Será esta a noite de ‘O que arde’?

A última película do cineasta galego Óliver Laxe aspira hoxe a facerse con catro Premios Goya, entre eles o de mellor película, mellor dirección (Óliver Laxe), mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez) e mellor fotografía (Mauro Herce). O que arde competirá contra os filmes dalgúns dos directores máis recoñecidos a nivel estatal, como Mentres dure a guerra, de Alejandro Amenábar, que suma 17 candidaturas, ou Dor e gloria, de Pedro Almodóvar, que acadou 16 nominacións.

Porén, a película de Óliver Laxe conta con posibilidades de facerse coa estatuíña. Despois de estrearse no Festival de Cannes e lograr o premio do Xurado na sección Un Certain Regard, O que arde, logrou converterse no filme galego máis visto nas salas de cine na historia, e a semana pasada logrou o recoñecemento do audiovisual catalán cun Premio Gaudí á mellor película europea.

O lucense Luís Tosar, nomeado ao premio ao mellor actor protagonista por Quen a ferro mata, buscará facerse co seu cuarto Premio Goya. As dez nomeacións acadadas polo audiovisual galego complétanas Santi Prego pola súa interpretación de Francisco Franco en Mentres dure a guerra, O coruñes Eligio Montero polo guión de Buñuel no labirinto das tartarugas, a curtametraxe de animación Homomaquia, dirixida por David Fidalgo, e as outras dúas nomeacións de Quen a ferro mata, producida pola galega Vaca Films.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.