‘Sex Education’ (T2): Agora con educación máis alá do sexo

A serie de Netflix volve cun novo esquema narrativo e unha maior profundidade

Sex Education chegou a Netflix hai un ano, no marco dunha fornada de series dirixidas a un target moi específico: o adolescente e o non tan adolescente que quere recordar -con certa ironía e amargura se cabe- esa caótica etapa da vida. De toda esta oferta teen da plataforma, entre a que tamén destacan a cancelada Everything Sucks e The End of the F***ing World, seguramente sexa a que nos ocupa a que máis éxito de público tivo. Quizais por ser a que suscita máis morbo, ou ao mellor porque deixa entrever tamén os problemas sentimentais e sexuais da vida adulta.

A segunda tempada despega co inicio dun novo curso, con Otis (Asa Butterfield) revelándose por fin sexualmente, a medida que avanza a súa relación con Ola (Patricia Allison) e se distancia máis de Maeve (Emma Mackley). Tamén terá que lidiar coa competencia da súa nai (Gillian Anderson), quen será contratada no instituto como orientandora escolar.

Un refrescante cambio na estrutura argumental

O desgaste do binomio Otis-Maeve é o que dá pé ao maior avance en profundidade da serie. Mentres que na primeira tempada baseábase nunha estrutura epistolar que partía do caso dun cliente de ambos para centrarse realmente no desenvolvemento do seu protagonista, esta segunda entrega renuncia ao case esquecemento do resto de arcos dramáticos.

A partir dos clichés que se nos presentaron anteriormente -Otis é o geek, Maeve é a freak, Adam é o bully, Jackson é o jock, etc.-, roles inamovibles desde o cinema de John Hughes, podemos por fin experimentar unha maior profundación de todas as personaxes arredor de Otis, ao tempo que todos eles exploran os aspectos da súa sexualidade e a súa vida persoal que van moito máis aló do tópico.

A multiplicación dos centros de atención non sempre é levada a cabo acertadamente. De primeiras, o triángulo amoroso entre Otis, Maeve e Ola síntese estraño. En moitas ocasións, o guión non dá transfondo ás decisións dos tres, obrigando ao espectador a intuír os seus pensamentos pola mera existencia do conflito triangular.

Por outra banda, persiste o problema de tratamento do arco dramático de Eric (Ncuti Gatwa). Xa na primeira tempada, tratouse ao mellor amigo de Otis cunha emotividade que se sentía fóra de ton co resto da serie. Agora amplíase a calidade de “neno mimado”: mentres que a diéxese do relato encárgase de xulgar as malas decisións do resto de personaxes, Eric sempre parece saír impune das súas. Todo se lle xustifica.

Pero tamén se nos amosan novos e resfrescantes arcos argumentais. A amizade entre Jackson (Kedar Williams-Sterling) e Viv (Chinenye Ezeudu) demostra que no universo de Sex Education tamén existe amor entre home e muller heterosexuais máis aló do sexo. Por outra parte, a introdución da nai de Maeve consegue mostrar o lado máis humano desta, máis aló do estereotipo de adolescente fría e inadaptada. Enfoque enfatizado pola súa amizade con Isaac (George Robinson), que de seguro dará moito que falar na próxima tempada.

Esta diversificación non impide que o desenvolvemento da trama poida anticiparse en cada minuto. Tampouco parece que Sex Education queira xogar á sorpresa. Os guionistas coñecen moi ben a fórmula do éxito e a explotan ao máximo: en todo momento pasa algo. Mediante constantes puntos de xiro, constrúen unha acción que non descansa mais tampouco brilla pola súa imprevisibilidade; ata o último albisco do capítulo, instando ao espectador que clique en “próximo episodio”.

O mesmo tratamento estético

Guste ou non, un dos maiores ganchos de Sex Education é a súa peculiar fotografía e arte. A sobre-saturación da cor segue a tinguir cada fotograma, acompañado cun leve desglose das cores primarias nos bordos. Esta decisión estética, a todas luces enfocada a facer da serie unha translación anacrónica de The Breakfast Club ao século XXI, pode acabar resultando cargante para a vista e pretenciosa para o gusto.

En adición, o anacronismo exacerbado que pretenden desempaquetar desde o departamento de arte consegue rozar os límites do aceptable. Ata que punto se pode xustificar unha televisión de tubo de raios catódicos e un smartphone na mesma escena? Realmente é isto unha marca diferenciadora e satisfactoria ou unha redundancia cansina?

Sex Education aprendeu dalgúns dos seus erros e superarse nesta segunda tempada. Consegue enriquecer a súa estrutura e, con ela, o seu universo narrativo. Aínda así, o seu propio formato condénaa a recaer no exceso e na superfluidade no futuro. Porén é boa coñecedora de como alcanzar o seu obxectivo último: venderse moi ben ao seu público.

Creadora: Laurie Nunn
Guión: Bisha K. Ali, Sophie Goodhart, Laura Hunter, Laura Neal, Laurie Nunn, Freddy Syborn
Fotografía: Steve Ackroyd, Calum Ross, David Webb, David Key, Ilana Garrard, Tom Walden, Cai Thompson, Will Cook, Annabelle Bevan, Axi Butterworth, Charlie Ruth Chadwick, Sophie Louise Cowdrey
Música: Matt Biffa, Ciara Elwis, Jake Bourton, Joss Colin, Neil Collymore, Simon Gershon, Jon Salmon-Joyce, Robert Searl, Doug Sinclair, Gareth Rhys Jones, Jonathan Smith
Ano: 2020
País: Reino Unido
3.5
Pódeche interesar...
‘Arima’: Brétema que non leva a ningunha parte