‘Tempo’: Un ano e medio despois, o bicho segue connosco

Isto da covid-19 está a facerse moi longo. Deume tempo a rematar un Máster, a ter dous traballos diferentes, a mudarme de cidade e a que falecera o meu avó. Aínda seguimos con máscara, o Telexornal aínda abre con incidencias acumuladas e aínda hai que gardar a distancia de seguridade. Menos se vas en transporte público, por suposto, aí xa non é tan importante.

A onde quero chegar é que o tempo pasou moi rápido. E aínda que queramos ser iguais que antes de que pasara todo isto, nada é o mesmo. Porque o mundo avanza e non se pode fuxir del. E unha premisa tan sinxela e obvia é a base do novo filme de M. Night Shyamalan, Tempo.

A película posúe un envoltorio sinxelo. Unha serie de familias viaxan a un complexo turístico de luxo cando o dono do lugar lles ofrece unha escapada a unha praia moi especial. Cando chegan, comezan suceder unha serie de fenómenos estranos que semellan estar relacionados co paso do tempo.

Shyamalan fai unha cousa moi intelixente chegado a este punto. Establece niveis de lectura intencionais do filme. Por unha banda, é a historia mil veces contada dun grupo de persoas que deben fuxir dun lugar a priori inexpugnable cunha deadline clara, neste caso cun fondo de ciencia ficción. Por outro, como o bo cine de xénero, establece unha radiografía social moi potente, aínda que sen renunciar a que o filme sexa dixerible para o público medio que pouco lle interesan as análises de cerebro galaxia.

Non o vou negar, isto fai que en momentos concretos o filme non sexa marabilloso por estas concesións, aínda que en ningún momento malo. Ademais, agradécese que o director quera facer unha película que poda ser disfrutada por toda clase de públicos sen renunciar a contar o que el quere. E o que narra e como o fai é maxistral.

Na praia pasa o tempo moi rápido. A través desa simple cuestón chégase aos momentos máis dramáticos do filme. O maior medo do ser humano é o descoñecido, e non hai nada máis descoñecido que o futuro. Envellecer, o desenvolvemento de enfermidades, o futuro da familia, comezar a perder os sentidos pouco a pouco… e finalmente a morte.

Tamén para os nenos. Poucas etapas hai máis complicadas que a adolescencia, pero logo se crea unha nostalxia deses tempos que adoitan caer en idealización. No mundo hai millóns de adultos que se cren nenos. Que aínda non maduraron. O paso do tempo crea moitos conflitos e arranxa poucos, pero Shyamalan o utiliza cun pulso tremendo amparado nun guión o suficientemente robusto para aguantar.

Ademais, conta a través dun ritmo vertixinoso e unha cámara nerviosa o paso dunha vida enteira. O anos pasan deprisa e dun xeito insatisfactorio que, como na vida mesma, queda a idea de que nunca se aproveitan. A meirande parte das personaxes morren sen desfrutar dos últimos momentos querendo atopar unha saída desa praia que é sen dúbida a protagonista do filme cando igual o máis intelixente sería pasar o mellor día da túa vida consciente de que é o último.

Shyamalan firma con Tempo unha película consistente que lle da soprido de aire fresco a un cine fantástico encorsetado nas mesmas fórmulas os últimos anos. Ademais, faino cun diálogo frontal coa realidade que vivimos, porque poucas películas souberon entender a covid a nivel social coma esta. O mellor Shyamalan está volta, agardemos que para quedarse.

Dirección: M. Night Shyamalan
Guión: M. Night Shyamalan
Fotografía: Mike Gioulakis
Música: Trevor Gureckis
Ano: 2021
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.