‘The New Pope’: E nós comémolo con papas

Cando The Young Pope viu a luz, non pasou en absoluto desapercibida. O afamado director italiano Paolo Sorrentino púxose a cargo dunha miniserie que por vez primeira era capaz de sacarlle as cores ao Vaticano, mais desde unha ollada realista e, ás veces, incluso penitenciosa. Por vez primeira, estábase a plasmar os redaños que acontecían no Estado Pontificio sen ningún tipo de pudor: os retorcidos xogos de poder, os abusos sexuais a menores, a homosexualidade de gran parte do clero, as constantes violacións do celibato, e as súas conseguintes vistas gordas.

Todo narrado a través da interesantísima premisa dun novo papa, Pío XIII, que a pesar da súa curta idade, amosou a súa intransixencia ante a sorpresa de todos. Pero Pío XIII non era só novo, tamén era santo e, sobre todo, unha estrela de rock. A acollida de The Young Pope foi espectacular, e non só encantou a crítica e público, senón que tras un ano de silencio, ata o propio Vaticano a louvou polo seu realismo tanto en contido como en forma -custa crer que a serie non estea rodada no Vaticano-.

Aínda que The Young Pope estaba concibida coma unha miniserie sen cabida á continuación, Sorrentino non tardou moito en cambiar de idea e comezar a pensar nunha nova tempada. Se algo funciona, por que non seguir? Así, chega The New Pope catro anos despois. Con Pío XIII (Jude Law) en coma, como xa auguraba o final da primeira tempada, e tras nove meses á espera de que espertase coma outro dos seus milagres, toca escoller un novo papa. Despois da elección dun pontífice sucesor que, morto en estrañas circunstancias, durou ben pouco, chega ao trono papal Francisco II (John Malkovich), un nobre inglés famoso pola súa “vía intermedia”, a única esperanza da Igrexa para subsanar todos os seus males. Pero Sir John Brannox non tarda en amosar a súa fraxilidade, mentres o terrorismo islamista e a perigosa idolatría deica a figura de Pío XIII non deixan de medrar.

O primeiro capítulo de The New Pope é unha auténtica obra de arte. Despois de poñernos en situación con Pío XIII entubado nunha habitación de hospital, amósasenos unha secuencia que asenta o ton da serie e engaiola a calquera ollo: as monxas do Vaticano, despois de ser mandadas para a cama pola nai superiora, comezan a maquillarse mentres fuman coa luz apagada. Diante dunha enorme cruz de luces de neón, móntanse unha rave que nos acompañará durante gran parte das cabeceiras desta tempada. E tamén deixa unha cousa clara: a partir de agora, o foco vai estar tamén nas mulleres da Igrexa, que máis adiante se poñerán en folga pedindo respecto e os privilexios que lle son concedidos aos homes dentro do Vaticano.

Neste episodio de apertura atopamos outros moitos detalles perfectos para seducir ao espectador, como a trepidante e impecable montaxe que acompañará case toda a metraxe da tortuosa elección do novo papa. Vemos a Voiello (Silvio Orlando), o maquiavélico Secretario de Estado que xa coñeciamos, movendo os fíos para primeiro converterse no novo papa, e despois para arrebatarlle o posto custo o que custe ao seu contrincante Hernández. O resultado será a elección de Viglietti (Marcello Romollo), quen intentará eliminar a riqueza e exuberancia da Igrexa para rematar morto cando vai visitar a Pío XIII. Sería un milagre ou unha estrataxema de Voiello?

Curiosamente, a Hernández tamén o encarna Silvio Orlando, a quen só lle fai falta prescindir do desagradable lunar de Voiello para ofrecer un doblete de interpretacións que incluso se desprega cara a cara. Durante a elección do papa, cando Hernández lle pregunta con sorna se algún médico lle examinara a mancha, Voiello contéstalle: “É o meu cerebro suplementario. Só entra en xogo cando hai algún problema, coma hoxe”. Esta decisión é unha mostra máis do incrible talento de Sorrentino para escoller actores de rostros vulgares e darlles personalidade mediante arcos dramáticos construídos nun admirable guión.

Voiello, coma o resto de personaxes centrais, non fican estancos na primeira tempada e exploran unha gran evolución ao longo desta continuación. Do Secretario de Estado vemos a súa cara amable, moito máis aló do espírito maniquero que desprendía antes. Por outra banda afondamos tamén no español Cardinal Gutiérrez (Javier Cámara), un dos personaxes máis interesantes da serie, a quen a homosexualidade, o celibato e o alcoholismo o castigan máis ca nunca.

Outra mostra do maior foco que se está a poñer no reparto feminino está nas dúas mulleres na primeira liña. Con Sofia Dubois (Cécile de France), a directora de comunicación do Vaticano, indagamos nas vicisitudes do constante acoso sexual que sofre no seu traballo, e tamén na tensión sexual que vivirá con Francisco II. Con Ester (Ludivine Sagnier) exploramos a peor cara dos católicos, capaces de convertela nun obxecto disfrazándoa de beata -“non existe ningunha diferenza entre unha santa e unha zorra”, dille a muller rica que lle paga miles de euros por facerlle visitas sexuais ao seu fillo deforme-, e tamén a peor cara do fanatismo.

Por outra banda, o artellamento da personalidade do novo papa, encarnado maxestuosamente por John Malkovich, foi un gran acerto nun impecable guión que nunca amosa ocos. En contraposición con Pío XIII, Sir John Brannox é un home fráxil, drogadicto e fácil de derrubar. Nos seus discursos sobre o amor que fai xirar o mundo -roubados ao seu irmán xemelgo, finado a temprana idade-, agóchase a súa debilidade e incapacidade de dirixir o poder. A fe, a necesidade de ter algo no que crer ineludiblemente, non constrúe a Igrexa, nin moito menos no mundo no que esta debe operar. Isto é o que nos pretende dicir The New Pope, aínda que moitos a malinterpreten e entendan o contrario.

Porque a serie é capaz de mostrar o supraterreal e enmarcalo á perfección no mundo real, e nós comémolo con patacas (ou mellor dito, con papas). De aí os milagres que Pío XXIII é capaz de levar a cabo incluso estando en coma, e logo resucitando para salvar o mundo da idolatría que se estaba xestando arredor da súa figura, ascendendo outra vez aos ceos sobre os brazos dos feles coa súa misión rematada coma se de Xesucristo se tratase.

The New Pope sérvese de todo o que o mito cristián lle ofrece para construír unha historia sempre sólida cun guión blindado. Todo decorado cunha coidadísima fotografía na que as cámaras voan dentro dos confíns dos elegantes edificios do Vaticano. Iso é todo o que a serie quere facer: armar unha sublime ficción fantástica, sen ningún tipo de pretensión de espallar a fe en Deus nun declive imparable. Xa o dixo o propio Sorrentino: “É difícil crer en Deus, pero gústame como contan a historia, é un bo guión”.

Dirección: Paolo Sorrentino
Guión: Paolo Sorrentino, Umberto Contarello, Stefano Bises
Fotografía: Luca Bigazzi
Música: Lele Marchitelli
Ano: 2020
País: Italia
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.