O mandaloriano e Gr... Baby Joda volven á carga nunha tempada chea de acción e descubrimentos.

‘The Mandalorian’ (T2): o camiño a seguir para Star Wars?

A primeira tempada de The Mandalorian (Jon Favreau, 2019) foi todo un acontecemento. Máis alá das películas, esta serie foi a primeira obra de Star Wars en ver a luz tras a compra de Lucasfilm por parte de Disney. E moi probablemente polo descontento xeral que provocou a nova triloxía entre os fans, a sorpresa porque funcionara tan ben foi maiúscula. Nesta segunda tempada, a serie profundiza naquilo que a fixo tan grande nun inicio, e alcanza cotas de calidade aínda máis altas, convertindo aos seus protagonistas nun dos dúos máis icónicos da cultura popular do momento. 

The Mandalorian funciona porque fai dúas cousas moi ben: as aventuras e a expansión do universo. No tocante ás aventuras deste totémico dúo formado polo mandaloriano e Baby Yoda, non é nada orixinal pola miña parte dicir que destacan por ser sinxelas e directas, e por experimentar con múltiples referencias cinematográficas. A segunda tempada da aínda un paso máis nese sentido. Nun xogo constante entre xéneros e estructuras, o western, tan ben levado no desenvolvemento xeral da serie na primeira tanda de episodios, da lugar agora tamén ao horror cósmico de Lovecraft, ó asedio -ao estilo medieval- dunha fortalezaás pelexas entre guerreiros samurai de Kurosawa, ó asalto a un convoi ó estilo de Spielberg, á irrupción e saqueo dunha nave como se de Alien se tratase… Sempre con moito acerto e cun respeto máximo pola fonte. 

No que corresponde á expansión do universo, esta temporada da un enorme salto adiante grazas a unha nova incorporación: Dave Filoni, a mente mestra detrás das series de animación Clone Wars (2008-2020) e Rebels (2014-2018), dous dos produtos máis valorados polos fans. E nótase moito, tanto pola inclusión de moitas das personaxes protagonistas desas series como pola intelixente ampliación do mundo e as marabillas do universo que están a definir tan ben The Mandalorian. Nese sentido, as aventuras de Mando propóñense a si mesmas coma un nexo de unión entre as historias de Dave Filoni, descoñecidas para o público xeral, e o canon máis masivo da saga, personificado nas películas e, agora, tamén nas series. A Filoni debémoslle, por tanto, a inclusión de Ashoka Tano -interpretada por Rosario Dawson- e Bo-Katan, personaxes que aparecen por primeira vez nunha obra live action, os regresos de determinadas personaxes icónicas das películas ou o cameo-catarsis de Luke Skywalker no último episodio, que tanto se asemella á última escena de Rogue One con Darth Vader. Para que enganarnos: un auténtico momentazo, a pesar do fan service

A introdución de Ahsoka Tano no fantástico capítulo The Jedi é o Retorno do Jedi particular da serie

Porén, o tándem Filoni-Favreau non é único traballo a eloxiar na serie. Ás súas boas labores de dirección e guion únenselles nomes como o da actriz e directora Bryce Dallas Howard, que dirixe un dos episodios con máis acción –The Heiress-, Peyton Reed (coñecido por Ant-Man e Ant-Man and The Wasp) ou o mesmo Robert Rodríguez. E tamén merecen especial mención algunhas das interpretacións. Xa sexa polas das actrices máis habituais -Gina Carano, Giancarlo Exposito- como por algún que só sae esporadicamente. É o caso de Timothy Olyphant, brillante en The Marshal, o capítulo máis western de todos, con esa fascinante pelexa contra o dragón da área. Ou o caso de Bill Burr, quen da vida a unha das mellores e máis grises personaxes da serie, o ex-imperial Mayfeld, no capítulo The Believercun discurso e unha redención posterior moi interesantes e, curiosamente, reflexivas

Pero, por suposto, non podemos olvidarnos de Pedro Pascal. Poucos actores aceptarían un papel tan importante e á vez tan pouco grato; a Mando, realmente, apenas se lle ve a cara nun par de escenas en toda a serie. Mais cando a destapa é para regalarnos os momentos máis emotivos, cunha interpretación que, polo estraño das súas condicións, resulta moi conmovedora e vulnerable; chegou a declarar, nalgunha entrevista, que cada vez que ten que quitar o casco sente coma se estivera espido, feito que logra transmitir moi ben coas súas incómodas expresións faciais. En definitiva, todo un papelón.

Estes elementos son os que converten a esta serie en algo tan único e bo. Pode parecer doado, pero non o é. Como resume tan ben o crítico Noel Ceballos: “Haberá (series) algunhas máis brillantes e mellor escritas, seguramente moitas teñan algo máis importante que dicir sobre o espírito humano, pero ningunha é capaz de alegrarnos a vida cada semana como The Mandalorian”.

Este é o camiño?

Entón, é todo tan perfecto nesta segunda tempada? Por desgraza, non. O único verdaderamente malo da serie -e tampouco é o peor dos defectos- é que, nesta segunda tempada, transfórmase nun produto moito máis clásico, vinculado -como sempre- ó devenir da familia Skywalker. E iso implica que deixa moito espazo para as referencias e o fan service, e que recupera certos vicios e estereotipos da saga que tan lonxe parecían quedar na primeira tempada. 

The Mandalorian está a amosar unha nova ruta… pero cara onde?

Vista en perspectiva, The Mandalorian, que parecía sinalar unha nova ruta xeral para todo o universo creado por George Lucas, reunificando aos fans da saga, acábase parecendo máis a Rogue One ou a Solo. É dicir: relatos clásicos de Star Wars -sexa o que sexa o que isto signifique-. Dunha calidade altísima, superlativa, si, pero que non deixan de ser a mesma historia de sempre. O maior problema, porén, non é ese. O peor é como isto traizoa en parte a propia alma da serie, que ata o momento destacaba por desmarcarse, precisamente, de todo o anterior visto nesta galaxia, articulando unha mitoloxía e ideosincrasia propia.

Con todo, visto o éxito tanto entre a crítica coma entre o público, que rema nunha mesma dirección por primeira vez en décadas, quizáis esta tempada esté augurando o futuro da franquía, atopando a súa propia “fórmula Marvel”. Que consistiría, neste caso, na creación e introdución no universo coñecido por todos de novas personaxes e historias, estructurándoas en torno a unha mitoloxía -cultura, estética, filosofía, etc.- propia, para logo vencellalas ó contexto macro da saga. De ese modo, estarán contentos tanto os que piden clasicismo coma os que piden innovación.

En definitiva, The Mandalorian é a demostración de que este universo aínda ten moitas cousas interesantes que ofrecer, especialmente se, coma no meu caso, disfrutas tanto das cousas “simples”. A comezos de decembro, na presentación levada a cabo no Investor Day 2020, Disney ensinou os seus plans para a franquía nun futuro: un enorme compendio de series e películas ambientadas en distintas épocas e con distintos creadores detrás. Coa súa chegada, a galaxia expandirase como nunca, e nada diso sería posíbel sen os bos de Mando e Baby Yoda. O resultado das historias por vir non o podemos saber, pero o presente está ben claro. E The Mandalorian é na miña opinión, ata o momento, xunto a The Last Jedi(episodio VIII, tamén baixo a tutela de Disney), o mellor produto de Star Wars dende a triloxía orixinal. Así que podemos ter esperanza. 

Creador: Jon Favreau
Guión: Jon Favreau, Dave Filoni, Rick Famuyiwa
Música: Ludwig Göransson
Ano: 2020
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.