‘Unorthodox’ e a importancia do contexto

Esta serie de Netflix presenta un acercamento ao xudaísmo ultraortodoxo que se queda soamente na estética

Unorthodox é a nova miniserie de Netflix da que todo o mundo está a falar. Pretende ofrecer unha aproximación ao xudaísmo ultraortodoxo baseándose nas memorias de Deborah Feldman. Esta muller escapou dunha comunidade de hasídica Satmar no barrio de Williamsburg, Nova York. Os Satmar crearon a súa identidade posteriormente ao Holocausto, polo que os seus costumes, xeito de vivir e tradicións teñen a súa raíz no trauma, no illamento e no auto odio.

Con isto como base, esta comunidade levan a cabo unha serie de actos que chocan cos costumes do mundo occidental. En especial no tratamento da muller, xa que rescatan unha lóxica tradicional, opresiva. No lugar de onde provén a protagonista -que non se debe esquecer que é Nova York- as mulleres son tratadas como máquinas de facer bebés e cociñar. Ademais, deben levar a cabeza rapada levando no seu lugar perrucas e panos. Os homes tamén teñen limitacións na estética, aínda que menos ostensibles.

Este é o mundo que se presenta en Unorthodox, unha serie que parece de época nun primeiro momento mais que rapidamente se entende que é unha parte do mundo real que vive no pasado dun xeito voluntario. A protagonista, Esty (magnificamente interpretada por Shira Haas), escapa a Berlín dun mundo no que considera que non encaixa.

UN GRAN DESEÑO DE PRODUCIÓN

A serie establece unha estrutura a partir de flashbacks no que se van intercalando elementos posteriores e anteriores á fuxida. É interesante o elemento que serve de áncora para que se entenda que se cambia de tempo que non é outro que a propia protagonista, como muda o seu aspecto segundo en que contexto da historia estea. O seu cabelo e a súa roupa son elementos importantes para coñecer o seu periplo no mundo.

Sen dúbida, a parte máis interesante da serie é a parte do pasado que contrasta coa simpleza e co pouco interese que posúe a do presente. O deseño de produción correspondente á comunidade de Williamsburg é absolutamente espectacular. Como se recrea o xeito de vivir nese mundo e a atención que se pon a todos os detalles dos rituais é o mellor da serie, especialmente o momento no que se celebra unha voda no segundo capítulo, un documento gráfico recomendable para calquera, interéselle a nivel dramático a obra ou non.

Como dicía, isto contrasta coa parte posterior á fuxida a Berlín. Unha Esty perdida entra nun mundo completamente diferente que a perturba. Ve persoas doutras relixións, comportamentos que nada teñen que ver co que está acostumada, persoas homosexuais… si, Unorthodox fai un subliñado visual completamente innecesario en confrontar a Esty con persoas homosexuais sen motivo aparente. Ademais as incoherencias narrativas e un desenvolvemento artificial son elementos habituais que remata cun deux ex machina no clímax da serie que case dan ganas de obviar.

FALTA DE CONTEXTO

Isto entronca en certa medida coa construción da comunidade xudía, que se impoñen como antagonistas non só pola opresión que vive a protagonista, senón porque tamén van a Berlín para buscala de volta. Se ben ata certo punto o seu fundamentalismo relixioso xa é suficiente para construír unha figura que puidese cumprir coa función, non se da toda a información das raíces dos seus comportamentos.

Para o grande público este tipo de comunidades non son especialmente coñecidas, polo que é case imposible entender o motivo das súas accións se non é por unha maldade absoluta. Anteponse dar unha solución estética sen contexto aos seus actos a contextualizalos para entender como nacen. Non para xustificalos, senón porque é importante para a trama comezando pola grande importancia que ten que a historia se desenvolvese en Berlín. As referencias as raíces dos Satmar existen máis como como migas de pan que non levan a ningún camiño.

Por outra banda, cómpre destacar que grande parte da obra estea grabada parcialmente en Yiddish, o que lle da unha importancia cultural á obra que transcende o seu contido. Por outra banda, a nivel técnico moi interesante como se tratan os interiores na serie, sendo moito máis protagonistas que case as propias personaxes. Isto da conta de novo do simbolismo patrimonial da que goza esta obra.

Nos seus catro capítulos, Unorthodox mostra unha premisa moi interesante e potente. Desenvolvida irregularmente, si, pero que contén elementos moi destacables. É unha magoa como un deseño de produción tan bo non se vexa complementado con outros elementos, mais si que é unha experiencia interesante a pesar das súas eivas.

Creadoras: Alexa Karolinsi, Anna Winger
Guión:n Deborah Feldman, Daniel Hendler, Alexa Karolinski, Anna Thomson, Eli Rose
Fotografía: Wolfgang Thaler
Música: Antonio Gambale
Ano: 2020
País: Alemaña
3
Pódeche interesar...
’16 de decembro’, dia de loito