‘Un lugar tranquilo 2’: Tan terrorífica como silenciosa

A estrea de ‘Un lugar tranquilo’ en 2018 colleu a todo o mundo por sorpresa. John Krasinski, coñecido principalmente por formar parte do casting da adaptación estadounidense de ‘The Office’, lanzábase de cheo ao xénero de terror, dirixindo, escribindo e protagonizando unha película que se converteu en todo un fenómeno pola súa curiosa proposta e unha execución na que apostaba polo medo e a tensión en lugar de polos habituais e xa case formulaicos sustos ou ‘jump scares’ de moitos filmes actuais do xénero.

Despois do éxito acadado por ‘Un lugar tranquilo’ e seu final aberto era de esperar que chegaría unha segunda entrega, porén non ía ser tarefa fácil. Tratar de replicar a fórmula da primeira película, onde todos e cada un dos elementos funcionou case á perfección corría o riesgo de facer un filme con máis do mesmo pero peor, mentres que explorar terreo novo traía o risco de abandonar algúns dos elementos que fixeron que esta película funcionara tan ben.

Durante os primeiros minutos desta secuela, todo apunta a que John Krasinski apostou por esta segunda opción, remontándose ao momento da chegada destas misteriosas criaturas que atacan cada vez que escoitan o máis mínimo ruído, dando lugar a unha escena de acción moi diferente ao que vimos na primeira entrega de ‘Un lugar tranquilo’. Con todo, non se trata de máis que unha introdución que non aporta moita máis información á orixe destes monstruos nin á súa chegada á Terra, mantendo o misterio e as incógnitas ao seu redor.

Tras este flashback, a película volve exactamente ao punto no que concluiu a primeira entrega e pasa a replicar a súa fórmula. Por sorte, John Krasinski é capaz de facer que todo volva a funcionar como un reloxo suízo nesta secuela. O silencio absoluto de moitas das secuencias desta película segue a ser unha das experiencias máis impactantes que se poden a vivir nun cine, tan terroríficas como sobrecolledoras.

O personaxe interpretado por Cillian Murphy volve a aportar unha figura paterna cunha ferida no seu pasado que trae consigo unha gran carga emocional que da profundidade á cinta. Resulta moi acertado xuntar ao seu personaxe de Regan Abbott, interpretado por Millicent Simmonds, ante á interesante dinámica que crea a súa dificultade para comunicarse, ela xordomuda, e el descoñecedor da lingua de signos. Esta estraña parella aporta sen lugar a dúbidas os mellores momentos de todo o filme.

Pola súa parte, os personaxes de Emily Blunt, como Evelyn Abbot, e Noah Jupe, como seu fillo Marcus, pasan desapercibidos ao quedar nun segundo plano da trama e protagonizar algúns dos únicos momentos de toda a película onde o seu comportamento semellaba guiado unicamente polos intereses dos guionistas de crear situacións perigosas sen prestar tanta atención á lóxica. Con todo, ‘Un lugar tranquilo 2’ cumpre coas altas expectativas que rodeaban a este filme, entregando unha nova dose de terror silencioso e agobiante de novo cun final aberto que deixa oco para polo menos completar unha triloxía.

Dirección: John Krasinski
Guión: John Krasinski
Fotografía: Polly Morgan
Música: Marco Beltrami
Ano: 2021
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.