‘Sonic, a película’: Moito máis ca un redeseño

Que risas botamos todos ao ver o terrible aspecto de Sonic cando revelaron a película hai un par de anos, eh? Tampouco é que se esperase nada de calidade, xa todos sabemos que na maioría dos casos a transición entre os videoxogos e o cine adoita ser desastrosa, pero ese dantesco “furro” aínda me persegue nalgún pesadelo. Por iso cando, despois de que os fans do ourizo azul expresasen as súas queixas nas redes, anunciouse que ían retrasar o filme para retocar o modelo, quedei gratamente sorprendido.

Quizais nesta ocasión se intentase facer as cousas ben máis alá de crear un produto sen alma só para gañar cartos de rapaces e nostálxicos. O novo e adorable Sonic apareceu (curiosamente o mesmo día que o PSOE pactaba con Podemos, dous curiosos eventos que me fixeron preguntarme se non era máis fácil ter feito as cousas ben desde o principio) e todos quedaron conformes. Xamais fun un gran seguidor da mascota de SEGA, pero ao ver que por unha vez o público foi escoitado, decidín que o filme merecía unha oportunidade. 

Así, fun ao cine sen ningunha expectativa máis que pasar un rato entretido vendo as tolas e rápidas aventuras do ourizo… e vaia, debo dicir que non me esperaba para nada o que atopei. O debut cinematográfico de Jeff Fowler trátase dunha obra sinxela, si, que responde ao patrón típico doutras creacións similares de “protagonista humano con problemas persoais atópase cunha criatura especial que é perseguida e coa que se ve obrigado a colaborar forxando así unha entrañable amizade e descubrindo no proceso que a criatura é a solución ás súas inquedanzas” (dito isto, atopo máis similitudes con Venom que con Detective Pikachu), pero é que non se queda aí. Vale, non é unha obra mestra do cine, pero nótase que está feita con cariño e respecto ao fan, algo que se ve nos numerosos detalles ao mundo dos videoxogos, pero tamén en todas as referencias aos memes de internet (cando vin o debuxo do SANIC case escacho da risa e non fun o único na sala), tan recoñecibles dentro coma fóra da comunidade. 

A historia prantexa un escenario totalmente orixinal, polo que non é necesario ter ningún tipo de coñecemento previo sobre a cronoloxía dos xogos para entendela, sendo así accesible para calquera persoa. Na reinterpretación de Fowler, Sonic é un alieníxena que se viu obrigado a refuxiarse na Terra. O último que lle dixo a súa figura materna antes de envialo cos humanos foi que vivise oculto, pois a súa gran velocidade sería perseguida por aqueles que desexasen empregala coma unha arma, tal e como estaba acontecendo no seu planeta. Así, o pobre ourizo pasou anos en completa soidade (gran acerto que se estrease en San Valentín; ver ao ourizo lamentando que sempre vai estar só soubo dar onde doe), pero cando a súa enerxía é detectada e comeza a ser atacado, deberá buscarse a vida. 

Sonic terá que aliarse cun policía para poder sobrevivir, descubrindo a amizade no proceso. 

O Sonic está guapo, si (e o seu actor de dobraxe en España, Ángel de Gracia, é o mesmo que o leva interpretando en xogos e series dende 2016, o cal é de agradecer), pero é que o reparto humano non se queda atrás. James Marsden interpreta a Tom Wachowski, o poli “fracasado” que atopa a Sonic e acaba sendo o seu mellor amigo, creando unha estupenda química entre eles que funciona moi ben nos momentos máis road movie. Pero o que sen ningunha dúbida se come a pantalla é o histriónico Jim Carrey facendo do mítico inimigo de Sonic, o Dr. Robotnik. Carrey comeza cun aspecto máis “formal” que o do deseño dos videoxogos, pero froito dos seus encontros con Sonic acaba perdendo progresivamente a cordura ata acabar sendo o Robotnik que todos coñecemos coas esaxeradas expresións de Carrey que todos coñecemos. Nótase moitísimo o ben que o pasa cada segundo no papel e iso trasládase ao espectador; non podía ter escollido un mellor papel para o seu regreso ao cine comercial. 

Jim Carrey facendo de tolo coma só el sabe.

A nivel técnico, todo o relacionado con Sonic vese moi ben, destacando un par de momentos nos que se nota a influencia desa xa mítica escena de QuickSilver dos X-Men. Bótase en falta algunha canción da estupenda banda sonora dos videoxogos (tranquilos todos, Green Hill Zone si soa), pero iso non quita que os temas musicais que acompañan as escenas máis dinámicas sexan tamén unha boa elección. 

Tendo todo isto en conta, penso que aínda se levase moitas expectativas, estas serían altamente superadas. O último que esperaba atopar era unha peli divertida, chea de homenaxes ao mundo que adaptaba, cunhas actuacións sólidas e unha trama que sen ir moi alá, sabe cando poñerse o suficientemente emocional para conmoverte coa mirada triste dese ourizo necesitado de amizade. Aínda que logo o “Présas” grite “isto é sónico!” e che entren ganas de matalo, só para volver querer adoptalo un par de minutos despois. 

Respecto ao que dixen ao principio sobre que as adaptacións de videoxogos con frecuencia resultan ser castañas, pode que sexa o momento de ir retirando esa máxima. Xa con Detective Pikachu abríanse as portas para unha nova forma de afrontar este tipo de adaptacións, demostrando que basta con entender o mundo que se quere trasladar e con ofrecer unha visión respectuosa co material orixinal e sobre todo cos fans, sen os cales este material non chegaría onde chegou. A película de Sonic cómpre á perfección esta mentalidade e por iso non é de estrañar que xa sexa considerada por moita xente como a mellor película baseada nun videoxogo que existe. E pode que teñan razón. 

Director: Jeff Fowler
Guión: Patrick Casey, Josh Miller, Oren Uziel
Fotografía: Animación
Música: Junkie XL
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.