‘The King’, unha épica mediocre salvada pola música

Nicholas Britell continúa confirmándose coma un dos mellores compositores de bandas sonoras do noso século

Disque a materia que suspende Netflix é sempre o cine. Igual que lanzaron ou recolleron da deriva mil e unha series que a día de hoxe forman parte da cultura popular cunha forza impresionante, ao falar de películas son poucos os casos nos que Netflix destaque especialmente, exceptuando e sinalando con fervenza esa marabillosa Aniquilación.

Con todo, debemos ter en conta que o xigante do streaming leva xa un temo dándose conta de cales son os seus puntos febles e intentando aportar algo novo. No pasado ano estreáronse na plataforma películas da altura de Roma, e non vai tardar xa moito en estrear The Irishman, con ese altivo e impoñente nome de Martin Scorsese na dirección.

The King chega entre medias: o seu director, David Michôd, é un nome medianamente descoñecido para o público internacional, mais contou con artistas recoñecidos internacionalmente entre os seus protagonistas, como Timothée Chalamet e  Robert Pattinson.

A película sitúase a cabalo entre o drama histórico e a épica, detallando a guerra de Enrique V contra Carlos V de Francia, o Rei Tolo, dándolle unha visión totalmente diferente á historia: As tolemias e paranoias, habitualmente atribuídas ao monarca francés, son agora os rasgos que basean a personalidade de Enrique V, interpretado por Chalamet. En guión, éstas enaxenacións veñen xustificadas por problemas familiares e paterno-filiais, que a medida que avanza a trama dilúense, sen maiores explicacións, para acabar en enormes escenas bélicas preciosamente rodadas.

E é que a trama da película deixa tanto que desexar coma o seu apartado técnico desexa outorgar: Michöd consegue levar a película de maneira maxistral, non aburrindo, ensinando as mil marabillas a historia e coreografiando con soltura tanto as escenas de drama como as bélicas —recordando, ás veces demasiado, ao episodio da Batalla dos Bastardos de Xogo de Tronos—, todo cun apoio indubidable de Arkapaw á fotografía.  

Tamén incluímos no apartado técnico esas actuacións das que falabamos antes, e é que Timothée Chalamet fai unha espléndida actuación dun Enrique V, Hal, cheo dunha negra vida chea de dúbidas, traumas sen superar e inmadurez, un papel que repite cun estilo totalmente diferente o xa anteriormente mencionado Pattinson, a quen lle chegan os seus poucos minutos en escena para recordar o suficiente o papel de Chamalet nunha situación máis tola e expresiva como para que non se precisen máis explicacións da súa personaxe que a súa simple posta en escena.

Neste ámbito, tamén semella unha auténtica pena a ínfima cantidade de minutos que Lily-Rose Depp aparece en pantalla, pois a súa presenza —cun magnífico xogo de cámaras e luces no apartado técnico— é nun dos momentos máis máxicos do filme, onde chega certo catarse e evolución clara na historia e que en moitos outros momentos parecía necesitarse.

Mais, sen dúbida, quen de verdade é o auténtico artista a recoñecer en esta filme é Nicholas Britell, a quen a historia o recordará pronto como un dos mellores compositores de bandas sonoras do noso século. O músico, xa coñecido de sobra polos seus traballos en filmes Moonlight, Vice ou If Beale Street Could Talk, crea en The King unha das súas obras menores, mais ao mesmo tempo indubidablemente máxica.

A película respira a través de Britell. Os silencios rotos polas súas composicións, así como os estrondosos momentos de batalla tralos que soan as súas notas, son a peza que converte a The King en, finalmente, e a pesares dos seus fallos, nunha verdadeira e emotiva épica que paga a pena ver e desfrutar, conseguindo a través dos seus sons unha empatía que as personaxes ás veces son incapaces de conseguir.

En síntese, se ben The King non é unha película revolucionaria en ningún sentido, a utilización da linguaxe cinematográfica, os seus actores e —sobre todo— a súa banda sonora fan dela un magnífico viaxe que nos manterá conectados á pantalla en todo momento.

Director: David Michôd
Guión: Joel Edgerton, David Michôd
Fotografía: Adam Arkapaw
Música: Nicholas Britell
Ano: 2019
País: Australia
3
Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | “Monos”, unha ollada non condescendente da violencia e dos nenos soldado