Thom Yorke – ANIMA

Fecha de lanzamiento
27 Xuño, 2019
Discográfica
XL Recordings
Xénero
Pop
A nosa puntuación
8.1

A carreira en solitario de Thom Yorke pasou ata certo punto desapercibida en comparación co seu traballo dentro de Radiohead. En 2006 co disco The Eraser presentou unha colección de cancións que continuaban os experimentos electrónicos de álbumes como Kid A, que Radiohead abandoaron momentáneamente para o In Rainbows. Se ben é certo que algunhas das cancións de The Eraser son das mellores que Thom ten publicado en solitario, algo faltaba, no se chegaba a sentir como un traballo o suficientemente cohesionado cunha idea de todo clara detrás.

Oito anos despois, cun lanzamento inesperado que non contou con ningún tipo de promoción, Thom Yorke publicou mediante un sistema de compra por BitTorrent seu segundo disco en solitario, Tomorrow’s Modern Boxes. A diferencia de The Eraser, este novo traballo si que se sentía que supoñía unha proposta estilística moito máis clara, cara unha electrónica a medio camiño entre Aphex Twin e Burial na que se incorporaba a voz do británico. Con todo ao escoitar este disco plantexábase outra pregunta, onde quedaron as boas cancións?

Co anuncio de ANIMA había unha nova oportunidade de poder escoitar finalmente un disco de Thom Yorke en solitario que se sentise completamente redondo, un traballo sen pegas, que traia cancións memorables que non se sinta como unha recopilación de cancións sen ningún tipo de fío que as una.

E en certa maneira, esto é o que atopamos en ANIMA. Comezando con Traffic, o tono que seguirá este traballo xa queda claro. Os sintetizadores fríos e afiados entrecrúzanse con ritmos electrónicos frenéticos, moito máis enérxicos do que escoitamos en Tomorrow’s Modern Boxes, e flotando sobre esta base, a voz de Thom Yorke.

Last I Heard (…He Was Circling the Drain) e Twist síntense en boa medida cancións que podían ter formado parte do anterior disco do británico, pero cun acabado menos abstracto. O momento no que entra un piano acompañado por uns sintetizadores envoltos en reverberación á mitade de Twist é un dos instantes máis trascendentais de toda a discografía de Thom Yorke. Este inesperado clímax conduce ademáis cara Dawn Chorus, unha canción que soamente cuns sintetizadores e a voz de Yorke, máis recitando que cantando unha letra sobre voltar a empezar e desfacer os erros, consegue transmitir moitísima emoción.

As liñas de baixo tamén teñen protagonsimo neste disco en cancións como I Am a Very Rude Person ou Impossible Knots, mentres que en Not the News e Runawayaway aparece unha orquestra que dalgunha maneira consegue mesturarse coas bases electrónicas.

Este traballo seguramente non convenza aos seguidores de Yorke que prefiren seu son máis rock ou as súas composicións a piano, pero non se pode negar que o que conseguiu desta volta o cantante de Radiohead con este traballo en solitario é dar a súa forma definitiva a unha proposta sonora na que leva traballando máis dunha década.

8.1
Pódeche interesar...
King Gizzard & The Lizard Wizard – Infest the Rats’ Nest