Vida Perfecta: Abrazar á política e fuxir da propaganda

Movistar + ven facendo unha aposta moi sólida pola ficción española con series de produción propia de gran calidade. A súa última estrea é Vida Perfecta, unha serie de oito capítulos creada por unha Leticia Dolera que, cal Phoebe Waller-Bridge, protagoniza, coescribe os guións e dirixe algún episodio da obra.

Vida Perfecta conta a historia de tres mulleres cun gran vínculo entre elas pero con estados vitais moi distintos entre si. As súas vidas basculan cara os temas que atravesan dun xeito transversal a obra: o amor, a familia, as relacións de parella, a maternidade e o sexo son algúns piares sobre as que se levanta a serie.

INVITACIÓN Á REFLEXIÓN

En canto ao ton é unha mestura de Girls con certos momentos que se poden considerar incómodos e que poderían lembrar en construción a tamén serie de Movistar+ Vergonza, mais sen chegar en ningún punto ao histrionismo nos que cae en ocasións. Tamén parte en todos os casos de situacións extremadamente cotiás, no que podería entenderse como unha sorte de Jonás Trueba cun ritmo moi acelerado xustificado pola personalidade das personaxes.

Trátanse unha morea de problemas femininos na serie -totalmente natural se temos en conta o xénero da creadora, de feito negativo é que isto sexa relevante- pero en ningún momento ten un discurso reducionista, senón integrador en todos os seus aspectos. Se ben a serie pon no centro do relato situacións e colectivos que normalmente están nos marxes, non busca facer discursos nin adoutrinar. Todo o contrario, busca un debate enriquecedor que conduza cara a reflexión.

UNHA MIRADA HONESTA

Destaca especialmente o tratamento das persoas con discapacidade mental. A acción parte de que a protagonista da historia queda embarazada dun home discapacitado e as accións que continúan foxen completamente dos tópicos sobre este colectivo. A serie camiña cara a normalización dos suxeitos discriminados e este é un punto fundamental no que coincido con Dolera.

A mirada é honesta e dende un punto de vista horizontal. Non cae en ningún punto na condescendencia con que se trata a estas persoas en gran parte do cinema (que non é nada máis que un reflexo da vida real). Ademais, a pesar do ton cómico de Vida Perfecta, en ningún momento se cae na humillación nun equilibrio onde se demostra que que se se pon empeño pódese facer humor sen ofender e sen autocensurarse ao mesmo tempo sobre temas que se poden considerar sensibles.

As personaxes teñen unha evolución notable ao longo da historia e a meirande parte das situacións teñen unha coherencia que fan que o guión avance polo seu propio peso. A serie posiciona no centro do relato a mulleres coas súas contradicións, que son sexualmente activas e que teñen iniciativa sexual. É dicir, que son humanas. Algo que é tan obvio que asusta, pero que non se trata con asiduidade fora de circuítos pechados ou obras independentes.

Vida Perfecta é importante porque é valente. Porque non ten medo de tratar temas que non por moito tratados deixan de ser polémicos. Tampouco por saír moito significa que se mostren dende unha perspectiva adecuada. E a forza da serie radica en facelo cun enfoque relativamente novidoso que moitas veces que incluso chocará ao espectador non por incoherencia, senón polas ideas preconcibidas coas que entra a ver a serie. Todo isto acompañado por unha banda sonora magnificamente escollida. Leticia Dolera acóllese nesta ocasión -se se me permite o símil futbolístico- ao igual que no estadio Santiago Bernabeu ao espírito de Juanito. E deu resultado con creces.

Creadora: Leticia Dolera
Guión: Leticia Dolera, Manuel Burque
Fotografía: Marc Gómez del Moral
Música: Varios
Ano: 2019
País: España
4
Pódeche interesar...
Cineuropa está de volta con preto de 200 películas