Mourn, loitando contra o momento

Hai veces en que un artista se ve na obriga de presentar o seu espectáculo en vivo, a pesar de que as circunstancias persoais que atravesa nese momento non sexan as máis oportunas e estas non favorezan, en principio, a un estado de ánimo óptimo á hora de crear o ambiente adecuado para o desenvolvemento do seu show. Noutro orde de cousas, é a través da súa arte a maneira en que un artista consigue chegar a un estado de liberación completo durante o cal se esquece da súa vida e desas circunstancias adversas.

Algo así foi o que lles tocou padecer ás integrantes da banda catalana, Mourn, o 18 de outubro na sala Radar Estudios de Vigo. Digamos que é, canto menos, surrealista que o grupo se atopara de xira mentres que o pobo catalán sufría a represión do Estado; primeiro xudicial, coa sentencia do “procés”; e logo policial, mediante o uso da violencia contra a poboación que se manifestaba en oposición á mesma.

Como sinalou a propia Jazz Rodríguez durante o concerto, a súa foi unha xornada estraña na que, mentres estaban de cañas e preparando a súa primeira actuación en Vigo, non podían deixar de pensar nos seus familiares que se estaban a manifestar en Cataluña.

Con todo, ese sentimento de inxustiza, de desprotección e a sensación de retroceso nos dereitos que se foron construíndo nos últimos douscentos anos, non foron factores que repercutiron na calidade do directo de Mourn. Todo o contrario, contribuíron a que a rabia que caracteriza a música do grupo fora moito máis exacerbada e anegara unha sala Radar que, quizáis polo temporal, non estaba todo o chea que debería para o gran concerto que deron as catalanas.

Mauro Borrazás

O son enérxico e guitarreiro de Mourn é deses que se presta a soar todavía mellor en directo, e así o demostraron as catalanas na súa actuación na Sala Radar, onde as cancións abandoaron todo indicio de indie e abrazaron por completo unha actitude punk, onde os potentes ramalazos de tres minutos cheos de ruido e berros non deixaron de sucederse, con soamente dúas pausas para dirixirse ao público nas que elas mesmas aseguraron que se sinten moito máis cómodas tocando que falando.

Hai moito do punk no corazón da música de Mourn, sen embargo o seu son fuxe da sinxeleza absoluta que sempre caracterizou a este estilo, evitando as quintas e recurrindo ao uso constante das disonancias de maneira non moi diferente ao que farían os Sonic Youth de comezos dos anos 90. E por enriba de todo as voces de Jazz e Carla, capaces de atopar a beleza da melodía sen renunciar á rabia, de maneira similar ao que facía a PJ Harvey nos anos do Rid of Me. Non sorprende que Jazz subise ao escenario da Sala Radar cunha camiseta da cantante británica, concretamente da xira de Is This Desire?

O setlist do concerto supuxo toda unha viaxe en sentido inverso pola súa discografía. As primeiras cancións en soar chegaron directas do último traballo da banda (exceptuando a Mixtape de versións que publicaron este ano), Sorpresa Familia, mentres que a segunda metade do concerto xirou especialmente sobre os dous primeiros discos de Mourn, que a banda nunca chegara a poder presentar en sala en Galicia.

Se ben todas as súas cancións manteñen un estilo similar, con máis evolución que grandes rupturas, o setlist do concerto amosou como as Mourn de hoxe en día tómanse as cousas con máis humor que nos seus comezos, cando Carla e Jazz todavía eran unhas rapazas de instituto que se escapaban das clases para ir fumar a uns columpios e sentirse as máis malotas, tal e como elas mesmas confesaron no concerto.

A música que Mourn rexistraron nos seus discos xa da mostra da banda que son, e sen embargo, é no seu directo onde se pode percibir toda a forza e a enerxía das súas cancións. A actuación das catalanas na sala Radar foi a proba definitiva de que xa hai tempo que deixaron de ser unha promesa para pasar a ser un dos nomes máis interesantes do panorama musical estatal, mesmo en concertos tan estranos coma éste.

Mauro Borrazás
Pódeche interesar...
WOS Festival 2019 I. A vangarda galega (repatriada)