‘You’ (T2): É posible cambiar?

You foi, o pasado 2019, unha desas series que entrou en Netflix pola porta de detrás pero que rapidamente tornou nun fenómeno de masas, quizais pola súa provocadora premisa poñéndonos na pel do vilán, neste caso, un depredador que non dubida en facer o que sexa para conquistar á moza das súas fantasías románticas e sexuais. Despois das desventuras de Joe Goldberg coa fráxil Guinevere Beck, que se fixeron virais ao pouco tempo da súa estrea, Netflix asumiu a produción da segunda entrega, que chegou á plataforma o 26 de decembro.

Desta volta, o noso desequilibrado protagonista múdase a Los Angeles fuxindo da que fora a súa primeira moza, Candace, á que daba por morta. Alí, fíxase nunha rapaza chamada Love. Pero Joe non quere que se repitan as historias de Candace e Beck, ambas con tráxico final. Está decidido a cambiar para poder vivir a súa historia de amor soñada coa nova moza dos seus soños.

O cambio é o tema principal desta tempada. Joe está disposto a ser unha persoa totalmente diferente para non volver a fuxir porque se lle vaia das mans algunha situación delicada. Pero a súa personalidade obsesiva imprégnao todo, dende a necesidade que sente de protexer á irmá adolescente da súa veciña ata a narración da serie, que volve a ser o seu monólogo interno. O espectador vive o 90% dos acontecementos desde a perspectiva do desquiciado protagonista, que trata de xustificar –tanto para nós como para el mesmo– os seus cuestionables actos.

A introdución dun novo escenario e novas personaxes dá certa frescura a unha serie que corría o risco de non ter nada que contar tras unha primeira entrega que deixou todos os cabos ben atados salvo por ese cliffhanger final coa chegada de Candace. Love é unha personaxe moito máis complexa que Beck. Filla de aristócratas, rexenta un establecemento xunto ao seu irmán Forty, co que mantén unha perigosa relación de codependencia. Ao igual que Joe, anda en busca ao seu amor verdadeiro despois de sufrir a tráxica perda do seu esposo hai tres anos. O noso protagonista non tardará en darse conta de que non é unha rapaza ‘do montón’.

A encantadora Love Quinn é o obxectivo de Joe nesta segunda tempada

A nivel técnico, You destaca polo seu bo facer, tanto a nivel de imaxe como de son. Neste último apartado cabe reseñar a edición do monólogo interno do protagonista, coma se dun narrador omnisciente se tratara, dirixíndose ao público pero á vez non e encabalgando frases en momentos de tensión para trasladar ao espectador esa sensación de angustia. A fotografía, a cargo de Cort Fey e Seamus Tierney, tamén nos introduce no tóxico e controlador mundo de Joe. Moitos planos son dende o seu propio punto de vista, e para acentuar as súas fixacións xógase coa profundidade de cámara –difuminando o fondo– e incluso se aprecian, de cando en vez, distorsións nos bordes do encadre, sobre todo cando as cousas non marchan ben para Joe. O capítulo da viaxe de LSD é boa mostra disto.

A magnífica interpretación de Penn Badgley é crucial para que a serie funcione. Sempre entre a fina liña entre agradable e sinistro, sempre dando razóns ao espectador para confiar en que pode cambiar, incluso despois de volver a matar a unha persoa. Porque Joe Goldberg non só quere aparentar que é outro tras o incidente de Beck, quere cambiar de verdade. Por eso cando os acontecementos dos últimos episodios ocorren e a imaxe idealizada de Love québrase para revelar que non é moi diferente del, réndese dunha vez por todas e confírmanos que cambiar é imposible. Joe é e será un pobre sociópata obsesionado co amor platónico, e nos últimos segundos da tempada, á vez que dá pistas sobre unha terceira entrega, xa nos presenta á súa nova futura conquista.

En definitiva, esta segunda tempada de You supera con creces á anterior. A ampliación do reparto cunhas personaxes carismáticas e que funcionaron dende o primeiro segundo axudou á serie a non parecer un engadido sen nada que contar e a mensaxe sobre o cambio de Joe que se explora ao longo dos dez episodios é, sen dúbida, un acerto. Ironicamente, sen cambiar un ápice, o protagonista realiza unha profunda viaxe de introspección que lle fai cuestionarse toda a súa vida para logo volver ao punto de partida porque, como con Beck, dedicouse a idealizar á súa parella en lugar de tratar de coñecela. Haberá que agardar outro ano máis para saber se Joe Goldberg é capaz de cambiar.

Creadores: Greg Berlanti e Sera Gamble

Guión: Caroline Kepnes, Kelli Breslin, Amanda Johnson-Zetterströmm, Kara Corthron, Michael Foley, Neil Reynolds, Justin W. Lo, Mairin Reed

Fotografía: Cort Fey e Seamus Tierney

Música: Blake Neeley

Ano: 2019

País: Estados Unidos

4
Pódeche interesar...
Máis de 3.000 persoas xa viron ‘Eroski Paraíso’ nas salas galegas