O Son do Camiño II. Día 1: Primeiros pasos

Cando se anunciou o cartaz desta segunda edición de O Son do Camiño non puidemos evitar que nos chamara a atención a enorme variedade de estilos tan diferentes que achegaban os artistas que o conformaban. Se ben é certo que cada vez as barreiras musicais entre os distintos xéneros son máis difusas e resulta máis habitual que nunca atopar nun mesmo festival tanto artistas de pop como proxectos de música experimental, algo pasaba co cartaz de O Son do Camiño.

Cada vez que o mirabamos preguntabámonos como convivirían nun mesmo recinto as distintas músicas e os distintos públicos de artistas como Iggy Pop, Black Eyed Peas, Bloc Party ou David Guetta. A partires do pasado 13 de xuño puidemos comezar a comprobalo.

Os concertos arrancaron dende primeira hora da tarde deixando sensacións distintas. Kitai amosaron que son capaces de transmitir a mesma enerxía nun festival que nun concerto propio nunha sala, e mesmo se atreveron a facer crowdsurfing coa batería a pesares de que todavía non había grandes aglomeracións de público no escenario principal. Por outra banda, o concerto de Molina Molina foi todo o contrario. O músico granadino saiu só ao escenario a interpretar as súas cancións, sen contar cunha banda que o acompañara, recurrindo a reproducir de fondo o resto das pistas, dando a sensación de que estaba a realizar unha especie de karaoke de si mesmo.

Foto: Martín Gómez

Voltando ao escenario principal Royal Republic devolvéronnos o ritmo e a vitalidade. En certa medida a banda irmá dos tamén suecos The Hives, Royal Republic deron un concerto de indie rock con certos aires irónicos perfectamente solvente. Vendo a súa actuación daba a sensación constante de que se tivesen comezado a sacar música cinco anos antes terían gañado o dobre de recoñecemento do que contan a día de hoxe. En definitiva, deixaron moi bo sabor de boca.

Algo similar aconteceu con Second. Esta banda de indie rock murciana ten un son que nun primeiro momento poderíanos lembrar a bastantes outros grupos estatais, con todo, a medida que ían pasando as cancións notábase que había unha solvencia e unha enerxía á hora de interpretalas remarcable, guiada sobre todo pola voz do frontman que por momentos lembraba á de Enrique Bunbury.

Foto: Martín Gómez

O seguinte concerto da tarde era o primeiro prato forte do día, a actuación do británico Richard Ashcroft, líder da banda de brit-pop The Verve. Non se pode negar que se viviu con certa decepción o feito de que Ashcroft aparecese só no escenario cunha guitarra acústica, sen estar acompañado por ningún outro músico. O concerto permitiu un achegamento moito máis íntimo do habitual a cancións que a día de hoxe xa son himnos como Bittersweet Symphony, pero quizáis foi un erro programar unha actuación deste formato no escenario principal do Son do Camiño.

Foto: Martín Gómez

Conviña subir de novo as revolucións e o concerto de Graveyard sen dúbidas axudou grazas as súas guitarras distorsionadas e a seus riffs pesados. Non se pode negar que se tratou dun bo concerto, con todo, a banda (tamén sueca) de hard rock foi quizáis a primeira que semellou quedar un pouco fóra de lugar da dinámica indie rock que viña seguindo a xornada.

Foto: Martín Gómez

Esta sensación acentuouse todavía máis coa chegada do primeiro cabeza do día. O público comezou a concentrarse no escenario, daba a sensación de que de súpeto baixara a media de idade dos asistentes e por primeira vez en todo o día comezouse a sentir a sensación de estar presente nun macrofestival.

Os británicos Bastille foron os encargados de reunir a toda esta xente nun concerto que practicamente servía de celebración para o lanzamento do seu novo disco Doom Days que sería publicado esa mesma noite. Cun son máis pop que rock e unha escenografía moito máis elaborada que a de calquera outro concerto do que ía de día, a banda logrou que o público corease as letras das súas cancións máis famosas como Pompeii mais deixou unha sensación un pouco fría co resto da súa actuación, cun tono máis triste do que cabería esperar dunha proposta de indie-pop deste tipo.

Foto: Martín Gómez

O recinto do Son do Camiño xa estaba cheo e esto non xa non cambiaría durante o resto da noite. O escenario pequeno do festival quedou ateigado durante a actuación do sevillano Beret, que logrou que a súa música urbana fose coreada por todos os asistentes, amosando que o seu foi quizáis o público máis entregado de toda esta primeira xornada do festival.

Pero o prato forte deste primeiro día eran os sudafricanos Die Antwoord. É certo que xa van uns anos dende que esta agrupación de rap-rave lanzase seu último gran hit (a famosísima Ugly Boy que foi acompañada por unha base do mismísimo Aphex Twin), e que durante este 2019 deron máis que falar polas polémicas ao seu redor que pola súa música. Con todo, sería difícil negar que o seu foi o mellor concerto que se viu nesta primeira xornada de O Son do Camiño, coa proposta máis única de todas as que soaron e unas interpretacións tremendamente enérxicas.

Esta xornada que empezou con sons de indie rock rematou a súa mutación final cara a electrónica durante esta actuación, e a noite pechou finalmente cos concertos de The Zombie Kids e Dimitri Vegas & Like Mike nos que a intensidade non baixou nin por un momento, mantendo encendido ao público ata as últimas notas.

Dende logo o ecléctico cartaz requeriu dalgúns intres de asimilación entre concertos, pero tamén deixou momentos verdadeiramente divertidos. A segunda edición do festival arrancou con bo pe, pero estes eran todavía os primeiros pasos, os días grandes nos que todas as entradas xa estaban esgotadas eran todavía os que estaban por chegar. 

Foto: Martín Gómez
Pódeche interesar...
Agoraphobia – Unaligned