase de aproveitalas para construír proxectos o máis felices posibles.

Este premio fíxome moita ilusión porque non te presentas ti, senón que te escolle a Rede Europa Cinemas. En España levaron o recoñecemento dous exhibidores históricos do cinema independente, do cine Renoir e do Golden, ambos en Madrid. Creo que é unha forma de impulsar exhibidores máis novos coma min, que chegamos á profesión por vías raras. En España é hereditario e depende de grandes investimentos económicos, que non foi o meu caso, pero nos últimos 20 anos en España vexo que xente nova se anima a construír e recuperar cinemas en asociacións, empresas ou cooperativas e gústame sentirme partícipe deste conxunto. Este ano, conseguimos crear unha asociación de exhibidores independentes en España; isto permítenos ter un foro no que pensar no futuro inmediato e unha interlocución coa administración para que se recoñeza a nosa autoridade, como xa acontece noutros lugares de Europa.

Alicia Seoane

Que recepción tendes entre o público mozo?

É un mal momento para difundir de maneira específica, pero a curto prazo esperamos integrar programacións máis definidas e para xente máis nova. O que intentamos é ter presenza no campus e en sitios onde acuda fisicamente xente máis nova, sobre todo para tiradas de carteis. Nestes momentos é algo difícil, pero remítome á experiencia de Númax: a xente nova é un público agradecido, ofrece aportacións e interésase por todo, non ten tanta timidez coma outros segmentos de poboación. O crecemento do público mozo é exponencial cada ano. Dúplex ten vontade de mesturar e atender a todas as franxas de idades, pero tamén de facer cousas específicas.

Estamos os mozos afeitos a outro tipo de consumo audiovisual?

Pode ser, pero quero pensar que as novas plataformas non son o único consumo audiovisual que fan os mozos, senón que atopan o momento para acudir a salas. Acabamos de estrear a reposición de Desexando Amar de Wong Kar-Wai; eu vina nos cines Renoir con 18 anos, en Madrid, e impresionoume moito, aínda que eu non era demasiado cinéfilo daquela. Hai tres semanas que a estramos aquí e está a ser un dos filmes máis vistos en comparación co resto da billeteira española, e ten especialmente boa acollida entre o público menor de 35 anos. Creo que acudir a unha sala de cine é un ocio perfectamente compatible coas plataformas, é distinto porque implica desprazarse ata un lugar. Pero penso que é o atractivo. Pareceríame triste que o futuro fose quedar cada vez máis na casa; a xente nova por inercia tende a liscar da casa e o cine é un lugar de xuntanza con amigos que permite facer cousas antes e despois.

Quero pensar que as novas plataformas non son o único consumo audiovisual que fan os mozos, senón que atopan o momento para acudir a salas.

Ramiro Ledo

O teu traballo é multidisciplinar: escribes, montas, programas, dirixes, actuaches nalgunha ocasión… Pero este 2020 recibiches a distinción de “empresario do ano”, identifícaste con esta ou con outras rutas da túa carreira profesional?

O nome soa un pouco vello ou raro, pero en orixe refírese ao emprendemento e se volvo sobre min, o primeiro que intentei cando cheguei a estudar a Santiago foi poñer en marcha un cineclub. Pegabamos carteis pola cidade todas as semanas, mandabamos por fax a programación aos xornais… Así que se emprendemento se entende como sacar adiante iniciativas dende o ámbito asociativo e o activismo cultural sen ánimo de lucro, penso que é un fin nobre no que me gusta recoñecerme. En canto ao resto, espero seguir facendo cousas que me ilusionan e tentar levar ideas non tópicas e desmedidas, pero que a un o motivan. Non quero caer nun discurso inocente, fan falla medios humanos, materiais e de todo tipo para poñer iniciativas en marcha e renunciei a algunhas cousas como a parte de montador de vídeo, pero non é posible facer todo. Tanto o Dúplex como a distribuidora que levo en paralelo absórbenme todo o tempo e máis.

Con filmes exhibidos en museos, filmotecas e festivais de todo o mundo e estancias en varias cidades, finalmente volviches a Compostela. Sempre tiveches en mente voltar?

Cando marchei estudar a Barcelona e traballei durante varios anos alí, non tiña en mente volver. Foi importante estar alí porque entrei en contacto con este mundo por primeira vez. Vin que se estaba creando un cine que ía amosar filmes que non adoitaban estrearse en salas comerciais e pareceume astronauta. Era alguén que comprou un edificio, baleirou o soto cunha escavadora e creou unha sala co seu proxector dixital e as súas butacas. Alí ía moito e achegueime a esta xente para que me explicasen como fora ese proceso de creación, e seguramente sen esa experiencia non se me tería ocorrido facer isto en Santiago. Ademais, non atopas facilmente proxectores de vídeo dixitais, son empresas grandes especializadas e o noso é dunha empresa con sede en Barcelona precisamente.

Volvo sobre o asunto da mocidade, que me interesa moito. Cres que é difícil crear produtos culturais na terra para a xente moza, ou sendo un creador mozo?

Trátase de facer o que apetece poñendo enerxía e ilusión, está claro que a nivel institucional bótanse en falta axudas para artellar todo proxecto. En Galicia especialmente sempre faltou apoio a nivel estrutural para que alguén que sexa mozo saiba que ten á súa disposicións bolsas, axudas e espazos para a creación, é moi importante para a xente nova. Por exemplo, eu cando creei a Númax non tiña nin idea do que era unha empresa nin unha cooperativa, e non sempre fai falla saber demasiado, pero parece que as axudas están todas orientadas a un intermediario empresarial, e non creo que deba ser así, porque entón os mozos nunca van poder facer nada cun mínimo de ambición.

Coa túa traxectoria, ti que dirías aos mozos e mozas de Galicia que queiran dedicarse ao cinema e ao audiovisual?

Non teño nin idea, eu dei tombos dun lado para outro. Comecei a estudar Medicina e empezaba a ver que me gustaba ver cine, ler. Intentei acabar o primeiro curso e logo seguir co que máis me gustaba. Daquela foi cando comecei a exhibir filmes e a partir de entón, fíxeno con amigos. Moitos deles aínda están na Númax e outros continúan no cineclube Compostela, que segue en activo. Hai que buscar o que a un lle apeteza.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.