‘White Lines’: Os guiris toman Netflix

A Casa de Papel abriu unha veda para a ficción televisiva española. Por vez primeira na historia, unha produción estatal estaba a acadar o éxito fóra das fronteiras da Península Ibérica. En gran parte, porque chegou a ser unha das poucas series españolas que conseguiu escapar do ridículo corset telenovelesco co que os grupos mediáticos asfixian cada un dos proxectos aos que dan luz verde.

O faro de esperanza que resultou ser a banda dos atracadores -e o rédito económico internacional que lle sacou Netflix- traduciuse nun acordo de exclusividade entre o xigante do streaming e o seu creador, Álex Pina. E o primeiro proxecto derivado do mesmo é White Lines. A produción, nun primeiro momento, ía correr a cargo de Vancouver Media, a produtora habitual de Pina. Mais debido a cuestións de idioma -ou polo menos iso din- rematou en mans da británica Left Bank Pictures, fabricante de Outlander ou de The Crown entre outras. E menos mal que os ingleses puxeron algo de sensatez.

A finalidade do produto é ben clara: conxugar o nicho de mercado hispanofalante co anglofalante, ambos na busca dun entretemento lixeiro e aditivo que devorar capítulo tras capítulo. Mediante o desenvolvemento en fala castelá e fala inglesa case a partes iguais, busca romper potenciais barreiras de idioma e ser atractiva para todos. E para máis inri, sitúase en Ibiza e revístese de paraíso terreal. Case sempre recreativo, adoito pecaminoso, e por veces incluso espiritual. En resumidas contas, unha manufactura para guiris tamén apta para locais aos que non lles sangue ver a ingleses borrachos facendo balconing.

O corpo de Axel Collins (Tom Rhys Harries) é atopado no deserto de Almería vinte anos despois da súa desaparición, na propiedade dunha das familias máis poderosas de Ibiza, onde o finado traballaba como DJ. A súa irmá Zoe (Laura Haddock) emprende unha incansable busca da verdade sobre as circunstancias da morte. A investigación entúrbiase e acaba converténdose nunha espiral de luxuria e delitos, coma un Cluedo de excesos onde todos os antigos amigos e enemistados de Axel son sospeitosos do seu asasinato.

O relato non contempla ningunha barreira de verosimilitude á hora de facer que os impulsos de Zoe evolucionen da máis ordenada vida de familia en Manchester ao desenfreo absoluto. Como xa vimos n’A Casa de Papel, a Álex Pina dáselle moi ben crear acción, pero non tanto construír unhas personaxes profundas e con arcos dramáticos verosímiles. Así, temos aquí un bo pulso de estereotipos andantes; Boxer (Nuno Lopes) é o tipo duro que se volve doce cando namora, ou Marcus (Daniel Mays) o calzonazos segundón.

E a historia da familia Calafat enróscase no pernicioso dos seus membros ata chegar a equiparar todo o proveito: o triángulo amoroso entre a filla Kika (Marta Milans), a nai Conchita (Belén López) e o falecido, e o sórdido complexo de Edipo de Oriol (Juan Diego Bottoas). E finalmente, a medida que pasan os capítulos, a morte de Axel vaise facendo cada vez máis intranscendente. Disípase entre toda a trepidación de luxuria, drogas e violencia; moito máis interesante e morbosa.

Existe un equilibrio estraño en White Lines, non sempre afortunado. E é que dúas formas moi diferentes de facer series chocan e se confunden. Por unha banda, o culebrón español ao uso, ese no que parece que cantas máis tetas e cus saian en pantalla, máis posibilidades terá de entrar na franxa de prime time; e canto máis almodovarianas sexan as situacións, máis tranquilos durmirán os produtores. Por outra, o thriller británico pon un pouco de razón e orde na mestura, dándolle unha dimensión emocional ao drama -seguramente, moi limitada polo guión orixinal-.

En última instancia, todo o que White Lines se limita a comunicar é unha mensaxe baseada no carpe diem, tan gastada e vacua como o tópico literario de orixe. Secuencias inconexas dos personaxes bañándose espidos no mar ao atardecer e flashbacks, cuxa única finalidade é amosar o divertido que é estar en Ibiza, fan que un chegue a preguntarse se está a ver un emprazamento publicitario das Illas Baleares ou un anuncio de Estrella Damm.

Pero cómpre dicir que White Lines consegue todo o que busca: achegarse á maior cota de público que poida mediante un produto de consumo fácil. Promete un thriller exótico protagonizado por unha muller, e é o que entrega. Unha serie máis de Netflix perfecta para facer bingewatching que entreterá a calquera. E é moito máis divertida que os telefilmes alemáns da sobremesa dos sábados co mesmo pretexto.

Creador: Álex Pina
Guión: Álex Pina
Fotografía: Juan Miguel Azpiroz, Kieran McGuigan, Martin Fuhrer, Álvaro Gutiérrez
Ano: 2020
País: Reino Unido
2.5
Pódeche interesar...
‘Hierro’ prepárase para retomar a rodaxe da súa segunda tempada