‘Twin Peaks’, tres décadas despois as curuxas seguen sen ser o que parecen

O corpo sen vida de Laura Palmer xace á beira do río. A rapaza máis popular de vila, a máis guapa e a máis amable, móstrase agora envolta nun denigrante plástico, como carne conxelada. A faciana, de cor bígaro, amosa a falta de sangue e de osíxeno, produto dunha morte violenta. A partir desta secuencia, gravada a lume para sempre na memoria popular, empréndese a busca e captura do asasino da veciña máis querida de Twin Peaks. Coa chegada do axente especial do FBI, Dale Cooper, arrinca unha historia inquedante, surrealista e delirante, enroscada nun misterio que sobrepasa o esperado dun simple caso de asasinato.

Hoxe Twin Peaks está de aniversario. O 8 de abril de 1990, estreábase na cadea estadounidense ABC unha das ficcións máis influentes da historia televisiva. Van 30 anos desde o nacemento dunha das preguntas máis queridas e repetidas ca cultura pop, “quen matou a Laura Palmer?”, comezara a xirar por todo o mundo. Mais a audacia de Twin Peaks non radica simplemente na construción dun culebrón policíaco perfectamente artellado sobre un misterio cativador, nin moito menos pola singularidade co que este é presentado e desenvolvido. David Lynch e Mark Frost cambiaron a televisión para sempre.

David Lynch e Mark Frost poñen a televisión do revés

Ata Twin Peaks, todos os produtos audiovisuais destinados á pequena pantalla baseábanse na simpleza e no puro entretemento. A “caixa tonta” funcionaba como un desfrute sen artificios, proxector de ocio lixeiro fabricado para ser consumido en familia ao final do día. Os dramas producidos para televisión nunca pasaran pola innovación narrativa vivida na gran pantalla nos anos 60, e aínda se rexían polo modelo de representación institucional do cinema clásico. Por outra banda, na comedia reinaba a sitcom, formato directamente influído polo espectáculo televisivo primixenio: os espectáculos de variedades e os talk shows.

Mais chegan Lynch e Frost e poñen todo patas arriba. Transcendendo o entretemento simple e somerxéndose nos propósitos máis artísticos e meta-narrativos da sétima arte, con Twin Peaks non se limitan a narrar a incógnita dun misterio. Twin Peaks é en si un misterio. 30 anos despois, aínda se segue a intentar interpretar o que se agocha detrás da morte de Laura Palmer. A serie non se demorou en amosou que máis aló do asasinato, existía un críptico universo onde o Mal, asexante, loitaba por tomar o control de todos os habitantes da vila.

Entre o soño e a interpretación

Adoito apélase á inutilidade de formular significados racionais ás obras de David Lynch, pois xa o propio autor dá por feito que moitos dos elementos que introduce nas súas películas carecen de explicación. Porén esquécese a miúdo que Twin Peaks non é obra exclusiva de Lynch, senón que Mark Frost foi tamén un concienciudo artífice no desenvolvemento da serie. Lynch figurou o universo místico, ao principio vago e impreciso, encadrado no seu característico modus operandi: sabe onde comezan as ideas, mais nunca onde rematan; “soamente tes que seguilas”. Porén episodio a episodio, Frost dálle unha forma máis certeira ao acontecer. Lynch figura a incertidume, e Frost a certeza. Primeiro concíbese o soño, e despois a interpretación ao mesmo.

Deste xeito, podemos comezar a albiscar un significado ao elemento máis críptico e referencial de Twin Peaks: as Sociedades Ocultas. A primeira vez que accedemos a estas é no segundo capítulo, a través dun soño do Axente Cooper. Vemos unha habitación de paredes de cortina vermella e cun chan de patrón de zig zag en branco e negro. No medio, dous sillóns. Cooper, moi envellecido, está sentado ao carón dun anano (o Home doutra Terra), e eventualmente entra Laura Palmer.

Pouco se entende desta secuencia e non se nos darán máis pistas ata o final da primeira tempada. Mais hai algo fundamental deste primeiro achegamento que marcará a interpretación deste mundo: a primeira vez que Cooper accede á Habitación Vermella, é nun soño; a última vez, accede a través do Bosque e, polo tanto, estas Sociedades Ocultas supoñen moito máis que unha ensoñación: o universo de Twin Peaks está composto por varios mundos aos que se pode acceder, tamén, polas vías máis supraterrais.

Ben e Mal: fusión e confusión

Pouco a pouco, déixase entrever que a Habitación Vermella é unha sala de espera situada entre as dúas Sociedades Ocultas: a Loxia Branca e a Loxia Negra. Nestas habitan o Ben e o Mal, respectivamente, nunha constante loita. Mais a medida que avanza a serie, os habitantes de ambas Loxias -o Xigante da Branca, e Bob da Negra- comezan a verse as caras na sala de espera, disipando a dualidade entre Ben e Mal. Así, o Ben e o Mal fusiónanse constantemente nunha batalla na que, pouco a pouco, a perversidade vai gañando máis territorio.

A fusión e confusión entre Ben e Mal nacida na Habitación Vermella pode trasladarse a todos os habitantes de Twin Peaks: máis de setenta personaxes que albergan un intrauniverso único dentro de si, os cales en ningún momento se poden definir con estritas pautas de bondade ou maldade. Laura Palmer, que polo día supón a mostra máis directa da bondade, vólvese unha prostituta drogadicta pola noite. Leland Palmer é ao mesmo tempo amantísimo pai e violador e asasino da súa filla, posuído por Bob.

En última instancia, todo o sentido esencial de Twin Peaks materialízase nun elemento introducido polo anano a Cooper no último capítulo da serie orixinal: o Doppelgänger, o lado escuro que cada un leva no seu interior. A maior representación do Doppelgänger é o axente Cooper, o encargado de vencer ao Mal. Hawk, policía nativo-americano, mellor coñecedor das raíces tradicionais de Twin Peaks, sentencia no capítulo 18: “Todo Espírito debe enfrontarse á Loxia Negra para acadar a Perfección. E se non se enfronta a ela coa coraxe axeitada, aniquilaralle a alma”.

E é neste enfrontamento onde culmina a serie orixinal. Adoito se interpreta o final como a tráxica caída de Cooper nas mans do Mal. Porén este desenlace só supoñía un paso intermedio, cuxo desenvolvemento se viu fraguado pola cancelación da serie. A posesión espiritual de Bob no corpo material de Cooper, que deixaría confinada a alma deste na Habitación Vermella, non é máis que un paso intermedio necesario para unha confrontación final, pois non hai coñecemento real se non se logra atravesar o lado escuro.

Polo tanto, aínda que a pregunta central de Twin Peaks sexa “quen matou a Laura Palmer?”, Laura non é o elemento central da serie. A morte de Laura funciona como unha fisura que revelará o Mal estrutural da vila e todo o que a rodea, e a investigación do caso será o recurso narrativo necesario para construír o misterio e a perversidade que envolve todo o demais. Por iso cando Lynch e Frost, forzados pola ABC, desvelan a identidade do asasino, desaparece tanto a articulación narrativa, como a turbiedade global que tardará varios capítulos en reaparecer, grazas ao descomunal xenio de Lynch. E aquí, Laura non desaparece, senón que seguirá sempre presente no metamundo.

Twin Peaks supuxo un punto de inflexión na ficción televisiva por isto mesmo: o misterio sen resolver como instrumento perfecto para xerar suspense e significado meta-narrativo. Series posteriores viron nela un espello, como foron The X-Files, LOST, Fringe ou Wayward Pines. A principios dos 90, o público de masas non estaba preparado para asumir o cambio repentino que supuxo Twin Peaks na representación televisiva, mais co paso dos anos acabou recoñecéndose a fazaña de Lynch e Frost coma unha obra cumio da pequena pantalla. 30 anos despois, aínda se escoita música no aire, e as curuxas seguen sen ser o que parecen.

Pódeche interesar...
Triángulo de Amor Bizarro presentará o seu disco dende a casa