O Son do Camiño II. Día 3: Un punto e seguido

O primeiro que fixemos nada máis entrar no recinto do Son do Camiño este último día de festival foi mirar ao ceo. Parecía que desta volta a chuvia non sería un problema. A terceira xornada arrincou de novo con bastante presenza galega e sobre todo moito ritmo. Dende primeira hora da tarde o público comezou a bailar coa música de verbena de Ortiga, o último proxecto de Chicho (Boyanka Kostova, Esteban y Manuel) e a fusión da electrónica máis moderna coa música tradicional galega que ofrece Baiuca, misturando pads e caixas de ritmos dixitais con melodías de frauta tocadas en directo e ritmos marcados con cunchas de vieira.

Martín Gómez

Polo escenario principal pasáronse os ingleses Electric Pyramid que prometían un concerto de grunge que finalmente quedou nun pop con guitarras moi pouco animado que despois de Baiuca sonou demasiado xenérico. Quedamos con ganas de algo máis de festa e por sorte o seguinte concerto foi o de Familia Caamagno. Tal e como dixemos ao comentar seu último disco, o punto forte dos coruñeses é o directo e no Son do Camiño amosárono unha vez máis cunha actuación divertida, con letras cargadas con sentido do humor e nas que o galego tiña máis presenza que un par de frases entre cancións, como viña acontecendo polo xeral ata ese momento no festival.

Martín Gómez

O público xa estaba animado e era un momento perfecto para que os suecos The Hives saísen a escena no escenario Estrella Galicia. Ao igual que acontecía con Familia Caamagno, a mellor maneira de escoitar a música de The Hives e nos seus concertos. O rock veloz e pegadizo da banda soa ben nas gravacións de estudio pero en directo convértese nunha auténtica festa. Os constantes xogos e interaccións co público e o desbordante carisma do grupo e en particular do seu frontman Howlin’ Pelle Almqvist fan que cancións como Hate to Say I Told You So ou Tick Tick Boom soen máis enérxicas e sexan todavía máis disfrutables.

Martín Gómez

The Hives gáñanse ao público en cada concerto que dan, pero a Vetusta Morla, a seguinte banda en pasar polo escenario principal do Son do Camiño xa non lles fai falta. Non é precisamente pouco público que son capaces de congregar os madrileños a día de hoxe, listo para corear todas as súas cancións. O feito de ter a súa audiencia xa no bolsillo podería traer consigo que Vetusta Morla non sentisen a necesidade de dalo todo nos seus concertos, pero quedou ben claro que esto non é así.

Cunha entrega absoluta de principio a fin e unas interpretacións coidadas ata o milímetro, os de Tres Cantos fixeron as delicias do público reunido no auditorio do Monte do Gozo nun concerto a plena luz do día, algo ao que a banda xa comezaba non estar acostumada, no que Pucho se atreveu a baixar a cantar unha canción enteira entre o público e a interpretar un medley no que cantou letras doutras bandas e artistas presentes no festival como Rosalía, Iván Ferreiro, Ayax y Prok ou Kitai.

Martín Gómez

A partir deste momento comezou o que foi quizáis o tramo de todo o festival no que se viviron máis cambios repentinos de estilo, pero quizáis tamén deixou algún dos mellores momentos desta edición de O Son do Camiño. O turno era agora para actuación de Bad Gyal no escenario Galicia. O dancehall da catalana logrou reunir unha grande cantidade de público novo, que bailou e cantou as súas cancións, pero o concerto sentiuse un pouco máis falto de vida e tristón do que cabería esperar, quizáis pola remarcable intensidade e a urxencia que transmitiron algunha das actuacións que a precederon e mesmo que a sucederon.

Martín Gómez

E é que o seguinte concerto no escenario principal era o de Iggy Pop. A lenda do rock saíu ao escenario atn enérxico como sempre, arrincando con I Wanna Be Your Dog, unha canción estreada en 1969 durante a súa etapa cos Stooges, e que dalgunha maneira conseguiu ser un dos momentos máis punk de todo o festival. Encadeando hit tras hit, Pop tocou neste inicio de concerto algunhas das súas cancións máis famosas como The Passenger ou Lust For Life, alongándoas e animando ao público a cantar como se estivesemos no mesmo clímax dun concerto que en realidade acababa de comezar. Un comezo de concerto que foi do mellor que se viu este ano no Son do Camiño.

A actitude e vitalidade de Iggy Pop no escenario farían que resulte difícil crer que ten xa 72 anos, a pesares de que seu aspecto físico non o oculte. A súa clásica imaxe, sempre sen camiseta sobre o escenario estase a voltar de maneira inesperada cada vez máis punk, cun Iggy Pop que cada vez queda máis claro que está a ensinar as súas arrugas en lugar de tratar de vivir no pasado. Nun concerto sen pausas no que a intensidade non baixou en ningún momento, Iggy Pop todavía atopou espazo para unha versión The Gean Jeanie de David Bowie.

Martín Gómez

De novo con cambios de horario de última hora de por medio, a seguinte actuación que nos achegamos a ver foi a de Ayax y Prok. O dúo de rap conformado por estes dous irmáns de voces rasposas saíu ao escenario solapándose co comezo do concerto de David Guetta e aínda así foron capaces de reunir a un bo puñado de público. O ambiente que se respiraba non podía ser mellor e público non se cansou de cantar as súas letras de forte contido social. Ayax y Prok amosaron que para dar un bo concerto é importante saber ter unha boa presencia no escenario e buscar unha verdadeira conexión co público, algo que amosaron na súa actuación e que recoñeceron do concerto previo de Iggy Pop.

Martín Gómez

Unha vez rematado a súa actuaión era o momento de achegarse ata o escenario no que se atopaba un dos platos fortes do día, o DJ francés David Guetta. A sensación nada máis achegarse ao espazo do auditorio do Monte do Gozo era a oposta que había no concerto de Ayax y Prok, un concerto masificadono que se ben era posible pasar un bo rato, non se vía que se estivese a establecer unha conexión xenuína entre artista e público.

Guetta, sobre quen xa empezan a pasar os anos, non amosou moita vitalidade sobre o escenario e recurriu a maior parte do tempo á mesma fórmula de reproducir unha estrofa dalgunha canción coñecida, tanto valía Queen como Billie Eilish, para facer que rompese posteriormente nun ritmo machacón. Tampouco hai que velo con malos ollos, prestábase a cantar e bailar en todo momento, pero non será dos momentos máis memorables do festival.

A segunda edición do Son do Camiño rematou con Eme DJ pinchando os temas que soaron no peche da festa. Se algo quedou claro especialmente despois deste último día é que o festival todavía non ten clara cal é a súa identidade, pero esto non lle está supoñer grandes problemas para reunir a un público cada vez máis masivo e a traer grandes concertos ao Monte do Gozo. Haberá que ver a evolución que segue este evento cara o ano 2021 do Xacobeo, se define máis claramente a que público quere chegar ou se se perde polo camiño. Polo de agora chegamos a un punto e seguido, e todo o que podemos facer e esperar á próxima edición.

Pódeche interesar...
Ataque Escampe anuncian a súa volta aos escenarios… E farano cunha nova formación