Tres anuncios nas aforas

Se algo nos ensinou máis dun século de cine estadounidense é que a vinganza non só está ben, se non que é recomendable. Tómate a xustiza pola man, non te deixes pisotear, se alguén che pega ti devólvela máis forte. Agora chega Martin McDonagh, un director irlandés, para dicirnos que pode que iso non estea tan ben.

Tres anuncios nas aforas é unha comedia negra que ironiza sobre o rancor. Ambientada na América do Norte máis profunda e rural, a trama segue a unha muller que ante o desinterese que parece mostrar a policía do pobo pola súa filla violada e asasinada hai menos dun ano, decide alugar tres vallas publicitarias avisando disto.

O elenco de personaxes que acompaña esta historia é incriblemente carismático a todos os niveis, apoiado evidentemente por un reparto de luxo, no que cabe destacar a Frances McDormand no papel protagonista. Son persoas que dalgunha forma perderon a esperanza na vida e viven nun ciclo de misantropía da que se valen para sobrevivir, chegando a este nivel de cinismo a través da xa citada vinganza e non ser capaces de superar o seu propio pasado.

Todo isto vén acompañado dun humor que pretende ser chocante e violento, que parece estar descolocado por que todo isto non debería resultarnos gracioso, un comentario sobre o insensibilizados que estamos ante certo tipo de cousas. Pero tampouco é que exista unha máxima barata que extraer: basicamente, os feitos son os que son e son horribles, pero o director non sabe (ou non quere contar) cal é a solución para superar tantísimo percorrido de historias que nos din que debemos alzarnos por enriba incluso da lei para protexernos a nós mesmos.

O principal fallo da película é que pasa dos momentos xenuinamente graciosos aos momentos xenuinamente dramáticos de forma un pouco torpe, sendo un cambio moi brusco que por exemplo non pasa cando é capaz de presentar actos graficamente violentos como comedia. Pero non chega a pasar tanto como para que arruíne a experiencia, polo que o final temos unha película máis que notable que está arrasando nos circuito de premios e probablemente siga unha tempada máis, sendo bastante merecidos. Unha produción moi coidada a nivel técnico e con moito mimo a nivel narrativo. Unha moi boa película, en definitiva.

Director: Martin McDonagh
Música: Carter Burwell
Guión: Martin McDonagh
Fotografía: Ben Davis
Ano: 2017
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
Buscando a Alaska: O que doe respirar cando de súpeto es adulto