Coldplay – Everyday Life

Sen supoñer unha volta ao nivel dos primeiros traballos da banda, este novo disco é sopro de aire fresco na súa discografía ao longo desta década

Fecha de lanzamiento
22 Novembro, 2019
Discográfica
Parlophone Records
Xénero
Pop-Rock
A nosa puntuación
6

Pouco se falou da deriva de Coldplay ao longo desta década. Despois de tres discos de éxito dentro do terreo do rock alternativo, Coldplay publicaron Viva La Vida or Death and All His Friends no ano 2008, un álbum co que os británicos conseguiron colarse en todas as radios e en todas as playlists ao longo do mundo, pasando a convertirse nunha banda que enchía estadios.

Viva La Vida or Death and All His Friends non foi un mal disco, quizáis non estaba á mesma altura que traballos como A Rush of Blood to the Head ou Parachutes pero todavía amosaba a unha banda con integridade que buscaba explorar novos sons sen pecharse a porta a chegar a un público maior.

Co comezo da nova década, chegou o sucesor deste disco, Mylo Xyloto, e foi neste momento cando as cousas comezaron a torcerse. Sen aportar grandes novidades estilísticas respecto ao seu predecesor, Mylo Xyloto está envolto por unha produción empalagosa e sobrecargada. En 2014 chegou o irregular Ghosts Stories, un disco que non tiña claro se quería seguir un camiño máis experimental ou todavía máis comercial, e en 2015 A Head Full of Dreams, quizáis o punto máis baixo da carreira de Coldplay, onde a identidade propia da banda rematou por esvaecerse por completo tras o son da radiofórmula.

Cando comezaron a circular rumores de que o oitavo disco de Coldplay chegaría este ano as espectativas non podían ser máis baixas e sen embargo a medida que foron chegando adiantos cada vez semellaba máis posible que os británicos conseguiran redimirse con este novo traballo.

Arabesque co seu ritmo enérxico e un solo de saxofón que se extendía ao longo de varios minutos amosaba que Coldplay estaban dispostos a probar novas ideas musicais que non viñeran unicamente marcadas por criterios comerciais, mentres que Orphans amosaba unha cara máis accesible da banda mais cunha produción máis coidada e unha letra que detrás do positivismo desmedido que caracterizou a música máis reccente de Coldplay escondía certa nostalxia e melancolía.

Arabesque e Orphans foron bos exemplos do que se podería atopar en Sunrise e Sunset, as dúas partes que compoñen este novo álbum dobre de Coldplay nas que se atopan respectivamente ambas cancións. O primeiro disco de Everyday Life amosa a uns Coldplay que xogan con novos sons e estilos e instrumentacións, algo que queda claro dende o comezo cunha intridución instrumental e orquestral de máis de dous minutos á que seguen Church e Trouble In Time, dúas das mellores cancións de todo o disco que consiguen facer lembrar aos Coldplay dos dous primeiros discos, especialmente na súa versión en directo dende Xordania que a banda publicou en YouTube.

En pistas como BrokEn entra en xogo a influencia do gospel mentres que no peche con When I Need a Friend a voz de Chris Martin aparece acompañada dun coro. Esta primeira parte titulada Sunrise tamén se caracteriza por ter un maior contido político visible especialmente en letras como as de Trouble In Town ou Arabesque onde se fai un comentario sobre a situación convulsa do mundo na actualidade e un canto ao multiculturalismo.

A segunda parte de Everyday Life, titulada Sunset, tamén comeza tratando temáticas similares na acústica pero enérxica Guns, pero rápidamente as abandoa. Destaca especialmente o tramo final do disco con temas como Chapion of the World cun son similar ao de Orphans pero unha instrumentación moito máis elaborada, e Everyday Life, a canción que da nome ao disco e pecha este traballo, onde Coldplay amosan que seguen a dominar perfectamente as baladas de piano.

A pesares de todo este disco ten bastantes pegas. Os seus cincuenta minutos de duración fan que resulte difícil poder consideralo un álbum dobre aínda que sexa publicado e promocionado como tal, especialmente cando hai moito recheo entre as cancións que o conforman. Algúns dos experimentos sonoros incluídos en Everyday Life como BrokEn, WOTW / POTP, When I Need a Friend ou بنی آدم semellan estar incluídos co único propósito de encher minutos xa que se trata de ideas sen definir ou cancións aparentemente sen rematar.

Ademáis, todas as temáticas abordadas dende as letras quedan pouco definidas e concretadas, sen profundizar nestas cuestións ou sen reflexionar o suficiente. Chris Martin amosa que se atopa preocupado polo racismo ou a brutalidade policial pero non se atreve a ir moito máis alá, polo que o comentario político do disco non resulta especialmente interesante.

Con Everyday Life Coldplay non voltaron ao nivel dos seus primeiros traballos, nin tan sequera ao de Viva La Vida or Death and All His Friends, pero si é certo que se trata dun sopro de aire fresco na discografía que a banda lanzou ao longo desta década e da esperanzas de que durante os vindeiros dez anos o cuarteto británico poida lanzar novamente discos deses que merece a pena escoitar máis dunha vez.

6
Pódeche interesar...
María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo, premios Cineuropa 2019