‘The Eddy’: Todo pola música

Á hora de falar dunha produción de Damien Chazelle penso que debo deixar claro dende o primeiro momento que non son especial admirador de La La Land (2016), aquel musical protagonizado por Emma Stone e Ryan Gosling que mesmo chegou a coller coa man o Oscar á mellor película do ano (aínda que non o puido levar para a casa).

Isto non quere dicir que a considere unha mala película, La La Land está coidadamente filmada e varias das súas cancións todavía seguen na miña cabeza anos despois, polo que se podería dicir que son bastante memorables. Con todo,  o terceiro filme de Chazelle non facía nada máis que beber dos musicais do Hollywood clásico sen aportar nada novo sobre a mesa. Os frenéticos movementos de camara do realizador estadounidenses semellan vacíos de significado e sempre me resultou imposible conectar cos protagonistas da súa historia.

Por esta razón, cando decidín ver The Eddy, a nova serie creada por Damien Chazelle e Jack Thorne, esperaba atopar algo máis próximo á sorprendente Whiplash (2014) que a La La Land. Porén, The Eddy é unha produción que racha totalmente coas obras anteriores de Chazelle na súa forma. En moitos sentidos esta serie dispoñible en Netflix comparte máis cousas con La La Land que con calquera outra produción do director estadounidense, pero é radicalmente diferente no formato empregado.

The Eddy é en boa medida un novo musical. Toda a historia xira arredor dun clube de jazz parisiense e en cada episodio podemos escoitar varias cancións. Pero se ben en La La Land cada un destes momentos acostumaba a rachar coa diéxese da historia para escenificar todo un número musical que ao estilo clásico de Broadway, en The Eddy as cancións de Randy Kerber e Glen Ballard atópanse sempre enmarcadas na realidade na que están a ter lugar os acontecementos e non rachan en ningún momento coa verosimilitude do momento.

Esta serie tamén amosa unha ollada moito máis realista á vida dos musicos de jazz. Se en La La Land atopabámonos nun Hollywood profundamente idealizado, aquí nos damos un golpe de realidade, cunha historia que ten lugar maioritariamente nuns suburbios parisienses onde conviven distinas culturas e o día a día dos personaxes non se atopa tan alonxado das realidades que acostumamos a coñecer.

A maneira de filmar que establece Chazelle nos episodios iniciais dirixidos por el mesmo, e que máis adiante continúan outros realizadores, tamén supón todo un sopro de aire fresco. Abandoando por completo o perfeccionismo que caracterizou as súas producións anteriores, en The Eddy non ten medo de empregar a cámara ao ombro, á imprecisión, xa que o obxectivo principal semella ser sempre o realismo. No apartado técnico tamén destaca unha fermosa fotografía a cargo de Julien Poupard que dota de vida a cada plano, con imaxes cargadas de contraste e unhas cores ricas e orgánicas, e un son excepcional que permite escoitar perfectamente todas as cancións da serie á vez que respeta os ambientes dos espazos onde están a ser interpretadas mantendo a verosimilitude.

Porén non todo son acertos en The Eddy, os personaxes desta historia escrita por Jack Thorne, Rachel Del-Lahay, Hamid Hlioua, Phillip Howze e Rebecca Lenkiewicz aspiran a ser complexos e a aportar un grande dramatismo á historia, pero quedan a medio camiño resultando máis planos do que os guionistas pretendían. Ademáis, a historia principal que se nos presenta é a típica trama de negocios ilegais e mafiosos que xa vimos mil veces e que pouco interesa a estas alturas, contando ademáis cunha resolución pouco sorprendente.

Hai razóns para ver The Eddy pero todas elas quedan no terreo musical e na maneira na que está filmada. Aquelas persoas que teñan interese en adentrarse no París contemporáneo e multicultural, de cruzar as portas deste clube, coñecer as vidas dos seus músicos e escoitar as súas cancións disfrutarán desta serie. Porén, aqueles que veñan buscando unha historia á que engancharse para facer un maratón ou números musicais para cantar e bailar ao estilo de Broadway probablemente non pasen do primeiro episodio. Pola miña parte, esta serie resultoume máis interesante que a tan célebre La La Land.

Creadores: Jack Thorne, Damien Chazelle
Guión: Jack Thorne, Rachel Del-Lahay, Hamid Hlioua, Phillip Howze, Rebecca Lenkiewicz
Fotografía: Julien Poupard
Música: Randy Kerber, Glen Ballard
Ano: 2020
País: Reino Unido
3.5
Pódeche interesar...
Sergio Prieto: “Nunca unha medida do goberno fixo tanto polo galego como Son Goku”