‘The Mandalorian’: Unha nova esperanza

Cando Disney mercou os dereitos de Star Wars en 2012 semelleaba que o xigante estadounidense tiña todo a favor para ter nas súas mans outro éxito máis. A marca de Star Wars contaba xa con millóns de fieis seguidores que levaban unha década sen poder ver novas películas nas salas de cine mentres que Disney tiña os medios para poder devolver a vida a esta franquía con máis forza que nunca, anunciando estreas de maneira anual mediante unha nova triloxía e unha serie de historias independentes en forma de spin-offs. Que podía saír mal?

Incluso agora resulta complicado explicar como esta inversión, que no seu momento semellaba tan segura rematou por saír relativamente mal. Non se pode falar de que o intento de Disney por revivir Star Wars fose un fracaso, xa que os ingresos da compañía estadounidense grazas a estas novas películas, videoxogos e merchandising foron inmensos. Porén, resulta evidente que os plans do xigante de Mickey Mouse non saíron como esperaban.

A nova triloxía conformada polos episodios VII, VIII e IX dividiu ao público aínda máis que as precuelas realizadas por George Lucas. Realizados por J. J. Abrams (VII e IX) e Rian Johnson (VIII), estes novos filmes amosaron unha escasa consistencia interna no seu desenvolvemento, a causa das visións opostas de ámbolos dous directores sobre a dirección que debía tomar esta saga. Por outra banda, os spin-offs planificados por Disney non remataron de despegar de todo, ficando unicamente en dúas películas das tres planificadas orixinalmente. Ante esta situación, The Mandalorian, a nova serie estreada en Disney+ era a última esperanza de cara a reconciliar ao público coas novas producións de Star Wars.

Unha vez visto o resultado final, podería dicirse que esta nova serie creada por Jon Favreau acada o seu principal obxectivo, traendo algo de frescura a unha saga que comezaba a cheirar demasiado a refrito. Con todo, o que fixo Favreau en The Mandalorian non foi máis que voltar aos comezos de Star Wars, a aquela primeira película estreada en 1977 onde moitos viron unha enorme influencia do xénero do western. Esta nova serie non é máis que un novo western espacial, desta volta cun tono máis adulto e cuns personaxes completamente diferentes.

O mandaloriano é o protagonista absoluto desta nova historia, un solitario cazarrecompensas interpretado por un Pedro Pascal que sempre vemos ataviado coa súa armadura e un casco que elimina todo posible expresividade facial. Pero se ben o mandaloriano é o grande heroe da serie, a personaxe que máis namorou ao público foi o seu inesperado compañeiro de viaxe, baby Yoda, un pequeno alieníxena que se ben todavía non sabe falar, aporta toda a expresividade coa que non conta o mandaloriano.

O enorme contraste que existe entre esta dupla, un duro pistoleiro e un indefenso bebé resulta o principal acerto desta serie. A convivencia entre ambos permite desenvolver de maneira axeitada aos dous personaxes, amosando o lado máis emocional do mandaloriano e a cara máis poderosa deste baby Yoda.

Tal e como cabía esperar, a serie é espectacular no plano visual, que pouco ten que envidiar das producións que Disney realizou para a gran pantalla. A historia resulta entretida e novidosa dentro da saga de Star Wars, xa que non bebe de maneira directa de ningunha das películas estreadas ata a data, porén algúns dos episodios que conforman esta primeira tempada semellan recheo no marco da trama principal.

The Mandalorian non é unha revolución dentro da saga de Star Wars, en certa maneira nin sequera é o mellor que fixo Disney dende que conta cos dereitos da mesma. Porén esta serie supón un sopro de aire fresco e abre a porta que a súa historia sexa continuada con todavía máis acerto do que atopamos nesta primeira tempada ao longo dos vindeiros anos.

Creador: Jon Favreau
Guión: Jon Favreau, Rick Famuyiwa, Christopher Yost
Fotografía: Greig Fraser, Barry Idoine
Música: Ludwig Göransson
Ano: 2019
País: EEUU
3.5
Pódeche interesar...
Libros para a corentena: ‘Bordados’ de Marjane Satrapi