‘Xogo de Tronos’ 8×06: Un desenlace covarde

Na terceira tempada de Xogo de Tronos, un exasperado Ramsay Bolton, entre tortura e tortura, parecía saltarse a cuarta parede e falar directamente cos fans: Se pensas que isto vai ter un final feliz, non estiveches prestando atención. David Benioff, D.B. Weiss, e incluso o mismísimo George R. R. Martin falaban directamente cos fans da saga -libros e serie- para dicirnos que non nos fixeramos ilusións. Nunca. O final ía ser acedo, doloroso, e custaríanos semanas ou meses recuperarnos. No canto disto, o normal é rir nerviosos ante tanta corrección.

Non facía falta matar personaxes para finalizar decentemente a historia, non vou ir por aí. Tampouco vou buscar nos episodios anteriores cuestións xa criticadas a día de hoxe. Neste derradeiro episodio e un pouco ás présas, tentaron xustificar con guión, o co pouco que souberon escribir: Tyrion enuncia como no pasado Daenerys tomara en máis dunha ocasión a decisión de asasinar, mais nunca a inocentes. E é que non era algo que fose co seu personaxe: Daenerys, maltratada dende pequena, vendida como unha escrava, rematou sendo a maior valedora destes, axudándoos e crendo na súa liberación. “Rompedora de cadeas” foi un dos tantos alcumes que se gañara nas súas viaxes, pois non foron poucos os lugares nos que a escravitude rematara grazas a ela.

Neste episodio, nos momentos finais da personaxe, tentan deixarnos claro que a día de hoxe todo iso non é máis que un espellismo: antes do final da “nai de dragóns”, esta tentará poñer sobre a mesa as súas ideas para un mundo mellor, ese paraíso do que fala Tyrion, mais quedarán como tolemias propias da tirana tola na que se converteu a duras penas e con moitas présas. Xustificado o seu asasinato, e cun flashforward dunhas semanas, comezarán as últimas sorpresas que Benioff e Weiss nos tiñan preparadas.

Jon Neve, o fillo nado do romance entre Rhaegar Targaryen e Lyanna Stark, máis que posible protagonista de toda teoría fantástica na que se rexen os libros, parecía despois de tanto tempo o mellor e único candidato ao trono despois de todo o acontecido. Estaba o problema dos Inmaculados —aínda agora, despois de tantas batallas e tantas baixas, miles!— que se negarían a isto tras matar á súa raíña, mais o resto parecía posible. O problema chega cando no mesmo episodio hai que pechar todas as liñas argumentais abertas e concluír unha serie creando un epílogo decente, polo que sen tempo a desenvolver nada máis é necesario buscar a mellor alternativa, por disparatada que sexa: por que non facer a Bran Stark o Rei de Poñente?, diría alguén.

A razón principal que deberiamos poñer sobre a mesa é que, atendendo ao argumento, non ten sentido: Bran Stark leva tempadas dicíndonos el mesmo que xa non é humano, senón que transcendeu disto. Estamos ante o corvo de tres ollos, un ser lendario o cal, a primeira vez que topamos con el, era un ancián que vivía rodeado dos poucos Fillos do Bosque que quedaban vivos, case fusionado cunha árbore. Trátase dunha deshumanización total, facéndoo incapaz así non só de reinar, senón incluso de poñerse no lugar do que calquera dos seus súbditos puidera sentir.

Tampouco se trata dun enfado porque non fose o esperable, nin moito menos: que algo sexa esperable non é intrinsecamente negativo, e viceversa. O feito de que decidiran lanzarse á piscina e tomar esta decisión só pon sobre a mesa unha incapacidade para continuar historias e tramas, así como unha nula comprensión do que o universo de Canción de Xeo e Lume significa.

O remate das tramas dá paso a un epílogo que, con total honestidade, debe cualificarse como doce e positivo. Todo os personaxes que chegaron ata aquí rematan cun final positivo para os seus personaxes, sendo a excepción Torgo Nudho. De maneira aberta, cóntannos como a reconstrución da vida dos personaxes tras tanta guerra toca por fin, deixando aberto de maneira optimista e ás veces cómica o final de todos eles.

O nome que dá saga aos libros aparece ao final do episodio, sendo o título dado por Samwell Tarly á novela que relata a historia de Poñente tras a Rebelión de Robert, tomando un aire tolkeniano, como fora no seu momento Frodo quen escribira O Señor dos Aneis. É unha das poucas cousas que nos poderiamos aventurar a que pasará tamén nas novelas de George R.R. Martin, mais ao mesmo tempo de maneira moi diferente: O compoñente fantástico ten nestas moito máis peso que na serie, e dita frase adopta máis significados que un “nome bonito”.

Sen chegar a un resultado tan negativo como episodios anteriores, o amargo que se lle pode atopar ao episodio final de Xogo de Tronos non ten tanto que ver coa forma na que se levou a cabo este, como si aconteceu cos episodios anteriores. As présas puxeron enriba da mesa unha necesidade de desenvolvemento de tramas que foi imposible tratar. O resultado final é, por isto mesmo, covarde, valendo máis o contento de todos que a verdadeira dramatización.

Pódeche interesar...
‘Quen a ferro mata’, a fariña chega ao cinema español