‘Surge’: Batido de referencias

Cando cheguei a Surge, o primeiro que lin foi que era como se Joker fora dirixida polos irmáns Safdie. Unha mestura o suficientemente potente como para provocar interese. Ademais, o filme de Aneil Karia está protagonizado por Ben Whisaw, un dos mellores actores da súa xeración. Todo isto xunto non podía decepcionar, verdade?

A película céntrase en Joseph, un home discreto que vive do traballo a casa e casa ao traballo. Vive só e amargado por veciños ruidosos, todo o mundo esquece o seu aniversario e os seus país son do máis irritantes. Un día, a súa vida remata por superalo e emprende unha aventura polo medio da súa cidade sen rumbo.

Aquí é o punto onde se ve claramente que gran parte das referencias de Aneil Karia son a película de Todd Phillips e filmes dos irmáns Safdie como Time ou Uncut Gems. Do primeiro colle a película feita para o protagonista, algunhas situacións concretas, localizacións comúns ás dúas obras, pero tamén un desenvolvemento torpe.

Dos Safdie esa sensación de que os seus personaxes non son malvados, pero non cesan de tomar malas decisións. Toda a acción ocorre durante un día e ao final da a sensación que todo o mundo conspira contra o protagonista, xa de por si nunha situación extremadamente vulnerable. Dende logo, practicamente todas estas características son interesantes para poder facer un filme.

O problema de Surge é que adoece moito de ser a prima de Aneil Karia. Se ben todo o anterior está en no filme, o problema é que non hai practicamente nada máis. A película pérdese entre as súas referencias e non logra ter un discurso propio. Non se é quen de dotar de personalidade a un filme que tiña moitos elementos para ser destacable.

Dende logo, se algo o sustenta é Ben Whisaw, que demostra que non é necesaria unha interpretación baseada na transformación para sustentar a película durante todo o seu metraxe. Ademais, decisións como a cámara en man cun pulso que cambia segundo o estado mental do protagonista e algunhas secuencias especialmente espectaculares dan a Surge destelos do que podería ter sido cun director máis maduro.

En todo caso, é un filme interesante. Que por momentos perde o foco e non logra escapar das súas referencias, pero que agradece ser visto. Aneil Karia demostra que é un director a seguir no futuro. Non todas as primeiras películas deben ser as mellores do mundo, pero dende logo este home ten un gran potencial.

Director: Aneil Karia Guión: Rupert Jones, Rita Kalnejais Fotografía: Stuart Bentley Música: Tujiko Noriko Ano: 2020 País: Reino Unido
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.