A Banda de Lombás: “A xente das romarías agora é moito máis aberta”

Celia Eiras

Quedei con Roberto Bao nun bar da zona vella da Coruña. Foi unha visita fugaz á cidade, case tanto como a nosa charla. Uns vinte minutos estivemos a falar sobre A Banda de Lombás, proxecto no que é percusionista. Tradición, bandas galegas e algunha sorpresa me levei no tren de volta.

Es un dos percusionistas da Banda de Lombás e precisamente neste campo é un dos aspectos sobre os que se fundamenta o proxecto. Como é levar o tempo sabendo que es fundamental?

O que quixemos facer é que dentro dunha formación estándar (tres ventos, tres metais e dous percusionistas) foi intentar cambiar o concepto da percusión. Non dándolle un papel de acompañamento, senón unha concepción máis protagonista, máis de solista. Polo tanto, leva o peso rítmico pero é máis visual polo set que levamos e as técnicas que utilizamos propias da percusión contemporánea.

Que usades exactamente?

Temos un set que compartimos o meu compañeiro na percusión máis eu. Tocamos cara a cara e o público venos de forma lateral. Usamos un bombo, un tambor, unha caixa con bordóns, un pandeiro, unha lata, e logo algo variado para a pequena percusión.

É algo moito máis elaborado que nunha banda tradicional.

Ademais, estas técnicas contemporáneas permítemos cousas como levar en vez de dúas baquetas ter tres ou catro e crear varias capas. Eu podo estar tocando a caixa e o bombo mentres tamén soa a lata e outro instrumento máis. Engádese moita máis profundidade.

Destacades o bo ambiente que se crea cando actuades. Como é un directo da Banda de Lombás?

Nós o que pretendemos co proxecto é crear un soporte para a xente que baila de forma espontánea. Xa non só nas asociacións, que fan un traballo incrible mantendo a tradición, senón que se siga transmitindo de xeración en xeración espontaneamente e que calquera se poda meter nunha roda a bailar e desfrutar, que para iso está! Queremos que estea no mesmo plano a música e o baile, que a xente se divirta connosco.

E o público adoita ser proactivo a este respecto?

Si! Por exemplo no videoclip que fixemos pode verse. Non había coreografía nin guión. Nós só tocamos e puxemos comida e bebida, logo a xente deixouse levar. Por iso todo sae tan natural!

O voso xénero é música tradicional, pero cal é o voso concepto de tradición?

Somos tradicionais dende o punto de vista da banda, da reivindicación desa formación. Aquí en Galicia as bandas populares teñen un arraigo moi forte e ademais crearon unha rede cultural moi importante. Por exemplo, a nivel formativo. Moitos de nós empezamos nunha banda, logo pasamos polo conservatorio e rematamos dedicándonos profesionalmente a isto. Fan un traballo incrible, moitas veces mal pagado e pouco recompensado polas administracións. Si hai subvencións, pero ás veces chegan tarde. Isto vémolo tamén como unha posta en valor e un agradecemento ao que recibimos.

Celia Eiras

Máis aló da percusión, como actualizades o concepto de banda?

Nós fixámonos nas bandiñas pequenas. Aínda queda algunha, de feito na nosa web temos nas fotos dunha de xente maior en Lalín. O que fixemos foi coller ese tipo de formación pequena xa que obviamente agora as bandas son de moitos máis compoñentes. Foise perdendo un pouco ese concepto de verbena para converterse todo nun rollo macro.

No voso repertorio, mesturades temas propios con versións de música popular.

Si, facemos recollidas de música tradicional xa sexa de banda ou doutro tipo e o pasamos á nosa formación. Transcribímolo, dámoslle unha volta, cambiamos a harmonía se procede… Logo por outra parte temos temas propios cos ritmos de aquí, pero cunha aposta un pouco máis creativa.

O público acepta ben esa aposta?

Eu penso que si, estamos tendo boa resposta. A xente felicítanos e nós estamos contentos. Ademais é algo moi persoal e feito dende o cariño.

E exactamente cal é o público ao que buscades chegar?

Un pouco algo transversal. Non queremos centrarnos en xente maior nin en persoas de trinta anos e concreto. Nas festas ás que estamos indo pode verse. Xente maior meténdose nunha roda con xente nova, os cativos bailando… iso é o bonito. Todo é moi libre, ninguén lle molesta que se meta un que non que non saiba, un pouco tamén como foron as festas sempre.

A orixe da banda está no recoñecido relato A lingua das bolboretas de Manuel Rivas.

Si, no libro ao que pertence, Que me queres amor. “Santa Marta de Lombás virás e non volverás”, dicían , que era onde ía orquestiña esta. É un pouco diferente en formación a nós porque tiñan un contrabaixo, pero en esencia é o mesmo. este tipo de banda que vao polas aldeas a facer música.

Soamente tedes boa acollida nas aldeas ou tamén en lugares con máis poboación?

En xeral, o que nos chega tanto de compañeiros músicos como de xente que non o é, son boas críticas.

Celia Eiras

Poñedes tamén moito fincapé na vosa vestimenta. Que ten de especial?

Nós o que tiñamos claro é que queriamos un uniforme que fose unisex, non queriamos diferenciar por un lado os rapaces vestidos dun xeito e as rapazas doutro. Tamén para crear un paralelismo coa festa, xa que non hai filas marcadas xa de mulleres por un lado e homes como había antes. Para isto, contactamos con Miriam Alemany,  unha deseñadora catalá que fai sobre todo roupa para danza.

Agora as romarías son máis progresistas?

Si, dende o meu punto de vista, si. Tampouco me considero un experto nin moito menos pero vexo que agora a xente nas romarías é moito máis aberta. Eu supoño que imos evolucionando e é bo.

Nestes momento, a música tradicional está a ter un pico de popularidade con propostas que igual son bastante diferentes á vosa, pero coas que penso que podedes establecer algún punto de unión, como pode ser Tanxugueiras ou Baiuca. Como valorades este fenómeno?

A min paréceme perfecto. Eu creo que houbo uns anos nos que se facías música tradicional soamente podías seguir unha liña moi marcada. Que se abran as cousas e se podan mesturar paréceme incrible. Iso si, tampouco hai por que chamarlle música tradicional se é algo moi diferente. Eu non creo moito nas etiquetas, aínda que entendo que sexan necesarias para vender. Por exemplo Rosalía é flamenco ou é outra cousa mesturada? O bo é iso, que se mesturen cousas, facer novas propostas.

E vós pensades metervos nesa mestizaxe?

Non o sei, non descarto nada. Por que non? Ou facer algún tipo de colaboración máis adiante. De momento o proxecto está enfocalo a botalo a andar, que non é fácil.

E para rematar, cal é o futuro da Banda de Lombás?

Pois ter moitas festas! (risas) Sobre todo está pensado e botar en serio a andar co proxecto para primavera-verán. Temos outro videoclip para saír que fixemos en estudo. Estamos a rematar de perfilar os temas, que queremos ter setenta e cinco minutos de música, e xa ter todo preparado.

Pódeche interesar...
O Melona Fest confirma a novos artistas cun sabor andaluz