‘Mr. Robot’ T4: Cyberpunk sen coches voadores

Durante os últimos anos a estética cyberpunk voltou con moita forza. Dende series como Altered Carbon, ata películas como o remake norteamericano de Ghost In The Shell, a secuela de Blade Runner ou mesmo videoxogos como Cyberpunk 2077, a estética futurista das grandes cidades onde nunca sae o sol, sempre está a chover e a luz dos neóns é a encargada de iluminar as rúas estivo moi presente no audiovisual.

Porén, o cyberpunk é moito máis que unha estética, e unha das historias máis interesantes e mellor contadas que deixou este xénero recentemente optou por fuxir completamente destas imaxes. Mr. Robot está protagonizada por un hacker, como xa acontecía na recoñecida novela Neuromancer de William Gibson, nun mundo dominado polas grandes corporacións onde a tecnoloxía está presente en prácticamente todos os ámbitos da vida das persoas. Mr. Robot é unha historia cyberpunk.

Esta afirmación pode resultar chocante, especialmente ao ter en conta que Mr. Robot está ambientada no presente, pero o creador, Sam Email, foi capaz de atopar todos os puntos en común que hai entre a nosa realidade e as historias do xénero cyberpunk, que cada vez son máis similares. De feito, esta serie chega a semellar máis relevante que boa parte das producións de cyberpunk recentes, ao centrarse en temáticas de actualidade para o espectador e renunciando á nostalxia.

Mr. Robot xurdiu case dende a nada no ano 2015. Unha serie dun creador ata ese punto descoñecido, emitida nunha cadea estadounidense desas das que non se sabe o nome en todo o mundo. A primeira tempada comezou a gañar a atención da audiencia cunha historia atrevida, de contido marcadamente anticapitalista e cun protagonista algo paranoico (fantásticamente interpretado por Rami Malek).

Se ben é certo que había moito que admirar na primeira tempada de Mr. Robot, a serie tamén caía en certos excesos. O uso continuo da voz en off de Rami Malek resultaba un recurso demasiado estereotipado, así como as máscaras que lembraban en exceso á película V de Vendetta, ademáis dunha trama que seguía de maneira demasiado similar os puntos de xiro de O club da loita.

A partires da segunda tempada da serie, Sam Esmail pasou a dirixir todos os episodios da mesma e moitas destas cuestións comezaron a quedar de lado. A narrativa cada vez era máis orixinal e a serie estaba filmada cada vez con maior detalle, á vez que entraban en escena novas influencias cinematográficas como a de David Lynch.

Porén, se ben a segunda tempada correxía algúns dos erros da primeira, tamén resultaba menos accesible para o espectador medio. Mentres a serie comezaba a deixar algúns dos seus momentos máis destacables, cada vez semellaba ter un impacto menor no grande público, que pasaba a optar por outros produtos.

A pesares disto Sam Esmail decidiu non cambiar a súa fórmula e mantivo esta tendencia ao longo da fantástica terceira tempada que xa comezaba a rozar unha perfección que se chega a alcanzar finalmente coa cuarta tanda de episodios, estreada ao longo de 2019.

A idea orixinal de Sam Esmail era que Mr. Robot fose unha película, pero a medida que a ía desenvolvendo deuse de conta de que era unha historia demasiado complexa para condensar en dúas horas. Finalmente, puido desenvolvera en máis de trinta. Con todo, Esmail contaba na súa cabeza cun final para esta historia dende o primeiro momento.

A cuarta tempada era un momento clave para esta serie. Ao longo de dez episodios os espectadores esperaban que a enorme e complexa trama que se fora plantexando ata o de agora chegase a un final satisfactorio. Sam Esmail non só conseguiu isto senón que ademáis atopou tempo para afondar na psique e no pasado de personaxes como White Rose, Dom, Darlene ou o propio Elliot (Rami Malek).

Todo esto mantendo o tono descaradamente autorreferencial que caracterizou dende o comezo a esta serie, o humor sarcástico e mesmo atrevéndose a filmar un episodio completamente mudo, que resulta un dos máis frenéticos de toda a tempada.

Pode que Mr. Robot deixara de ter o impacto mediático que tivo coa súa primeira tempada, mais esto non significa que a serie deixara de ser interesante. Todo o contrario. Trátase dunha das mellores series que se puideron ver durante esta década e unha das historias de cyberpunk máis relevante dos últimos anos.

Creador: Sam Esmail

Guión: Sam Esmail, Randolph Leon, Adam Penn, Kyle Bradstreet, Kate Erickson, David Iserson, Kor Adana, Courtney Looney, Lucy Teitler

Fotografía: Tod Campbell, Tim Ives

Música: Mac Quayle

Ano: 2015 - 2019

País: Estados Unidos

5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.