WOS Festival 2019 III. Inesquecible desenlace para unha edición de luxo

Se na anterior crónica do WOS resaltabamos esa fusión entre tradición e modernidade que propón o festival, a xornada do sábado continuaba esa senda cun debate matinal baixo o título Utopías folk: a validez da tradición e as raíces musicais nos tempos da descentralización. Un espazo de diálogo no que participaron Mounqup, quen co seu último disco Castro Verdi deu unha volta de rosca ao “son rural electrónico” sendo unha das propostas máis atrevidas do noso panorama musical; Faia Díaz (De Vacas), que vén de sacar o seu primeiro disco en solitario Ao cabo leirín con moito de experimental, ambientes sonoros no canto de música e a voz como única protagonista; e Xandre Outerio, un dos artífices do Projecto Trepia] onde conviven música, danza, sampleo de bases e, sobre todo, “de-construción, que non destrución” da tradición musical galega.

A primeira pregunta que se puxo enriba da mesa xirou arredor do que entendemos por folk. Para Faia e Xandre, folk é un concepto difuso. Non exactamente a canción tradicional, senón a creación autónoma dun son baseado nos elementos de cada rexión. Algo acoutado ao boom dos 90 en Galicia con grupos como Berrogüeto ou Milladoiro. Un folk fundamentado no virtuosismo técnico duns músicos, case exclusivamente varóns. Pola contra, a música tradicional é de formación colectiva e foi transmitida oralmente por mulleres. Unha cultura musical arredor da vida e que está relativamente viva, pois nas aldeas xa non vive xente nova e os lugares onde se socializaba musicalmente e todo o mundo cantaba e bailaba, perdéronse.

Porén, a tradición é agora a base sobre a que construír. Na medida en que sexamos coñecedoras da nosa tradición, podemos crear cousas novas e boas. A respecto disto, as poñentes mencionaron a Mercedes Peón quen leva anos renovando a música tradicional galega, e destacaron o feito de que actúa máis no estranxeiro que no país. “Ou temos que tocar fóra ou temos que vir de fóra. Falta autoconciencia do noso”, apuntou Mounqup.

O tema levounos a falar do fenómeno Baiuca. Sen restarlle valor nin mérito, cuestionouse o senso de que o proxecto se asente en Madrid, dispoñendo así dos medios e a atención mediática que se cadra artistas de aquí e dende aquí non teñen. Así como tamén a suposta novidade da proposta. “Antes de Baiuca houbo múltiples intentos de mesturar sons e manifestacións electrónicas. Trepia fomos pioneiros niso hai xa máis de 10 anos”, reivindicou Xandre Outeiro.

Pero non todos os camiños da experimentación pasan por aí. Faia Díaz amosouse convencida de que hai máis posibilidades de reformulación da música tradicional aparte da fusión. Evitando, por exemplo, o escenario que limita ao público como oínte (consumidor) e non como elemento participativo e participante do espectáculo. “Non pasemos polo filtro dos escenarios de rock e os festivais, alí rómpese o diálogo co público e a espontaneidade do baile [tradicional]”. Outra forma de exploración poden ser os formatos e os instrumentos, como os arquivos e as voces de mulleres das que parte o traballo de Faia.

Posiblemente o faladoiro que máis desfrutei nos anos que levo indo ao WOS. Grazas por alentarnos a mirar a tradición desde unha perspectiva máis natural e de creación contemporánea.

Regresamos pola tarde unha vez máis á Igrexa da Universidade. Cunha iluminación completamente azul escura, Rafael Anton Irisarri aterraba no WOS Festival para declarar unha guerra entre o drone e o ambient capaz de poñer a pel de pita, especialmente para amantes das aventuras sonoras e os que teñan a mentalidade e os oídos ben abertos.

O compositor e multi-instrumentista neoiorquino elaborou unhas densas capas sonoras a partir de loops de guitarra, sintetizadores, voz e gravacións de campo manipuladas. O resultado final é un son borroso, lúgubre e hipnótico á vez. Como el mesmo describiu, un directo que soa “como un tsunami que ocorre a cámara lenta”. As composicións tiñan como base o drone e unha atmosfera ambient afiada ata o límite da percepción sensorial. Do mellorciño do festival.

Máis tarde, desprazámonos cara a Fundación Granell e alí vimos desfilar a clase e contundencia do trío de free jazz Vels Trio. Os mozos británicos despregaron no WOS un repertorio dunha heteroxeneidade abraiante, transitando polo hip hop, o funk, a electrónica, o progresivo… Unha delicia de concerto. Mágoa non poder quedarme para velo rematar. No Salón Teatro actuaba en paralelo Kali Malone así que tiven que dividirme. O público do salón xa entrara en transo.

A artista sonora ofreceu unha sesión experimental de minimalismo escuro a base de capas de ruído e drones mediante caixas dixitais e analóxicas, logrando ricas texturas harmónicas con instrumentos de corda e vento canalizadas a través dun sintetizador modular.

A seguinte parada levounos a escasos metros, no Teatro Principal, para presenciar o espectáculo audiovisual de Loscil. Tratábase da presentación en Europa do seu disco recentemente publicado Equivalents, e isto reflectíase na expectación no teatro, que tardou en encherse debido ás grandes colas de xente.

O músico canadense ofreceu unha comuñón perfecta de música ambiental con toque IDM que recordaba por momentos a uns Boards of Canada, cunhas proxeccións en branco e negro de fondo, con nubes en slow motion, auga e area, creando un estado de hipnose latente entre o persoal. O seu AV show postulouse como unha das experiencias máis magnéticas e sensoriais que vivín este ano.

E aquí topamos coa sorpresa do sábado: Lafawndah. Cunha imaxinación sen límites e transcendendo calquera etiqueta, esta xove intérprete metade iraniana, metade exipcia, citounos novamente na terraza da Fundación Granell para sermos partícipes dunha xenuína mestura entre pop, R&B, música tribal e experimentación electrónica.

Durante a actuación combinou unha suxerinte base rítmica de tambores, crótalos e instrumentos étnicos evocando sons de herdanza caribeña. Unha bestialidade: baixos gordos, beats de estrondo e un cante que te deixaba embobada. Toda unha exhibición de voz e talento. Menudo despeine.

Outra artista que aproveitou a complicada situación do seu país, Inglaterra neste caso, para protestar en contra das elites con boas doses de electro-pop-folk foi Gazelle Twin. Cuberta con medias vermellas, suadoiro con flocos, viseira e unha media na cara que só se lle ve a boca, aparece puntualísima sobre o escenario da Sala Capitol. Faino acompañada de Lone Taxidermist, encargada en poñer as instrumentais e tamén equipada con chándal e viseira.

Ante o desconcerto xeral do público, Gazelle presentou o seu novo disco Pastoral, cuxa portada lle serve de pano de fondo para a actuación. Nela mostra a campiña británica como espazo bucólico e tranquilo en contraste co seu directo, que é algo sinistro e potente. É bastante abafador. Case como ver a Kate Bush en modo grime industrial.

No escenario, Gazelle adopta o personaxe de bufón, un que non para de brincar e ridiculizar coas súas letras sarcásticas. Isto transcende do concerto ao uso para converterse nunha performance. A parella perde pouco tempo, atravesando a maior parte do disco sen deterse para respirar. Quizais por iso, a sensación final de frialdade da proposta.

Tras ela, foi a quenda duns pioneiros da IDM como Plaid, co seu novo e entretido show presentando o seu recente álbum Polymer, no que estiveron acompañados dun violín sampleado e unhas coidadísimas visuais proxectadas nunha pantalla dividida en oito rectángulos que puidemos ver como configuraban nos momentos previos. Un concerto impecable, elegante e tremendamente accesible. Luxazo total.

Aínda estaba por depararnos o show posiblemente máis esperado da noite: a gran posta en escena de Amnesia Scanner. O experimental dúo finlandés presentou o seu espectáculo audiovisual titulado “AS Oracle Live Show” nun directo efectivo e efectista, cun uso e abuso dos flashes tanto brancos como laranxas que a min no me chegou a convencer de todo. Pode que o mellor lugar para velo fose desde a primeira planta da sala, onde se podían ver perfectamente as visuais e os xogos de luces sen medo a coller epilepsia. Malia iso, cun bo barniz de ácido e distorsión, Amnesia Scanner púxonos a bailar cun estrondoso son postindustrial con voces ralentizadas e baixos saturados. Foi o momento máis enérxico da noite. Unha experiencia catártica; creando por momentos unha sensación de caos absoluta.

O programa WOS CLUBBING, que tivo lugar na madrugada do venres e o sábado, e que incorporaba por primeira vez entrada para as últimas sesións de DJ, reuniu aquela noite a dous grandes nomes da electrónica. Un clásico como Kode9, fundador e director da discográfica Hyperdub, e un xigante da escena berlinesa como Bill Kouligas, fundador e director da discográfica PAN, casa de artistas como Yves Tumor entre moitos outros.

Foron a apisoadora musical que puxo o peche a este WOS Festival cunha Capitol en estado catártico que deixou a alma na pista baile. Un broche de ouro a unha noite máis longa do habitual, creo que abandonamos a Capitol pasadas as seis e pico da madrugada, mais a ocasión merecíao.

Xornadas que quedan gravadas nos sentidos todos. Grazas a unha organización de luxo que logrou que todo fluíse á perfección tendo que distribuír a 29 artistas do máis heteroxéneos nunha ducia de espazos. Algo que a priori pode parecer incómodo como moverse dun sitio a outro cada hora, no WOS convértese en algo ata agradable e sen abafos.

Todo isto non é senón a constatación de que o WOS Festival segue medrando e facendo as cousas ben, consagrándose nun evento de referencia máis alá das nosas fronteiras.

Pódeche interesar...
Agoraphobia – Unaligned