Succession: Os ricos non son xente de fiar

Unha serie que trata sobre como os ricos son xente podre por dentro, así podería resumirse Succession. Nada novo baixo o sol nin nada pouco tratado no mundo do audiovisual, pero cando es o mellor en algo non é necesario ter unha temática orixinal de por si. Esta serie creada por Jesse Armstrong, emitida por HBO e que acaba de rematar a súa segunda tempada é un dos produtos televisivos máis sólidos dos últimos cinco anos.

A obra conta a historia da familia Roy, a propietaria dun dos conglomerados mediáticos máis relevantes do mundo e que lembra en moitas ocasións aos Murdoch. A serie comeza cando o seu patriarca -un Logan Roy interpretado magnificamente por Brian Cox– parece que quere dar o relevo ao seu fillo Kendall. A situación remata tornándose unha intrincada batalla a vida e morte entre irmáns (e máis individuos) por cartos, posición e, por que non, tamén polo peculiar cariño do seu pai.

VOITRES DEVORANDO ANIMAIS MORTOS

Succession lembra a Xogo de Tronos no seu tratamento das relacións de carácter político. Non é nin tan complexo nin tan explícito, pero aquí as puñaladas danse polas costas e sen deixar nin un rastro de sangue. Un dos aspectos máis clave é a construción duns personaxes moi diferenciados entre si, o que senta unha base moi forte para un guión que é a punta de lanza desta serie.

Trata unha temática realmente seria, pero o fai cunha despreocupación en moitos casos que dende o mundo dos mortais non sabemos se é realista, pero dende logo si que é verosímil. O diñeiro nunca se ve en toda a serie aínda que sexa o motor que da vida a todo. Se se soe destacar moitas boas series porque os seus protagonistas sexan grises, neste caso son máis negros que o carbón. Ningún é boa persoa, tampouco causan unha gran empatía, pero o que se conta é tan interesante que é imposible deixar de mirar. O espectador case se pode sentir como vendo un documental de voitres devorando animais mortos.

Se ben o elenco de personaxes é moi diferenciado entre si, todos son excelentemente complementarios a nivel dramático. A relación entre os diferentes membros da familia ten moitas máis capas do que pode parecer nun principio. Os traumas, o pasado que nunca se ensina (e que se agradece que se renuncie ao tan manido recurso flashback) e unhas motivacións persoais do máis diversas fai que todo se sinta balanceado e que enganche.

CONSTRUÍR A PARTIR DA LOCALIZACIÓN

Por outra banda, é destacable o uso que se fai dos escenarios. Hai moitos episodios que se desenvolven nun lugar en especial (Escocia, Inglaterra, Washington…) e lonxe de ser un alivio do guión para manternos con interese, sempre se desenvolve a acción dramática a partires das circunstancias novas que da o espazo, polo que a historia torna unha profundidade moito maior. Tanta, que en moitas ocasións o título dos episodios corresponden ao lugar onde se van desenvolver as accións. Isto implica un espectacular traballo de localización na prepodución que ten os seus froitos finalmente.

Isto ampárase nun estilo moi característico onde destaca unha constante cámara en man. O primeiro capítulo da serie está dirixido por Adam McKay, o autor da Gran Aposta ou a recente Vice. Senta as bases estéticas que logo se manterán ao longo dos vinte episodios que polo momento. Grandes zooms, inestabilidade, numerosos cambios de plano… unha posta en escena diferente que da unha gran personalidade a Succession.

UNHA OBRA VALENTE

Ao longo das dúas tempadas o pistón nunca baixa. O seu momento máis frouxo son os seus primeiros tres capítulos, o momento de presentar o mundo da serie e aos seus personaxes. Aínda así é comprensible e case se lle pode perdoar dado que a cantidade de personaxes é bastante grande e o contexto sobre o que se desenvolve a historia é moi complexo.

A partir de aí soluciona os pequenos problemas de ritmo e sube ata os desenvolvemento dramático das dúas tempadas, onde nos seus finais se xoga co impacto dun cambio de paradigma na vida da familia e da empresa. En cambio, noutros momentos non ten medo de fuxir dunha construción clásica e cada capítulo pode conter varios clímax diferentes. Tampouco se dubida á hora de introducir elementos pouco habituais neste tipo de series por ser irreverentes e causar un grande impresión, pero que en ningún punto rompen a tónica de humor acedo que impregna a moitas das situacións.

Succession ten un mensaxe claro: os ricos non son xente de fiar. Ademais son excéntricos, loitan por máis dos cartos que van poder gastar na súa vida como bestas e teñen un concepto de familia máis preto dunha corporación mafiosa que dun fogar como tal. De feito, algúns dos momentos que máis destacan de toda a obra son esas raras ocasións onde se esquecen as pugnas familiares para poder ser eles mesmos e comportarse como persoas que se aprecian. Ou como persoas a secas, depende dende que punto de vista se vexa. Iso si, son agullas nun pallar, como esta serie, un tributo á calidade audiovisual.

Creador: Jesse Armstrong
Guión: Jesse Armstrong, Susan Soon He Stanton, Georgia Pritchett, Jon Brown, Tony Roche, Jonathan Glatzer, Lucy Prebble
Fotografía: Andrij Parekh, Patrick Capone, Chris Norr
Música: Nicholas Britell
Ano: 2018
País: Estados Unidos
5
Pódeche interesar...
Quen son os Parasitos da nosa sociedade? Unha loita no lodo