‘The Witcher’: O Lobo Branco afía a espada

É posíbel que nos vindeiros días moitos teñan que realizar dos actos de obrigado cumprimento. O primeiro será pedir perdón, ao dubidar de se Henry Cavill sería quen de  dar vida a Geralt de Rivia na serie de Netflix. O segundo, borrar ou limitar calquera comparación de The Witcher coa adaptación televisiva de Canción de xeo e lume, que por certos motivos comerciais e de crítica tanto se está a comentar.

Sobre o primeiro enunciado afondarase logo, do segundo convén explicalo dende o inicio. Non son poucas as voces que viron —ou quixeron ver— nesta nova serie o Xogo de Tronos de Netflix. A típica comparativa absurda entre produtos baseada na competición de produto, que se ben podería existir, a idea é insostíbel, pois hai tantas diferenzas entre ambas as dúas series como pode habelas entre os seus produtos orixinais, é dicir, os libros. E si, tamén teñen as súas similitudes como creacións que parten da fantasía escura que lles dá orde e vida.

Non pretende ser este un artigo onde sinalar as particularidades de cada obra, pero cómpre deixalo claro dende o inicio. O mundo de fantasía creado por Andrzej Sapkowski non é o de George R. R. Martin. Non o é. Por mor disto, é obrigado sinalar que a obra xa dispoñíbel en Netflix pouco ou nada se parece a Xogo de Tronos. Isto será bo para uns, malo para outros. Aquel que agardaba unha serie de alto nivel político, cunha narrativa onde os tratos e as traizóns móveno todo; abriu a fiestra equivocada. Pola contra, aquel que anda na procura dunha serie de aventuras, con certos toques políticos, si, pero cun evidente protagonista principal que busca un oco nun mundo violento e difícil; estará de sorte.

The Witcher funciona. Os seus oito episodios ponde ser bebidos como unha botella de excelente viño, pero que pode causar certa borracheira de nomes, situacións e personaxes; ao serviren de introdución a un universo novo para moitos. Xa hai segunda tempada confirmada e Netflix non oculta que podería haber sete ou oito se a resposta do público é boa. Esta versión de Geralt de Rivia cumpre coa idea de entretemento e fai querer saber máis del e das outras personaxes coas que comparte narración, é dicir, Ciri e Yennefer.

De letras e pixels

Non hai que ocultalo. O que aquí escribe descubriu ao bruxo do cabelo branco grazas aos xogos de CD Projekt RED. Feito que de xeito probábel se repetirá en miles e miles de casos. As obras dixitais que crearon os polacos son agora unha historia fundamental da historia do videoxogo, sobre todo a súa derradeira entrega, que na práctica aparecen como secuelas das historias contadas nos relatos e novelas de Andrzej Sapkowski. Por certo, após anos de enfados e liortas legais, autor e compañía pecharon un novo acordo que parece acabar cos insultos e lamentos do escritor cara a empresa, debido ao pésimo trato realizado no seu día con ela.

É importante lembrar que The Witcher adapta a obra orixinal, a escrita, e nada hai na serie de televisión que poida ser ollado nos videoxogos. Poden extraerse paralelismos coa banda sonora, co xeito de loitar de Geralt, pero a historia que conta Lauren Schmidt, nome de confianza dentro da casa Netflix, pasa pola descrita nos dous primeiros libros de Sapkowski: A espada do destino e O último desexo.

Así, algúns dos relatos máis coñecidos destes dous conxuntos aparecen agora na televisión adaptados dun xeito bastante intelixente, coma O mal menor, ou mesmo expandindo as ideas que se deixan ver nos libros, como a transformación dunha Yennefer con chepa nunha poderosa e bela feiticeira, que na serie conta un espazo notable á hora de contar este pasaxe.

A diferencia dos videoxogos, o escritos polaco si estivo metido de cheo neste proxecto, polo que o seu apoio debeu ser unha constante á hora de atopar o camiño correcto. Onde empezan ou onde rematan as súas aportacións é difícil de saber, pero na teoría aí están.

Geralt, que ben te ves

The Witcher é unha serie para un consumo masivo tamén se permite o luxo de certas licencias de nicho. Por suposto que é unha serie de Netflix, con todo o bo e o malo que iso conleva, pero tamén aposta por amosar espidos en pantalla e algunha que outra sorprendente violencia.

A loita que Geralt de Rivia realiza en Blaviken case chega de súpeto, como unha repentina hostia de sangue e poderío físico. Henry Cavill amosa o seu adestramento e fai abrir os ollos logo de comprobarmos a súa capacidade coa espada. Serve de aviso. Esta é unha obra por momentos violenta, con escenas gráficas poderosas que non ten medo a revelar o que unha espada ben afiada pode facer nun corpo brando. En certo sentido, agradécese; sobre todo se un coñece as historias orixinais.

Cavill non só cumpre as expectativas, que eran moitas, senón que as supera. A súa voz, os seus gruñidos —importantes—, as súas miradas… Quen estea libre de pecado que tire a primeira pedra por dubidar deste actor no papel. Adeus Superman, ola Lobo Branco, benvido.

Do mesmo xeito, Anya Chalotra e Freya Allah —Yennefer e Ciri— compren perfectamente. Quixeron os responsábeis da serie en darlle un protagonismo especial á primeira, que ve a súa historia de orixe moi ampliada e contextualizada na pantalla. Destacar tamén a Jodhi May, fantástica como Calanthe, unha raíña destinada a dar non poucos memes e diálogos  de sobrada intención e poderío.

E si, Jaskier e o seu Toss a coin to your Witcher. Interesante e ben lograda a adaptación musical neste eido, capaz de combinar esas harmonías medievais coa tolemia contemporánea e pop dun bardo que trata de poñer a nota cómica na maioría das súas aparicións.

Unha cronoloxía converxente

Se algo haberá que estudar con lupa na historia que adapta Netflix é o formato temporal que decidiron usar. É certo que moitos usuarios da plataforma chegarán á serie cun coñecemento contextual forte do que vai ver, ben sexa polos libros, ben sexa polos xogos; pero habería que comprobar se a obra funciona ben no caso de vir de cero.

The Witcher aposta por unha especie de relato río. Tres personaxes, tres narracións e tres espazos temporais distintos que van converxendo. En ningún intre isto é especificado cunha lenda que guíe o espectador. Ten que intuílo. Non é estraño, pero é arriscado. Máis que nada porque un podería pensar nun inicio que todo está pasando asemade, e non podería estar máis errado. O certo é que a diferenza cronolóxica entre relatos é moi grande, de varios anos.

Ao longo dos episodios, que soen ser autoconclusivos, alén da historia principal que percorre de fondo, tamén van aparecendo non poucos personaxes de maior e menor relevancia. O espectador ten que quedar cos seus nomes, coa súa raza e co seu papel para poder ter unha lectura en conxunto do que está a ocorrer. Non é doado, de primeiras, e pode que algún espectador sinta que está a perder algo, que non acaba de comprender porque este personaxe está aí e agora xa non, ou porque este é amigo e o outro inimigo.

Non é algo grave, non é algo imposíbel, pero nunha época na que todo semella que todo ten que chegar cociñado e envolto, pode ser frustrante para o público ter que gastar o miolo. E aínda que así o faga, seguirá ter que pensando en aproximacións e non en anos fixos entre escena e escena.

Ponlle outra

A primeira tempada da serie é un exercicio moi práctico no que Lauren Schmidt aproba como showrunner. Sabendo que isto vai ir para adiante, non é difícil pensar que o que veña nun futuro próximo estará máis puído. Moito máis. Pode que o seu éxito derive nun orzamento maior, sobre todo perante esa idea de ser a obra audiovisual da fantasía escura do momento.

E non lle virán mal eses cartos. Hai momentos nos que o CGI é disparatado por non dicir pobre, as armaduras dos soldados de Nilfgaard seguen sendo máis feas que un domingo que toca traballar, ademais doutras cousiñas varias pero menores. Todas elas poden ser melloradas con presuposto e gana. Mesmo a historia, que non deixa de ser unha narración de presentación de personaxes, un xogo de xadrez onde aprendemos a mover as fichas e ver que movementos pode facer cada quen. Mañá tocará indagar na estratexia, nas xogadas avanzadas, chegar ao xaque mate.

Vai haber The Witcher para moito tempo. O camiño semella asfaltado e o público respondeu como tiña que responder. Fóra dos hooligans que ven horripilados —pero ven— unha adaptación que pode dar máis de si, pero que tamén prometeu tomar nota das opinións que lles van ir chegando. Netflix que isto funcione, e de seguro o que veña cambiará diversos aspectos á carta. O Bruxo está afiando a espada. Démoslle tempo.

Creadora: Lauren Schmidt
Guión: Lauren Schmidt, Declan De Barra, Beau DeMayo, Haily Hall, Jenny Klein, Sneha Koorse, Michael Ostrowski
Fotografía: Jean-Philippe Gossart, Gavin Struthers
Música: Sonya Belousova, Giona Ostinelli
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.