‘Relic’: O terror de non lembrarse de quen te quere

Dicir que o cine de terror vive unha nova onda xa hai tempo que non é novidade. A incursión de autores novos ao xénero en xeral e un paso cara adiante das mulleres en particular, cambiou totalmente o paradigma do cine de xénero. Que se trate temas como a depresión, os vínculos familiares, o esquecemento ou as relacións de parella a través de elementos deste tipo de cinema xa non é unha novidade. Polo tanto, o que necesita facerse neste contexto son filmes de calidade con esta premisa.

E dende logo que en Relic, a opera prima de Natalie Erika James, hai moito de bo. O filme presenta, mediante elementos do cine de xénero, unha potente reflexión sobre o paso do tempo, os vínculos entre nai e filla, a responsabilidade dos fillos cos seus proxenitores cando envellecen, a soidade e a perda de memoria co paso dos anos. Porque que da máis medo que esquecer a quen te quere? E peor, que da máis medo que cando non te podas valer por ti mesmo, esteas só?

Relic preséntanos a unha anciá con problemas graves de memoria que se perde polo bosque no que vive. A súa filla e a súa neta búscana e rapidamente se mostran os graves problemas que hai entre as dúas, case os mesmos que hai entre filla e nai. O elemento sobrenatural é que todo parece podre. A humidade vai rompendo todo pouco a pouco pero dun xeito inexorable.

A nivel de drama familiar, o filme é potentísimo. O uso do escenario e dos elementos sobrenaturais como elementos simbólicos son sublimes e apoian dun xeito rotundo o que se quere narrar. O terror aquí non vai se sustos, senón de observar como as relacións familiares poden degradarse ata o punto de que ninguén é quen era nun comezo. E lanza unha pregunta das complicadas: Se perdes as túas lembranzas segues sendo ti mesmo? A dor é clara e frontal.

O problema fundamental de Relic é que cando se chega ao clímax do conflito familiar, o filme cambia. E aínda que poda xustificarse a nivel simbólico, na práctica esváese moita parte do bo nos últimos 20 minutos de filme onde a claustrofobia sentimental tranfórmase nunha literal e a ausencia de identidade nunha tamén literal. Unha película notable, pasa a ser algo máis normal. Unha idea demasiado bruta e xa vista, collendo formas da clase de filmes que se quere diferenciar dende os primeiros minutos de metraxe. E é unha gran mágoa.

Por sorte, a última secuencia salva o filme. Non vou entrar en spoilers, pero é tan bonita como triste, tan dura como emotiva. Tamén a sublimación do seu tema, unha conclusión á que non se lle pode quitar unha coma. Parece que o filme por momentos non sabe quen é, pero remata atopándose. Iso ou certas partes do filme están aí para poder venderse mellor ás distribuidoras. O cal, por suposto, é lícito pero nesta ocasión empeora o filme dunha forma radical.

Especialmente destacable na película é a dirección de fotografía. A medida que avanza o filme, a iluminación e a cor colaboran dun xeito activo para facer sentir ao espectador toda a tensión que se respira nesa casa. Para ser novel, a dirección de Natalie Erike James é moi destacable. E aínda que Relic sexa imperfecta é unha declaración de intencións moi destacable e penso que se debería de seguir con lupa o seu traballo futuro.

Directora: Natalie Erika James
Guión: Natalie Erika James, Christian White
Fotografía: Charlie Sarroff
Música: Brian Reitzell
Ano: 2020
País: EEUU
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.