‘Un efecto óptico’: Cavestany con roupa de Kaufman

Sempre miramos cara afora. En moitas ocasións valórase o afastado como mellor. En ocasións por descoñecemento, noutras por curiosidade e outras por puro tedio respecto ao próximo. É un aspecto relativamente normal e cando menos responde a cuestións razoables. E o mesmo ocorre co cine. Andrés Goteira cunha soa película sitúase nos directores máis prometedores de toda Europa. Chicho Ibáñez Serrador é unha referencia no cine de xénero a nivel mundial. E Charlie Kaufman é un dos mellores guionistas vivos, pero Juan Cavestany colle a súa esencia, vístea do seu particular estilo e a localiza nun universo que podemos recoñecer.

Porque o primeiro que nos conta Un efecto óptico é que segundo o ollar, Nova York non ten por que ser tan diferente a Burgos. A parella protagonista, interpretados por Carmen Machi e Pepón Nieto, viaxa ata América para salvar a súa relación. Todo parece fantástico ata que a cidade non é como agardaban. Todo é líquido, cambia e non ten sentido. Aínda menos cando se incorpora o recurso dos bucles temporais como vehículo narrativo

Un efecto óptico bebe de Kaufman e do cine de Cuerda máis surrealista, pero sobre todo bebe do propio Cavestany. Recupera o espírito do súa destacable Xente en sitios e demostra unha vez máis que poucos directores son quen de compoñer paisaxes de lugar dun xeito tan destacable e tan orixinal.

Ademais desta intricada estrutura, o que conta Un efecto óptico tamén é interesante. As personaxes están constantemente desorientadas e mediante imaxes cotiás dásenos información sobre as súas preocupacións. A relación coa súa filla, un problema de violencia que percorre parte do contexto e unha mensaxe clara de que hai que ser valentes e cruzar o túnel malia os medos e a supersticións. Que o paraíso -na acepción menos bíblica que se me podería ocorrer- ás veces están nas oportunidades que elixes rexeitar.

Porque se algo ten este filme é unha valentías que non cabe na súa metraxe. Incluso sendo consciente da súa imperfección nun exercicio de metacine delicioso. Tamén hai que avisar de que é unha película que foxe das estruturas habituais de narración e pode resultar áspera. Non dende un punto de vista elitista, senón que elixe para poder vivir ser diferente e non por iso apreciada por todas as persoas. E é algo que acepta dende a normalidade.

E ás veces penso que peca diso. De ser demasiado intricada, de asumir que non é para todo o mundo e introducir demasiados elementos ocultos. E incluso esa autoconsciencia pode resultar contraproducente. Para desfacer todo o efecto óptico (nunca mellor dito) incluso os ollos máis atentos deberían vela en un par de ocasións. Haberá quen diga que iso é pedir demasiado no contexto actual. E tampouco podería discutilo sen caer en argumentos gafapastas da esencia cinematográfica nos que dende logo non creo.

Un efecto óptico logra meterse no soño de Cavestany, un mundo onírico poboado de contido. Ás veces disperso e poucas veces concreto, pero dende logo con moitas capas. E sobre todo fóra das marxes do convencional. Excesiva en ocasións, pero un exercicio creativo de primeiro nivel do que poucos falarán porque Juan Cavestany nin fala inglés nin coreano. O efecto óptico persiste fóra da pantalla de cine, dende logo.

Dirección: Juan Cavestany
Guión: Juan Cavestany
Fotografía:</Javier López Bermejo
Ano: 2020
País: España
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.