Undone

Undone, a nova serie do creador de Bojack Horseman: Un envoltorio precioso para un interior mellorable

Neste intre, coa que será a derradeira temporada de Bojack Horseman a punto de estrearse en Netflix, Amazon Prime Video publica Undone, unha serie de oito episodios e que leva a firma do seu creador Raphael Bob-Waksberg. Esta obra, que usa a técnica da rotoscopia, é en moitos puntos oposta á protagonizada polo cabalo máis famoso da televisión aínda que tratan algúns temas similares.

A protagonista, Alma (Rosa Salazar), ten un punto de partida que podería lembrar ao personaxe da aclamada serie. Déixasenos caer en numerosas ocasións os problemas mentais que padece, tamén o gran nihilismo que lle acompaña. É a ovella negra da súa familia dun xeito que en parte lembra á serie da mesma plataforma Fleabag. Os feitos precipítanse cando tras un accidente de coche, aparece seu pai morto e comeza a ter unha visión do mundo dun xeito ultrerior. Comeza a posuír unha omnipresencia que ten que aprender a controlar para investigar a morte do seu proxenitor.

O VALOR DA ROTOSCOPIA

Se por algo destaca esta serie é polo uso da rotoscopia, é dicir, pola captura de movemento de actores reais para producir a animación. Os creadores saben o que se fan á hora de decantarse por esta elección, xa que é unha técnica a priori é moi adecuada para o que aquí se expón. Aprovéitase o formato dun xeito profundo, xa que a captura de movemento permite mudar os fondos ao antollo, recurso que se aproveita notablemente ao longo dos oito capítulos que dura Undone. Créase un mundo místico sen practicamente limitacións e de unha preciosidade que conquista.

Isto permite romper a secuencialidade do tempo e do espazo no guión. De feito, a serie sería practicamente imposible de executar se non fora a través da animación por mor do gran investimento que suporía efectuar as rápidas transicións características neste mundo cósmico que se mostra. Neste senso, é especialmente destacable o capítulo 2, o momento onde realmente se sentan as bases do universo da serie que o espectador vai construíndo dende os ollos de incredulidade da protagonista e baseado nunha ciencia ficción con máis de ficción que de ciencia.

CANDO A FORMA SE COME O CONTIDO

Pola contra, a historia cóntase dun xeito máis accidentado do desexado. Os acontecementos avanzan en paralelo ao descubrimento persoal da protagonista, que aínda que ten momentos moi tenros e cunha dirección de alta factura, o resultado é bastante irregular ante as grandes dificultades para empatizar con ela. En parte, pola falta de carisma de todos os personaxes  xunto ás propias limitacións expresivas do tipo de animación. O que a rotoscopia te da, a rotoscopia te quita.

Algo interesante que introduce a serie, pero non por iso menos manido, é a dúbida se o que se está a narrar é produto dunha enfermidade mental ou unha consecuencia do grande traumatismo producido no accidente de tráfico. Está incorporado con sentido e está traballado ao longo da serie, aínda que tampouco remata de ser todo o redondo que debería, caendo en lugares comúns como a meirande parte dos acontecementos dos capítulos finais.

Undone é un experimento interesante, pero en parte errado, onde por momentos a técnica usada para narrar é máis importante que a historia en si mesma. Un envoltorio precioso para un regalo non deficiente, mais si bastante imperfecto. Orixinal e diferente non ten implicar necesariamente magnífico, como demostra a serie, pero si que é unha obra moi atrevida no formal. E iso tamén é necesario destacalo nun mundo onde The Walking Dead vai pola décima temporada.

Creadores: Raphael Bob-Waksberg, Kate Purdy
Guión: Raphael Bob-Waksberg, Kate Purdy, Lauren Otero, Elijah Aron, Joanna Calo
Fotografía: Nick Ferreiro
Música: Amie Doherty
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3
Pódeche interesar...
Jonás Trueba firma (sen querer) o manifesto dunha xeración na ‘Virxe de Agosto’