Desert Sessions – Vols. 11 & 12

Josh Homme volta ao Rancho de la Luna para dar nova vida a este proxecto colaborativo

Fecha de lanzamiento
25 Outubro, 2019
Discográfica
Matador
Xénero
Rock Alternativo
A nosa puntuación
7.2

Escribir sobre os discos das Desert Sessions resulta especialmente complexo, xa que se trata de obras que acostuman a semellar inacabadas, sen pulir ou pouco cohesionadas. Con todo, isto é resultado do propio deseño destes álbumes. As Desert Sessions son un proxecto lanzado por Josh Homme (Queens of the Stone Age, Kyuss) en 1997. A idea detrás destes discos é reunir a un grupo moi variado de músicos durante unhas semanas nos estudos Rancho de la Luna, ubicados no deserto de Joshua Tree para improvisar, compoñer e gravar unha serie de cancións da maneira máis espontánea posible.

Josh Homme ten colaborado no marco deste proxecto con artistas como PJ Harvey, Billy Gibbons, Mark Lanegan, Alain Johannes ou Brant Bjork. Estas sesións resultaron especialmente prolíficas entre os finais dos ’90 e o comezo da década dos 2000, producindo pezas que mesmo máis adiante se converterían en cancións imprescindibles nos concertos de Queens of the Stone Age como Make It Wit Chu, You Think I Ain’t Worth a Dollar, But I Feel Like a Millionaire, Hanging Tree ou In My Head.

Porén, este proxecto quedou en repouso dende o 2003, probablemente polo crecente éxito de Queens of the Stone Age tras a publicación do disco Songs for the Deaf. Se ben Josh Homme reiteraba con frecuencia que tiña interese en recuperar as Desert Sessions, ese día nunca chegaba. Ata este 2019, cando por fin se lanzaron os volumes 11 e 12 deste proxecto, titulados Arrivederci Despair e Tightwads & Nitwits & Critics & Heels, respectivamente.

Durante os primeiros intres de Move Together dan ganas de subir o volume da pista repetidas veces polo seu ton pausado, que a pesar de todo non busca máis que pillar por sorpresa cando a guitarra e a batería entran de súpeto na pista cun son cru conseguido a partir dunha produción moito menos coidada pero capaz de transmitir máis vitalidade que a do último disco de longa duración de Queens of the Stone Age, Villians (2017).

En Noses in Roses, Forever, cantada polo propio Josh Homme, o ritmo camiñante lembra a cancións dos últimos traballos de Queens como Feet Don’t Fail Me Now ou Smooth Sailing. O son rockeiro tamén está presente en Crucifire, onde Mike Kerr de Royal Blood pon voz a un breve tema que encaixaría perfectamente en discos como Lullabyes to Paralyze.

O resto do disco segue camiños máis pausados. Como a peza acústica e instrumental Far East For the Trees ou as máis melódicas If You Run e Easier Said Than Done. Tamén hai oco para o humor, algo xa habitual noutros discos das Desert Sessions. Desta vez é a pista Chic Tweetz a encargada de darlle menos seriedade ao disco, aínda que seu estilo repetitivo e a voz modificada de Josh Homme cantando rimas absurdas cun acento nórdico fan que poida chegar a resultar cansina a pesares de ser unha canción que non chega aos catro minutos de duración.

Retomar un proxecto como este con éxito despois de tantos anos inactivo resultaba todo un reto pero Josh Homme logrou sacalo adiante. En certa maneira este disco síntese moito máis sincero, espontáneo, natural e por momentos ata divertido que o último traballo de Queens of the Stone Age. Como xa é habitual as cancións soan pouco producidas e as veces mesmo semellan inacabadas, pero esa é a propia natureza das Desert Sessions. A pesar de todo, estes volumes 11 e 12 non traen consigo a mellor música lanzada no marco deste proxecto, que todavía se atopa neses fascinantes volumes 9 e 10 que Homme gravou xunto a PJ Harvey.

7.2
Pódeche interesar...
Nos Seus Pés, un festival solidario cos refuxiados no Grove