‘Valeria’: Un produto máis de Netflix

É unha serie feita para o consumo a pesar da súa baixa calidade

Valeria é unha das últimas series publicadas por Netflix. Nela, a protagonista que da nome á obra e as súas amigas serán os personaxes que acompañarán ao espectador ao longo dos seus 8 episodios. A serie adapta as exitosas novelas de Elisabet Benavent e contaba cunha certa expectación antes da súa estrea, cando menos entre os seus fans.

A primeira impresión é todo o contrario a boa. Os primeiros episodios son terribles, tanto a nivel interpretativo como nuns guións que parecen escritos demasiado rápido e sen darlle voltas á cabeza. Un montaxe preguiceiro e unha posta en escena irregular tampouco son unha boa carta de presentación.

Co paso do tempo, vai collendo unha mellor cara e as interpretacións melloran sen ser destacables, pero sen molestar. Tamén logra atopar o seu ton nun intento de Sexo en Nova York mesturado con Girls. Téntase falar dun xeito frontal e sen complexos dos problemas, sonos e aspiracións dunhas mulleres que non se conforman co mundo no que viven.  A pesar desta mellora, existen verdadeiros momentos de vergonza allea, como o capítulo no que organizan unha “festa trap” que non vai nin ter cabida nestas liñas.

SUPERFICIAL

O seu enfoque en principio é positivo, mais todo o que ocorre en Valeria está subliñado ata a saciedade. Non fala nin explica, berra na cara do espectador por se estaba a durmir. Tendo en conta que en moitas ocasións se fala de temas feministas cun posicionamento político claro, en moitas ocasións as mensaxes que se lanzan ao aire non teñen contexto nin carga dramática. Ademais, xógase máis a captar a atención a través deles a través de clichés que a dotalos de naturalidade e razón de ser.

As comparacións son odiosas, pero se cabe a serie loce aínda peor se se ten en conta que hai menos dun ano Movistar+ publicaba Vida Perfecta, unha obra non soamente superior en practicamente todas as facetas, senón que cunha temática semellante levada a cabo dun xeito asombroso. A súa creadora, Leticia Dolera, dixo que en poucas ficcións vese a mulleres masturbarse cando é o máis natural do mundo. E ten razón, pero non soamente basta con iso. Ver a personaxes femininos con sexualidade activa é positivo, mais se o espido ten o mesmo valor que se fora pasiva, hai un problema. E Valeria cae niso.

COUSAS BOAS

A nivel visual o primeiro que chama a atención é o moito que lembra a Toy Boy (con todo o que isto implica). De feito, ambas series comparten director de fotografía. Por sorte, tras esas cores saturadas e esa pouca distancia de campo hai unha posta en escena minimamente destacable. Xógase con composicións enxeñosas e de cara ao final da serie incluso se atreven con cambios de formato básicos e sen afán de innovar, pero que funcionan.

Outro dos elementos positivos que se deben nomear de Valeria é o uso que fai da súa localización. Xa non só mostra numerosos lugares de Madrid, senón que tenta utilizar os ambientes da cidade para narrar, como Malasaña, as festas de barrio ou a calor en verán. En ningún caso se acerca a grandes retratos da cidade e dos seus habitantes como A Virxe de Agosto de Jonás Trueba, mais si que se ve un esforzo por integrar este aspecto.

A banda sonora está deseñada para enganchar ao espectador medio con cancións coñecidas por moitas persoas, dende Bely Basarte ou Carolina Durante ata Chico Blanco ou Kaidy Cain. Hai algunhas que non cadran de todo, pero polo xeral están ben integradas, aínda que non se intente ir máis aló do referencial en case ningún momento.

Valeria é outro produto máis de Netflix, entendéndoo como esas series de consumo tan habituais na plataforma. Obviamente todo o audiovisual está feito para ser consumido, xa que no caso contrario non tería fin, pero é ben diferente que o seu único obxectivo é que se consuma. Nisto Netflix é especialista: Facer obras malas, pero pensadas para dar moitas visitas. Unha estratexia de mercado como calquera outra, pero neste caso a novela Valeria non ten a suficiente calidade.

Creadora: María López Castaño
Guión: María López Castaño, Aurora Gracia, Almudena Ocaña, Fernanda Eguiarte
Fotografía: Johnny Yebra
Ano: 2020
País: España
2
Pódeche interesar...
‘Unorthodox’ e a importancia do contexto