Sorry We Missed You: Reflexiona a próxima vez que pidas a Glovo

Ken Loach volve cunha película brillante a nivel político pero que non está a altura de I, Daniel Blake o seu anterior traballo

No ano 2016, Ken Loach colleitaba no festival de Cannes a súa segunda Palma de Ouro por I, Daniel Blake. O filme contaba a historia dunha persoa entrada en idade sobrepasada a nivel tecnolóxico por un capitalismo insensible e que o deixaba desamparado cando a familia non estaba para sustentar o seu afundimento. A escena final da película -da que non vou dar máis detalles- é desas que deixan a quen a vexa absolutamente desolado ao saír do cinema. Incluso con pensamentos intrusivos durante varios días.

Por iso mesmo Sorry We Missed You sobre o papel era unha obra para afrontar con especial interese. Non soamente pola propia figura de Loach, senón por saber como continuaría coa súa creación despois do seu gran éxito. Sobre todo, dunha película da que se falaba que era análoga da anterior. Finalmente, o resultado non foi de todo o agardado.

UNHA PELÍCULA MOI ACAÍDA NO POLÍTICO

Non quero que se me entenda mal. A nivel político é tanto ou máis acaída que I Daniel Blake. Nesta ocasión Loach pon ao espectador na pel dun repartidor a domicilio e a partir de aí fai unha análise brillante do modelo laboral postfordista. Un mundo de falsos autónomos, limitación ata o mínimo do tempo de ocio, ruptura da estrutura familiar pola falta de tempo material e unha reivindicación da mesma nunhas circunstancias onde o colectivo é máis necesario que nunca.

Se ben o protagonista nesta ocasión reparte nun camión, ben pode extrapolarse aos riders de Glovo ou empresas similares tan de actualidade nos últimos meses. A obriga de que os traballadores sexan falsos autónomos e os discursos por parte das empresas apelando a ser “o teu propio xefe”, o fomento da competitividade entre compañeiros xa que o máis eficientes ten mellores horarios -no caso da película mellores rutas- e polo tanto unha imposibilidade de sindicación para poder loitar por melloras nas condicións laborais. Ao fin e ao cabo, se ti es responsable do teu traballo… A quen lle vas a protestar?

Sorry We Missed You entra de cheo na loita de clases posicionándose en contra da empresa. Non culpabiliza ao consumidor aínda que se mostren actitudes absolutamente reprobables. Loach pon a mirada en quen estruturalmente explota aos traballadores e non a quen efectúa o pedido.

Ao fin e ao cabo a normalización da comida a domicilio non fai senón responder por unha parte a impedimentos de tempo (en moitas ocasións producidas por condicións laborais deplorables tamén) e a outros axentes ideolóxicos que fan que o cidadán de a pé se pense no dereito de ter o que queira cando o necesite e no lugar que máis lle conveña. E fai ben en mostrar esas situacións, porque aínda que non sexa adecuada unha postura punitivista, si que cómpre apelar a unha longa reflexión por parte dos usuarios.

AS FAMILIAS DO SÉCULO VINTE E UN

Como se di nun momento dado ao longo da película: Onde quedou a xornada de oito horas? O filme afonda nas consecuencias de afrontar cunha familia esa situación. Onde a primeira xeración que viviu peor que os seus pais en moitos anos ve como os seus fillos teñen de exemplo a absoluta precariedade. Onde a maior aspiración que teñen é ver como os seus pais son escravos das fazulas do sistema capitalista monopolista.

Neste punto vese á perfección na relación do fillo da familia. Non vai a clase porque considera que non lle vai servir para nada, e dende a súa perspectiva ninguén lle pode asegurar que ir á Universidade lle vai garantir un futuro. A súa visión nihilista e en busca dunha evasión é absolutamente comprensible dada a súa situación. Obviamente dende un punto obxectivo non está a ser un bo fillo, pero e que polas circunstancias de explotación que viven, os seus proxenitores tampouco están a ser un bos pais. Deste xeito, a familia escacha e o colectivo pasa a ser individual, como o traballo. E xa non hai nada no que sustentarse.

Outro elemento moi relevante é que tamén se representa en primeiro plano a dobre explotación que sofre a muller e como o patriarcado atravesa a toda a sociedade. A esposa do protagonista traballa tamén en condicións moi precarias coidando de anciáns e logo en casa ten que facelo dos seus fillos. Cando o seu marido comeza na empresa, esta vese obrigada a vender o seu transporte para ir ao seu posto laboral e en ningún caso o home asume ningún tipo de traballo reprodutivo. Estamos ante unha representación fidedigna dunha situación moi realista.

COMO PELÍCULA NON ESTÁ DE TODO Á ALTURA

En cambio, se sometemos a unha crítica estrita ao filme, como película está coxa en moitos aspectos. Sorry We Missed You busca reavivar a chama de I, Daniel Blake pero ao final parece unha secuela de peor calidade. Os seus momentos álxidos non chegan tanto ao corazón do espectador, os seus personaxes son menos interesantes e están moito peor escritos. Representan a arquetipos da sociedade, pero non teñen personalidade e preocupacións máis que as que deberían ter dun xeito teórico. Parecen máis problemas tipo cunha forma matemática que persoas de carne e óso.

Ademais, o guión en si deixa bastante que desexar. A evolución dos personaxes aínda que lóxica, é moi abrupta e soamente funciona porque o espectador sabe que é o que debería ocorrer en cada momento. Ademais, no terzo final o filme tórnase nunha serie de sucesos cada vez máis dramáticos que en vez de lograr transmitir empatía e mostrar unha realidade cruel, remata sacando ao espectador da película porque non ser cribles xuntos. Son innecesarios e contribúen a que non se tome en serio a mensaxe. En vez de funcionar todo dun xeito orgánico séntese como se Ken Loach che estivese levando da man dun xeito artificial.

En definitiva, Sorry We Missed You funciona tremendamente ben como produto cultural pero como película resulta un tanto mellorable. Dende logo, non é unha mala obra, pero tampouco dos mellores filmes dun dos directores máis premiados do cinema contemporáneo. Iso si, o aporte a nivel ideolóxico é máis que acaído neste século vinte e un que xa se está a facer moi longo.

Dirección: Ken Loach
Guión: Paul Laverty
Fotografía: Robbie Ryan
Música: George Fenton
Ano: 2019
País: Reino Unido
3
Pódeche interesar...
‘The King’, unha épica mediocre salvada pola música